Hai mundos que, sen sabermos por que, nos habitan mesmo antes de coñecelos. Tal me ocorreu a min con Romanía, pais que me bulía no maxín dende a infancia, moito antes de que me namorasen a súa poesía, a súa paisaxe e a súa xente e, por suposto, de que se traducira a miña obra ao romanés ou, posteriormente, de que eu mesmo viaxase reiteradamente a un territorio que asumín como unha nova patria persoal, sentimental, sensorial e creativa, igual que me pasara cos lugares nos que máis tempo morei: primeiro, por suposto, con Galicia; despois, con Nova York, e, logo, con París e cos países celtas, sobre todo con Bretaña.
Supoño que o primeiro que lin sobre Romanía foi a novela O castelo dos Cárpatos de Jules Verne, que sucede no condado de Hunedoara e na localidade de Vulcán, lugares romaneses que dende entón sempre quixen coñecer e que moito máis tarde conseguín visitar nunha das miñas viaxes por Transilvania. De feito, Transilvania, frondosa rexión cuxo nome significa en latín "máis alá do bosque", aparece xa mencionada nun poema do meu libro xuvenil A boca violeta e, como Máis alá do bosque / Dincolo de pădure, deu nome á antoloxía da miña poesía traducida ao romanés en 2018 por tres profesores romaneses: o poeta Ion Deaconescu, o tradutor Victor Ivanovici e a poeta, tradutora e lingüista transilvana Adina Ioana Vladu.
Anteriormente, xa fora traducido ao romanés, por Ion Deaconescu, o meu poema "A cabeleira (Fragmentos)" como "Plete (Fragmente)", publicado dende 2015 en sucesivas edicións políglotas de A cabeleira e lido e gravado en vídeo polo tradutor en Romanía, como pode escoitarse e verse dende entón na web do multicultural proxecto A cabeleira. Con posterioridade, tal versión foi repetidamente lida por Adina Ioana Vladu en numerosos recitais multilingües organizados en diversas localidades de Galicia e Asturias, lecturas cuxas gravacións en vídeo foron tamén incorporadas á dita web:
https://www.acabeleira.com/a_cabeleira_multilinge.html
A antoloxía Máis alá do bosque / Dincolo de pădure foi presentada no Museo Nacional

da Literatura Romanesa de Bucarest en 2019 nun moi concorrido acto organizado e conducido polo escritor romanés Ion Bogdan Lefter. Nel falaron moi cabalmente das súas versións os tradutores da maioría dos poemas, Victor Ivanovici e Adina Ioana Vladu, mentres que eu presentei e recitei algúns dos meus poemas en intervencións traducidas pola devandita poliglota transilvana. A este respecto, lembro que Ion Bogdan Lefter eloxiou especialmente o seu rigoroso labor de intérprete e que mesmo cualificou de deliciosa a súa dicción.
O animado coloquio que seguiu, no que continuei sendo traducido por Adina Ioana Vladu, contou con interpelacións moi diversas, tanto literarias sobre a miña poesía como lingüísticas sobre o galego, pois, por exemplo, chamou moito a atención a existencia nesta lingua do infinitivo e do xerundio conxugados. Poucas veces puiden constatar ante un público alleo a Galicia tanto interese pola poesía e pola lingua galegas, así que lamento especialmente non ter podido conseguir o vídeo que dúas mozas asistentes realizaron do evento. Finalmente dediquei numerosos exemplares da antoloxía, un deles á escritora Simona Popescu, esposa de Ion Bogdan Lefter, quen por certo me pediu que lle debuxase un gato á beira da dedicatoria, detalle que polo visto coleccionaba.
Rematada a sesión continuou o agradable diálogo durante a cea, compartida por asistentes ao acto romaneses e armenios amigos do ecuménico sabio Victor Ivanovici, coloquio que se prolongou na noite bucarestina coa encantadora filóloga Bianca Vereș, ex-alumna de Adina Ioana Vladu na Universidade de Bucarest. Por certo, a visita noutra xornada á Facultade de Linguas e Literaturas Estranxeiras desta universidade, na que fora estudante e profesora a miña devandita guía en Romanía Adina Ioana Vladu, quen se doutorou nela, deparoume o encontro co busto do poeta nacional romanés Mihai Eminescu, co que fun retratado. Na contorna do macizo edificio brota lixeira a auga dunha gran fonte e perdura unha entrañable e mínima tenda de bisutería artesá, na que a miña acompañante adquirira pezas tan orixinais como un colar composto por motivos fantásticos do mundo carrolliano de Alicia no País das Marabillas.
Agora ben, a presenza do canónico poeta romántico decimonónico Eminescu é constante en Bucarest, dende a librería próxima á dita facultade que leva o seu nome ata a súa tumba no sendeiro dos escritores do Cemiterio Bellu, arborado panteón nacional que toma o seu apelido dun ministro decimonónico. Nel encóntranse en efecto sepulcros de coñecidos escritores, como Ion Luca Caragiale, George Bacovia, Liviu Rebreanu ou o poeta e matemático Ion Barbu. Diante do panteón de Eminescu, provisto dun medallón coa súa efixie en bronce, instalouse intencionadamente o do célebre poeta do século XX Nichita Stănescu, tamén provisto do seu rostro esculpido en bronce.
De confección natural menos solemne, acaso en sintonía coa súa produción, resulta a veciña tumba do interesante tradutor e poeta vangardista Gellu Naum, fundador do grupo surrealista romanés. Tras visitar estas sepulturas, intereseime polas doutros importantes escritores do século XX, como Zaharia Stancu, dotada dun medallón co seu rostro, ou Marin Preda, representado cun gran busto. A tumba do censurado poeta durante o comunismo Marin Sorescu, ministro de Cultura cando chegou a democracia, ten a particularidade de presentalo nun retrato fotográfico na compaña da súa esposa Verginia Sorescu, que foi presidenta da fundación que leva o nome do seu marido e coa que está enterrado.
Entre as mulleres alí inhumadas sobresaen a polifacética escritora Elena Văcărescu, de moi itinerante e novelesca vida, e a cantante e actriz María Tănase, que me descubrira

Olga Novo cando moraba en Bretaña. Precisamente sobre a primeira escribín e publiquei en Galicia, conxuntamente con Adina Ioana Vladu, o artigo "Florencio Delgado Gurriarán, tradutor ao galego da poeta romanesa Elena Văcărescu" en 2022.
O Museo Nacional da Literatura Romanesa de Bucarest, que visitei con calma, contén toda clase de manuscritos, documentos, libros, fotografías e obxectos persoais de importantes escritores romaneses, dende os decimonónicos Mihai Eminescu, Ion Creangă e Ion Luca Caragiale ata outros do século XX moi lidos por min, como Mircea Eliade, Lucian Blaga ou Nichita Stănescu, pasando polo fundador do dadaísmo, Tristan Tzara, finalmente instalado en Francia, onde teño visto e fotografado a súa tumba cadrada no cemiterio de Montparnasse en París. E outro exiliado en Francia presente no museo que tamén lin dabondo é o filósofo nihilista Emil Cioran. Emocionoume realizar tan viva e vasta inmersión na literatura romanesa en tan suxestivo museo, onde me detiven especialmente nas seccións dos ata aquí mencionados e nas de Tudor Arghezi, Gellu Naum e Marin Preda.
Mais o Museo Nacional da Literatura Romanesa tamén atesoura documentos de autores estranxeiros, como Proust, Valéry, Thomas Mann, Alberti, María Teresa León, Papini ou Ungaretti. A exposición temporal dedicada a retratos fotográficos de escritores que puiden ver no soto do museo contaba co da exiliada Nina Cassian, imaxe que fotografei coa súa estudosa e tradutora ao galego Adina Ioana Vladu, autora tamén de versións a esta lingua de poemas de Lucian Blaga, Tristan Tzara, Zaharia Stancu, Nichita Stănescu, Marin Sorescu ou Iv cel Naiv no seu pioneiro Caleidoscopio romanés de 2018. Na tenda do museo adquirín marcapáxinas dedicados a Eminescu, Stănescu e Blaga. Ademais, a mesma institución rexenta cinco casas conmemorativas dedicadas, respectivamente, aos escritores Anton Pann, Tudor Arghezi, George Bacovia, Ion Minulescu e Liviu Rebreanu.
Naquela felicísima estadía en Bucarest, histórica capital de Muntenia ou Gran Valaquia, empapeime de poesía, música e cine de Romanía, pero, en realidade, xa ía anticipadamente motivado. De feito, na "Rapsodia romanesa" que iniciou a miña antoloxía traducida ao romanés e despois tamén o poemario de ambientación romanesa ADN do infinito mencionei e intertextualicei ao romántico Eminescu e ao existencial Stănescu. E no poema "A ostra", así mesmo do último libro citado, procurei certa fusión co erotismo transgresor de Nina Cassian, a poeta romanesa máis estudada e traducida por Adina Ioana Vladu, con quen fun ver o interesante documental sobre a súa tumultuosa vida A distancia entre eu e mais eu no Cinéma Elvire Popesco de Bucarest. Máis tarde remitín conxuntamente a estes tres poetas do amor e do desexo na composición metapoética do mesmo poemario "Fado da Fata Morgana".
En Bucarest tiven ocasión de mergullarme na variada escena nocturna que a caracteriza e mesmo puiden asistir a un concerto, no que precisamente non faltaron os fados, da excelente cantautora Maria Răducanu, a "muller guitarra" que aparece no poema "Fado da Fata Morgana" de ADN do infinito. No mesmo libro, "Cando a noite cae sobre Bucarest" comeza citando a súa famosa e fascinante canción "Cristina" que lle reclamou o público do concerto en cuestión como é habitual que lle ocorra, á parte de que para as persoas presentes procedentes de Galicia tivese ademais un íntimo e nominal eco afectivo e sensual.
En Bucarest tiven moitos outros encontros estéticos, dende a dourada catedral que é o templo ortodoxo máis grande do mundo ao non menos dourado templo ruso coñecido como igrexa dos estudantes, pasando pola fermosa e branquísima librería Carusel, dotada de catro andares provistos de columnas. Entre as sorpresas imprevistas lembro o nome do restaurante Lugo na rúa do compositor George Enescu ou os preciosos bancos con formas e cores de cebra na estación de metro da Praza Vitoria. E, para ben e para mal, tamén abundaron as sorpresas artísticas no Museo de Arte Contemporánea instalado nunha ala vidrada do grandioso edificio neoclásico do Pazo do Parlamento, o máis grande do mundo despois do Pentágono dos Estados Unidos.
En realidade, ADN do infinito forxouse e compúxose en gran medida naquela primeira estancia romanesa, onde descubrín as fascinantes figuras femininas da prehistórica cultura Cucuteni, desenvolta en territorios das actuais Romanía, Moldavia e Ucraína. Alí adquirín en terracota espiral e xeometricamente pintada de vermello marabillosas réplicas destas sensuais figuras, que logo quixen que se reproduciran en relevo na cuberta do dito libro, combinando así o táctil co visual. Ademais, utilizando a técnica do manuscrito encontrado, compuxen un "Caderno Cucuteni" sobre un tecido de formas xeométricas tipicamente transilvanas, que serviu de punto de partida para que a artista Sara Lamas realizase as colaxes que ilustraron o interior do libro.
Agora ben, en ADN do infinito hai moitas outras referencias artísticas romanesas de base étnica, como A blusa romanesa pintada por Matisse, cadro que me cautivou dende que o vin na mocidade en París, onde adquirín unha postal del para min e outra para o meu vello amigo Ánxel Fole, devoto do pintor francés. Polo demais, as liñas espigadas e quebradas de A blusa romanesa repítense no colorido lenzo "O soño" e noutros moitos cadros e debuxos do mesmo artista, que tanto inspirou a Picasso. En realidade, Matisse pintou ornamentadas blusas romanesas dende que lle regalou varias o pintor romanés colaborador seu Theodor Pallady, de quen por certo existe un museo en Bucarest. Mais o modisto Yves Saint-Laurent introduciu o seu deseño na moda de alta costura, vestindo con el á supermodelo Laetitia Casta, camiño que seguiron outros modistos e modelos provocando todo un debate nacional en Romanía sobre a apropiación cultural. De feito, para preservar o rico e orixinal patrimonio téxtil romanés, fundouse unha organización non gubernamental, co nome de A Blusa Romanesa que precisamente convoca cada ano o Día Universal da Blusa Romanesa.
O creador romanés que máis me gustou sempre foi o pioneiro escultor Constantin Brâncuși, tan étnico como vangardista, que aparece como referente artístico en ADN do infinito no poema "Vivindo cun Brâncuși", pois ninguén como el encarnou a materia romanesa: "Mais agora eu, / pola alquimia do amor, / vivo cun Brâncuși". Esta é a razón pola que procurase ver as súas obras en museos de París ou de Nova York, pero tamén en Craiova e na súa natal Târgu Jiu, onde se expoñen ao aire libre as súas obras maiores e onde recitei e gravei en vídeo o citado poema, como teño relatado no artigo
"Revivindo a escultura de Brâncuși en Romanía"
Mais non só a poesía e a arte, senón tamén a lingua romanesa me fascinou ata procurar intertextualizar as súas peculiares expresións, como ocorre no poema "Grazas fermosas" do mesmo libro citado, xa que en romanés agradécese de tan fermoso xeito: "mulțumesc frumos". Malia ser unha lingua románica, o romanés contén numerosas influencias eslavas e húngaras, pero a orixe romana que manifesta o nome do país acredítase constantemente na toponimia (Alba Iulia, Cluj-Napoca, Transilvania ou Traian polo emperador Traxano que conquistou Dacia) e en moitos monumentos, como os da loba aleitando aos nenos Rómulo e Remo en Bucarest ou en Timișoara, capital da rexión de Banat.
Ademais de Muntenia ou Gran Valaquia, de Transilvania e de Banat, tamén viaxei a Oltenia ou Valaquia Menor cando en 2023 participei no Festival Mundial de Poesía de Craiova, en cuxas aforas gocei do artístico e colorista mosteiro ortodoxo de Jitianu, e Calafat, cidade esta que me permitiu coñecer a beira do sempre interesante río Danubio. Na capital oltena, onde visitei o interesante Museo de Arte, o enorme Parque Nicolae Romanescu, o moderno Teatro Nacional Marin Sorescu e edificios históricos tan impoñentes como o do Concello e o do Consello do Condado de Dolj, escribín o poema "Craiova, capital da harmonía", e, na Târgu Jiu natal de Brâncuși, a composición "Contigo (Demostrado por Brâncuși)", tal como xa relatei no artigo
"Festival mundial en torno ao poeta Eminescu en Romanía"