Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Revivindo a escultura de Brâncusi en Romanía

viernes, 21 de julio de 2023
Conmemorando o centenario do artista galego Luis Ferreiro Peinó en 2021 lembrei a súa aproximación á abstracción lisa e lixeira de Brâncuși, así que, agora, repasando as obras do escultor romanés que vin en París, Nova York e ultimamente Romanía, quero comezar por lembrar a produción do benquerido amigo lugués que adaptou as leccións do reputado mestre universal á nosa madeira local, tal como fixeran con outros materiais discípulos de aquel tan cosmopolitas como Isamu Noguchi nos Estados Unidos de América: https://www.galiciadigital.com/opinion/opinion.28572.php

En efecto, o maxisterio de Constantin Brâncuși estendeuse ao longo do século XX por todo o mundo, pois este artista, tras formarse en Romanía e en París, desenvolveu un Revivindo a escultura de Brâncusi en Romaníainconfundible estilo propio que resultou tan fundacional na vangarda histórica como na posterior abstracción. Deste xeito, quen aprendera como todos do escultor Rodin, quen convivira co pintor Modigliani, quen se relacionara cos multiartistas Picasso e Duchamp, quen conversara co poeta Apollinaire, co músico Satie ou co filósofo Cioran, soubo conectar exemplarmente as formas primarias da arte prehistórica e primitiva coa vangardista simplificación arquetípica da curva, do óvalo, do ovo e do cilindro, pois consideraba que a simplicidade non é máis que a complexidade resolvida.

O meu primeiro contacto directo coa obra de Brâncuși produciuse no "Atelier" do escultor recreado polo arquitecto Renzo Piano no Beaubourg de París, que visitei decenas de veces dende a miña mocidade ata a miña estancia como profesor visitante na capital de Francia. Trátase, en efecto, dunha vívida réplica do taller orixinal do artista no Impasse Ronsin, que este concibira como unha orgánica obra de arte total, pois ao final da súa vida ordenou centos de pezas como unha unidade na que estaba representada en escaiola ou en variantes non vendidas case toda a súa produción, incluíndo debuxos e bocexos. Mais este fascinante testamento tridimensional testemuña a tendencia do polifacético Brâncuși cara a unha arte de experimentación integral.

Así o demostra a marabillosa serie escultural de "O bico", iniciada en xeso e continuada en pedra calcaria, onde dous corpos simétricos reducidos a rostros se bican nunha fusión absoluta, que os converte en bloque unánime á maneira exipcia ou grega clásica, aínda que existe unha versión monumental de corpo enteiro que puiden ver na tumba dunha suicida moza ucraína no cemiterio de Montparnasse de París. Posteriormente contemplei versións de menor tamaño deste bico que máis ben é unha aperta no Museo de Arte de Filadelfia e, con vital emoción compartida, unha copia en pedra de marna (mestura de calcaria e arxila) no Museo de Arte de Craiova, capital da rexión de Oltenia na que naceu o escultor.

Máis modernista e menos primitiva é a estilizada e sensual cabeza de bronce titulada "Mademoiselle Pogany" porque retrata á artista húngara Margit Pogány, modelo habitual do escultor en París, unha mostra da cal admirei por primeira vez no Museo de Arte Moderno de Nova York, aínda que despois vin outras dúas no Museo de Arte de Filadelfia e así mesmo, situada á beira de "O bico" e máis pezas de Brâncuși, unha copia no Museo de Arte de Craiova. Non estraña que o seu encanto motivara incluso o nome dun establecemento comercial que vin na brancusiana cidade de Târgu Jiu, onde por certo tamén me atopei coa placa da tinturería onde o futuro artista traballara como aprendiz durante asúa nenez.

Mais a serie que levou máis alá na arte a Brâncuși foi sen dúbida a de "O paxaro do espazo", onde quixo esculpir en mármore e bronce, máis que un paxaro que voa, a esencial idea do propio voo despoxado de alas e demais referencias concretas. Eu vin unha das versións que fixo en mármore no Museo Metropolitano de Nova York e outra das que fixo en bronce no Museo de Arte Moderno da mesma cidade. Parece que en Romanía non se conserva ningunha das numerosas variantes que realizou, pero na súa nación orixinaria perdura en cambio o voo dos paxaros que o artista quixo xa desentrañar na súa infancia por simbolizar, a través da ascensión, a superación da condición humana, ou, como diría o escritor e filósofo romanés Mircea Eliade, a transcendencia. Non en van, segundo demostra este gran historiador das relixións e das mitoloxías no seu excelente artigo "Brâncuși e o desexo do voo", o escultor partiu do motivo folclórico romanés da Măiastra (Pasărea măiastră, que significa en romanés paxaro marabilloso), fabulosa ave feminina que na literatura fantástica tradicional se converte en fada, como acaso tamén na vida.

A viaxe a Oltenia de 2023 permitiume gozar, ou máis ben convivir demoradamente, co conxunto escultural de Brâncuși na fluvial cidade de Târgu Jiu, composto por tres grandes obras realizadas en honra dos romaneses falecidos durante a Primeira Guerra Mundial defendendo o seu país da invasión alemá: a "Mesa do silencio", a “Porta do bico" e a "Columna sen fin". As dúas primeiras, unidas por unha galería de cadeiras de pedra, encóntranse no gran parque da cidade, cheo de referencias a Brâncuși (incluído Revivindo a escultura de Brâncusi en Romaníaun mural que parece dialogar coa arte óptica de Vasarely), pois nun dos seus edificios, posteriormente musealizado, morou cando as realizou. A última encóntrase nun parque exento situado en quilométrica liña recta das anteriores. En medio do conxunto, case fronte a Porta do Bico, encóntrase a Pensiunea Antique, dende a cal puiden divisar a diario este frondoso e consolador parque situado entre unha beira do río Jiu e o Bulevar Constantin Brâncuși.

A "Mesa do silencio", realizada en pedra transilvana de Banpotoc, representa o lugar de reunión, quizais para a preparación da loita, polo que as doce cadeiras redondas que a circundan teñen forma de reloxos de area que apelan gravemente á meditación e ao silencio. A "Porta do bico", trilito realizado en porosa roca travertina dos arredores oltenos, é unha especie de arco de triunfo onde a vida parece vencer a morte, pois nas súas rexas columnas aparece estilizado ata a abstracción o prototípico bico brancusiano, convertido aquí en xigantescas pupilas que reteñen o amor a través da memoria. A metálica "Columna infinita", executada en ferro fundido e aceiro revestidos con latón, foi concibida como místico Axis Mundi, eixo do mundo que comunica o ceo coa terra, en forma de quince octaedros romboides, sen principio nin fin, baseados en elementos construtivos da tradición arquitectónica romanesa.

Mais esta íntima convivencia coas obras maiores de Brâncuși en Târgu Jiu que tanto me fascinou ten correlación obxectiva no meu poema "Vivindo cun Brâncuși", pertencente ao libro de inspiración romanesa ADN do infinito, publicado en 2021:
"Dende a espiral prehistórica / das figuras Cucuteni / quixemos tocar o sublime, / percorrer a vida curva e curva, / acariciar unha obra de Brâncuși, / comprobar o orgánico matérico, / a tersura da forma, / a lisura da luz, / a curvatura definitiva do belo. // E tentamos realizar tal desexo / na columna infinita, / na mesa do silencio, / na porta do bico, / no taller de Brâncuși. // Mais agora eu, / pola alquimia do amor, / vivo cun Brâncuși. // E todos os días / comprobo coas mans / e con todo o meu corpo / a vida da beleza / e a beleza da vida."

Por isto, encantoume responder as preguntas sobre a vida na arte, a partir de Brâncuși, do alumnado e do profesorado do políglota Instituto Voltaire de Craiova, despois de recitar alí, neste ano de 2023, o poema "Vivindo cun Brâncuși" en galego, acto seguido do recital da tradución romanesa da poeta e lingüista transilvana Adina Ioana Vladu que leu a continuación o poeta e profesor olteno Ion Deaconescu, tal como recolleu este vídeo: https://www.youtube.com/watch?v=tKVYxIdmpys

Ademais, a demorada estancia posterior en Târgu Jiu permitiume gozar con calma do citado conxunto monumental de Brâncuși, onde foron gravados vídeos lendo eu o poema en galego ante a "Porta do Bico" (https://www.youtube.com/watch?v=0t_IXCSVTNI) e ante a "Mesa do silencio", lugar este onde tamén gravou a súa tradución ao romanés Adina Ioana Vladu (https://www.youtube.com/watch?v=3k3QL9Ox1gE).

En fin, revisitar a obra de Brâncuși admite todas as posibilidades reais e simbólicas da arte total, sempre enraizada no pasado, sempre viva no presente e sempre proxectada ao futuro, como quixen expresar matematicamente no meu poema "Contigo (Demostrado por Brâncuși)":
"O pasado é o óvalo / do tempo perpetuo. // O presente é o bico / en fusión permanente. // O futuro é o paxaro / do espazo infinito. // (Demostrado por Brâncuși)".
Rodríguez Fer, Claudio
Rodríguez Fer, Claudio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES