Galicia estará presente na COP26, a 26ª Conferencia das Nacións Unidas sobre o cambio climático que se está a celebrar en Glasgow (Escocia). A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asistirá ás actividades do vindeiro domingo, 7 de novembro. Este novo cumio, que deu inicio a pasada fin de semana e se prolongará ata o 12 de novembro, permitirá poñer en contacto a gobernos de todo o mundo e abrir un debate sobre os diferentes proxectos e iniciativas que cada rexión promove para frear o avance da crise que provoca este fenómeno global.
O Mes da ciencia en galego ofrece actividades na Biblioteca de Galicia e nas bibliotecas públicas Miguel Ángel Garcés da Coruña, de Lugo, Nós de Ourense, Antonio Odriozola de Pontevedra, Ánxel Casal de Santiago e Juan Compañel de Vigo. Entre as propostas previstas cómpre destacar obradoiros infantís de robótica, de física e química a través da cociña, de achegamento as figuras das científicas galegas Ánxeles Alvariño e Isabel Zendal e de xoguetes, entre moitas outras. Para a cativada e público familiar haberá obradoiros, contacontos e espectáculos teatralizados. En todos os centros se disporán mostras bibliográficas con material de divulgación científica.