
Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Román Rodríguez e Ethel Vázquez, respectivamente, visitaron o Mosteiro de Sobrado dos Monxes, onde presentaron as futuras leis do Patrimonio e do Solo, dous textos lexislativos que se aprobarán esta lexislatura, como unha oportunidade para conservar, poñer en valor e dinamizar os Camiños de Santiago.
Durante o acto conmemorativo da recente declaración das rutas dos Camiños do Norte como Patrimonio Mundial da Unesco, o titular do departamento educativo da Xunta recordou que este fito beneficia directamente a oito concellos da Coruña, o que consolida esta provincia como un espazo de referencia no eido do patrimonio do máximo nivel mundial. Precisamente, por Sobrado pasa a Ruta da Costa, que tamén transcorre por Vilasantar, Boimorto, Arzúa, O Pino e Santiago. Pola súa banda, Toques e Melide forman parte do percorrido do Camiño Primitivo.
Neste marco, Román Rodríguez recordou o peso relevante que terán os Camiños de Santiago dentro da nova Lei do Patrimonio, que regulará todos os conceptos en torno ás rutas. Segundo dixo o conselleiro, o recoñecemento como Patrimonio Mundial vai revitalizar aínda máis os Camiños do Norte, e vai servir de estímulo económico para os concellos e os pobos polos que pasa. A este respecto apelou ao compromiso de todos por preservar e garantir a calidade dos nosos bens patrimoniais mantendo as actividades humanas que se desenvolven nas súas contornas.
Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, asegurou que a nova Lei do solo representa unha oportunidade para impulsar os Camiños de Santiago, pois contén unha verdadeira aposta por dinamizar con garantías o rural galego polo que transcorre, desde o convencemento de que non podemos concibir unha Galicia próspera sen un rural vivo.
Así, explicou que a nova Lei do solo avoga por compaxinar a protección da paisaxe e a esencia do rural galego cun axeitado desenvolvemento que potencie a fixación de poboación, porque non hai solo máis desprotexido que o que está sometido ao abandono.
Destacou que o texto normativo harmoniza a lexislación sectorial coa lexislación urbanística, de tal xeito que, en adiante, será a Consellería de Cultura a encargada de establecer as medidas protectoras que se deben aplicar no solo de protección de patrimonio, que é o caso de gran parte do solo que percorre o Camiño de Santiago.
Dese xeito, coa tutela dos técnicos de Patrimonio e coa obriga de redacción dun Plan Especial, a Lei favorecerá o desenvolvemento de novos equipamentos turísticos que contribúan a aproveitar os Camiños como materia prima dunha industria turística que aposte pola sostibilidade ambiental e facilite o progreso económico.
Ademais dos dous conselleiros, ao acto tamén asistiron a directora do Instituto de Estudos do Territorio, Inés Santé; e a delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo.
Como é sabido por Galicia transitan dúas das catro rutas que obtiveron o recoñecemento da UNESCO: o Camiño da Costa, que comunica a cornixa Cantábrica con Compostela, e o Camiño Primitivo. Ademais, abarca singularmente catro monumentos: a Muralla e a Catedral lucenses, a Catedral mindoniense e o Mosteiro de Sobrado dos Monxes.
O Camiño do Norte, procedente de Asturias, ten dúas variantes, a coñecida como ruta da Costa e a ruta do Interior, que é a que se corresponde co Camiño Primitivo ou Camiño de Ovedo. O trazado deste camiño, ao seu paso por Galicia, discorre por un total de 9 concellos: A Fonsagrada, Baleira, Castroverde, Lugo, Guntín, Friol, Palas de Rei, Toques e Melide, onde finalmente entronca coa ruta principal do Camiño de Santiago: o Camiño Francés.
Pola súa banda, o Camiño da Costa discorre por un total de 16 concellos, en concreto falamos de Ribadeo, Barreiros, Trabada, Lourenzá, Mondoñedo, Abadín, Vilalba, Guitiriz, Begonte, Friol, Sobrado, Vilasantar, Boimorto, Arzúa, O Pino e Santiago de Compostela, onde entronca co Camiño Francés á altura da cabeceira do aeroporto de Lavacolla.
A Consellería de Cultura e Educación, a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultura, leva comprometidos e investidos desde 2009 ata o día de hoxe preto de 12 millóns de euros nestes 24 concellos.
Previamente ao acto conmemorativo en Sobrado dos Monxes, o conselleiro visitou tamén a Ermida de Nosa Señora das Pías, na cal se están a investir máis de 200.000 euros para restaurar a capela. Tamén en Sobrado, a Consellería está levando a cabo traballos de limpeza no campamento romano de Cidadela.
Fotografía: Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia
Jannis Kounellis é un dos artistas fundamentais da historia da arte da segunda metade do século XX. Foi obxecto de grandes exposicións retrospectivas na Fondazione Prada, Venecia (2019), e no Museo Jumex, Cidade de México (2023). Entre as súas exposicións individuais institucionais destacan as do Musée dArt Moderne de la Ville de Paris (1980), Whitechapel Gallery, Londres (1981), Castello di Rivoli, Turín (1988), Stedelijk Museum, Ámsterdam (1990), Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, Madrid (1996), Albertina, Viena (2005), Neue Nationalgalerie, Berlín (2007), MACRO, Roma (2016), Walker Art Center, Minneapolis (2022) e Museo Jumex, Cidade de México (2023).
O calendario de Programación Kármica arranca este 25 de setembro con Taïn na Sala Guión de Pontedeume. A seguinte cita será o 16 de outubro, con Camellos e Cora Yako en La Conservera de Viveiro, mentres que o 24 de outubro actuarán Javier Lago e Santi Araújo na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. O ciclo chegará precisamente á sala que acolle hoxe a súa presentación, A Cofradía de Vilanova de Arousa, o 27 de novembro, coas actuacións de Montedapena e Nuntia. O programa de 2026 pecharase o 26 de decembro na Pousada da Galiza Imaxinaria con Portosanto e Hermanos Visi.