Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Festival mundial en torno ao poeta Eminescu en Romanía

martes, 11 de julio de 2023
Sendo eu aínda adolescente, pero xa moi interesado pola diversidade cultural no mundo, conseguín mercar o "Atlas de Literatura Universal", do instrutivo publicista Antonio Padilla Bolívar, no que puiden coñecer o nome e a efixie de numerosos escritores das máis diferentes procedencias xeográficas e lingüísticas do noso planeta. Entre eles figuraba o posromántico Mihai Eminescu, canon da literatura romanesa Festival mundial en torno ao poeta Eminescu en Romaníadende o século XIX, a quen dende entón quixen ler.

Ademais, durante a miña mocidade universitaria, descubrín que o lingüista estruturalista ruso Roman Jakobson, en colaboración co filólogo romanés Boris Cazacu, analizara en 1962 o famoso poema "Revedere" (Reencontro) de Eminescu nun dos brillantes comentarios que integraron o seu referencial libro "Questions de poétique", editado en 1973 baixo a dirección do polígrafo búlgaro, tamén estruturalista, Tzvetan Todorov. En dito estudo, Jakobson e Cazacu puxeron de manifesto o esforzo de Eminescu por procurar unha lingua identificable coa natureza, acaso en similar maneira á tentada entre nós pola tamén posromántica Rosalía de Castro (por certo equivalente canon decimonónico de aquel na literatura galega), en poemas como o que comeza "Dicen que no hablan las plantas, ni las fuentes, ni los pájaros, / ni el onda con sus rumores, ni con su brillo los astros, / lo dicen, pero no es cierto..."

Comecei así a ler con interese a poesía de Eminescu, que me pareceu tan suxestiva como sublime, primeiro a través das recreacións españolas dos entón exiliados Rafael Alberti e María Teresa León, e logo a través de traducións directas ao portugués e ao castelán máis fieis, lecturas que ademais me abriron as portas á riquísima poesía romanesa. Por isto me fixo moita ilusión que o poeta e profesor universitario Ion Deaconescu traducira ao romanés en 2015 o meu poema "A cabeleira (Fragmentos)", versión que se publicou co título de "Plete (Fragmente)" nas sucesivas edicións multilingües de dito poema en 35, 60 e 70 idiomas, así como que gravara en Romanía a súa lectura en vídeo para a web correspondente: https://www.acabeleira.com/a_cabeleira_multilinge.html

Mais na miña inmersión na excelente poesía romanesa foi decisivo o encontro coa poeta e filóloga transilvana Adina Ioana Vladu, pois participou nos recitais multilingües de "A cabeleira" de 2015 e 2016 en Santiago de Compostela lendo a versión de Ion Deaconescu, recitais que tamén se recollen en vídeo na citada web. En efecto, esta doutora en Lingüística pola Universidade de Bucarest, onde exerceu a docencia, traduciu ao galego, tras establecerse en Galicia, a Lucian Blaga, Tristan Tzara, Zaharia Stancu, Nina Cassian, Nichita Stănescu e Marin Sorescu, entre outros poetas do século XX recollidos no seu Calidoscopio romanés, publicado en "Unión Libre. Cadernos de vida e culturas" no ano 2018: https://www.unionlibre.org/artigos/calidoscopio%20roman%C3%A9s.pdf

Inversamente, Adina Ioana Vladu traduciu ao romanés poesía galega de Rosalía de Castro e coordinou, contando con versións propias e dos filólogos Victor Ivanovici e Ion Deaconescu, a antoloxía bilingüe da miña poesía "Máis alá do bosque / Dincolo de pădure", publicada en 2018 e presentada no Museo da Literatura Romanesa de Bucarest en 2019. Durante esta estancia en Romanía tiven ocasión de visitar a tumba de Eminescu e doutros moitos autores no cemiterio literario de Bucarest, así como o busto de dito poeta posromántico na Universidade da mesma cidade. Ademais, o interese compartido con Adina Ioana Vladu polas poesías romanesa e galega levounos tamén a realizar xuntos o artigo "Florencio Delgado Gurriarán, tradutor ao galego da poeta romanesa Elena Văcărescu", editado no volume "Estudos arredor de Florencio Delgado Gurriarán" en 2022, e que tamén remite a Eminescu.

Mais a visita a Bucarest e o periplo por Transilvania de 2019 provocaron en min a creación de boa parte do libro "ADN do infinito", no que figuran abondosas referencias á arte (a cultura prehistórica Cucuteni, a escultura contemporánea de Brâncuși) e á poesía da actual Romanía (dende Eminescu á lirica do século XX). De feito, xa o primeiro poema do libro, titulado "Rapsodia romanesa", intertextualiza directamente a Eminescu: "Algunha folla caeu sobre a herba / e aínda espero que despois / de inclinarme ata o chan, / como facía Eminescu, / para absorber calquera verba / acariciada polos teus beizos, / nunca máis calases en ningunha lingua..."

Tal é a razón de que recitase en Craiova e en Calafat esta "Rapsodia romanesa" durante o Festival Mundial da Poesía organizado pola Academia Internacional "Mihai Eminescu", que preside o citado activista cultural Ion Deaconescu, ao que fun convidado en xuño de 2023 e no que moi xenerosamente se me entregou a Medalla "Mihai Eminescu" ("polos seus méritos na actividade cultural nacional e mundial"), o Premio de Historia e Crítica Literarias ("polas súas consideracións estéticas e a súa participación creativa sobre a poesía mundial") e o Diploma de Embaixador Cultural ("pola comprensión das culturas diferentes, a promoción do herdo espiritual e a cooperación literaria").

Agradezo a Adina Ioana Vladu a tradución do galego ao seu primeiro idioma desta "Rapsodia romanesa" e dos demais poemas meus que figuran na antoloxía internacional do Festival en cuestión, así como as súas lecturas en diversos actos do mesmo por parte de dita tradutora, do director Ion Deaconescu e da poeta Roxana Ilie. Neste complexo encontro multilingüe actuaron como eficientes intérpretes e políglotas tradutoras a profesora Irina Lupu, a escritora Eveline Păuna e a citada Roxana Ilie. As dúas últimas comparten escenario comigo neste vídeo bilingüe gravado no Museo de Arte de Calafat: https://youtu.be/D3c8KKS7fYQ

Precisamente en Calafat tiven a honra de participar na ofrenda floral ante a estatua de Festival mundial en torno ao poeta Eminescu en RomaníaEminescu no parque que leva o seu nome, así como noutra en Craiova ante o busto do mesmo autor do emblemático poema "Luceafărul" (O luceiro) no enorme e precioso parque "Nicolae Romanescu" impulsado polo alcalde que lle dá nome, cuxa maqueta obtivo o Gran Premio da Exposición Universal de París de 1900. Ambas esculturas son realistas, como tamén a da Universidade de Bucarest, e por tanto moi diferentes da máis vangardista erixida no Barrio Latino de París que tanto frecuentei morando na capital de Francia.

O Festival concluíu cun oportuno manifesto pola paz dende a poesía asinado por todos os poetas convocados, procedentes de diversos países de Europa, América, África e Asia. Sen dúbida contribuíron decisivamente a tal harmonía cívica e poética, a esplendorosa música culta, que nos acompañou cos enérxicos tríos de violíns e contrabaixo, e a incitante música popular, que nos fascinou co ledo e vitalísimo taraf xitano-romanés, durante o encontro. Nunca esquecerei a virtuosa parella de violíns conformada por Dan e Dana Delia Bozgan interpretando a "Danza húngara número 5" de Brahms ou a romanza ucraína "Ollos negros" de Hrebinka, nin tampouco ao primeiro, precoz descendente dunha familia de grandes mestres da música, tocando freneticamente a popular canción rusa "Kalinka" de Larionov en compaña dun veterano e virtuoso contrabaixista, ademais de outras deliciosas pezas arxentinas e romanesas.

En consecuencia, "Craiova, capital da harmonía" foi o título do poema que me inspirou esta estancia comprometida coa paz e coa poesía, que acaso son caras dunha mesma medalla: "A cidade renacía co canto ancestral dos galos e dos dacios / que precederon ao esplendor dos parques e dos museos. // A poesía expresábase libre en todas as linguas. / A beleza vestíase co intenso azul do ceo, / como os ollos dos gatos nas gatas, / segundo nos dixo o máis vello dos poetas. / Porque a poesía se expresaba libre en todas as linguas. // A existencia fundíase como o negro no branco, / como a guerra na paz, como a morte na vida, / como a auga no eros, como a flora na ofrenda, / como a diferenza esluída felizmente na música / que ascende pola unánime árbore das diversidades. // Craiova, capital da harmonía a través da poesía / renacendo como renaceu o amor na humanidade / dende antes de que existisen o propio e o alleo, / o norte e o sur, o este e o oeste, o reverso e o verso. / Craiova, onde todo é posible e a realidade é desexo. // Craiova, capital mundial do plural que é a poesía."
Rodríguez Fer, Claudio
Rodríguez Fer, Claudio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES