Noticias

Educación pide apoyo para fortalecer la política lingüística y anuncia que invertirá más de 18 millones para mejorar las infraestructuras y la digitalización de la enseñanza obligatoria

En su primera comparecencia parlamentaria, el conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, ha presentado las líneas estratégicas de su departamento entre las que destaca pedir "apoyo" y "sumar" para lograr una cultura "fuerte" incrementando el "uso" del gallego, pero "abandonando la confrontación". La oposición denuncia, una vez más, el "ultraje" al gallego y censura los 300.000 euros del vídeo de Enrique Iglesias.

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, compareceu no Parlamento de Galicia para expoñer as liñas estratéxicas do departamento que dirixe no que queda de lexislatura, unha folla de ruta na que se reforza tanto o esforzo inversor como os aspectos cualitativos para dar un novo impulso ao modelo educativo. Neste sentido comprometeu un investimento de máis de 18,4 millóns de euros para a ampliación e dotación de equipamento aos centros de ensino das 4 provincias galegas.

A dinamización da lingua galega en todos os eidos da sociedade á par do impulso á aprendizaxe de idiomas; a continuidade da posta en valor das bibliotecas e ás actuacións en prol da mellora da convivencia e o avance na adaptación á LOMCE foron as principais actuacións anunciadas polo conselleiro no eido do ensino.

Respecto da política cultural, Román Rodríguez comprometeuse a apoiar o fortalecemento da cultura tanto como servizo público básico como a nivel de industria xeradora de empregos, de tecido empresarial e de proxectos emprendedores. Para iso a Consellería apostará pola internacionalización do sector, ao tempo que se potencia a imaxe do Gaiás como “unha auténtica fábrica cultural”. Asemade porase un novo fito no eido da protección do patrimonio cultural coa presentación dunha nova norma que fusione a de 1995, a Lei dos Camiños de Santiago de 1996 e a lexislación sobre traballos de dotación artística de 1991.

Ao abeiro do esforzo inversor en mellora de infraestruturas educativas a Consellería xestionará preto de 18,4 millóns de euros dos que máis de 6,1 se destinará a obras de ampliación e mellora dos centros e dos seus equipamentos, e outro millón de euros irá dirixido á adquisición de equipamentos de alto valor tecnolóxico para o seu uso nas ensinanzas de Formación Profesional.

Os restantes 11,2 millóns de euros serán xestionados pola Consellería e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) para incorporar ás aulas públicas de 5º e 6º de Primaria e da ESO equipamento informático renovado —encerados dixitais, proxector, etc—, así como acceso á internet. A nova actuación, de dixitalización do 100% das aulas públicas nestas etapas, ten que como obxectivo facer desaparecer a fenda dixital nos centros educativos. Ademais, dáse continuidade á estratexia de implantación das TIC no sistema educativo iniciada en 2010 co Proxecto Abalar e continuada en 2014 co programa de libro dixital E-Dixgal.

A maiores deste investimento a Consellería afondará na mellora do sistema educativo desde o aspecto cualitativo con medidas como o impulso das bibliotecas escolares como espazos fundamentais para o éxito escolar a través da actualización da estratexia do Plan de lectura, información e aprendizaxe de bibliotecas escolares, Plan Lía 2015-2020. Así mesmo darase continuidade ás políticas en materia de atención á diversidade e mellora da convivencia nas aulas con medidas como a creación do que será o primeiro Consello para a Convivencia Escolar da Comunidade Autónoma de Galicia. No referido á adaptación á LOMCE avanzarase na implantación da FP Básica, e nos próximos días someteranse a exposición pública os textos iniciais dos decretos dos novos currículos de ESO e de Bacharelato.

No referido ás nosa lingua propia Román Rodríguez sinalou como obxectivo do seu departamento o de ampliar os usos do galego na sociedade e fomentar o seu emprego como canle de integración e respecto, abandonando a confrontación política. Neste sentido o conselleiro comprometeuse a seguir traballando e tomando a iniciativa na posta en marcha de medidas para potenciar o uso da nosa lingua propia con accións de dinamización lingüística nos concellos, en prol da lingua materna ou da presenza do galego nas exportacións, entre outras.

Ademais lembrou que a Consellería está a definir un Plan de dinamización lingüística no tecido económico 2015-2020, que incluirá accións dirixidas aos autónomos, ás cooperativas, á banca ou ás grandes empresas, e que aproveitará os vínculos coa lusofonía. A iniciativa, que se estruturará arredor de campañas, encontros e medidas que impulsen o prestixio da nosa lingua entre o empresariado, ten como obxectivo conseguir que o tecido económico pense no galego como marca de calidade, responsabilidade social e denominación de orixe. Así mesmo anunciou que o seu departamento ten previsto realizar a medio prazo un plan para o fomento da lingua entre a mocidade.

Outro das actuacións fundamentais da Consellería nos vindeiros meses será a elaboración e negociación do novo Plan de Financiamento do Sistema Universitario de Galicia (SUG) para o próximo quinquenio que blinde a estabilidade financeira do sistema. A estrutura do novo Plan permitirá consolidar o modelo de financiamento por resultados obtidos en docencia, investigación e transferencia en base a indicadores obxectivos, medibles e homoxéneos.

Ademais apoiarase ás universidades para que fagan singular a súa actividade investigadora de tal forma que, unha vez consolidado nestes últimos anos o entorno académico de investigación, se reforcen os centros singulares de investigación e os Campus de Excelencia internacional.

O conselleiro reafirmou na súa comparecencia o seu compromiso co aproveitamento da riqueza e do potencial cultural de Galicia como un elemento diferencial e relevante. Neste sentido anunciou a continuidade das liñas de axuda para as industriais culturais galegas a través da Agadic —cun montante próximo aos 3 millóns de euros—, o reforzo da acción dinamizadora da actividade cultural, e o estímulo da demanda —en colaboración co sector— e da participación social na cultura a través do traballo conxunto con outras entidades e da rede de bibliotecas e museos dependentes da Consellería.

Así mesmo seguirase apoiando a presenza forte e diferenciada dos servizos e produtos culturais galegos no estranxeiro, en citas como as feiras do libro ou en outras de alcance internacional como o WOMEX.

O complexo do Gaiás será nos próximos meses outro dos focos de atención das accións da Consellería. Ao mesmo tempo que a Cidade da Cultura se reforza como espazo natural de actividade cultural, a Xunta traballa para darlle pulo como centro de referencia do emprendemento na nosa terra, atraendo aos grande eventos do sector. Non en balde o Centro de Emprendemento, aberto como coworking, conta xa cun viveiro de empresas e cun espazo de crowdworking; o que significa que un cento de persoas se está a beneficiar de asesoramento, formación, titorización e networking para axudarlles a pór en marcha a súa idea innovadora.

Tamén no fomento da cultura do emprendemento está previsto reforzar os viveiros de empresa nos centros educativos e estudar a posibilidade de establecer novas sinerxías coas universidades galegas neste eido.

Na súa comparecencia, o conselleiro subliñou o valor do modelo recibido posto en marcha no último lustro e a súa intención de partir das políticas culturais educativas e lingüísticas que están a funcionar e que están a posibilitar avances cualitativos para a cidadanía.

Con ese punto de inicio, Román Rodríguez púxose a disposición dos axentes implicados para sumar esforzos e acordos que permitan que Galicia conte con cunha cultura máis forte, unha lingua propia máis usada e valorada por todas e todos , unha educación máis moderna e de calidade, e un sistema universitario estable e preparado para afrontar retos de futuro.

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación del PPdG:

“Deixen de botar culpas aos demais e únanse ao consenso sobre o galego que está reclamando a sociedade galega e que xa lles ofreceu o Presidente da Xunta, o conselleiro de Cultura e o Grupo Popular”, demandou o portavoz de Lingua do Grupo Popular, Agustín Baamonde, aos deputados do BNG no Parlamento. Neste sentido, Baamonde apuntou que “na discordia e a confrontación das linguas non van encontrar ao Partido Popular”.

Agustín Baamode acusou aos nacionalistas de presentar no Parlamento unha moción que “non é de consenso, porque estannos pedindo que apliquemos as políticas lingüísticas do nacionalismo e non o podemos facer porque non o permitirían os nosos votantes”.

“Non defendemos a supremacía do castelán, porque non estamos de acordo co unilingüismo en galego nin co unilingüismo en castelan”, sinalou o portavoz popular, quen avogou por “defender con respecto a decisión dos cidadáns de utilizar a lingua que lles apeteza”.

Respecto da recente enquisa publicada polo Instituto Galego de Estatística, Baamonde manifestou que “obriga a unha reflexión seria sobre a lingua”. Porén, afirmou que “non estamos diante dun problema do ensino, porque o que pon de manifesto a enquisa é que o sistema educativo está funcionando bastante ben no ensino do galego e os problemas comezan cando os rapaces saen das aulas”.

“Estamos diante dun problema social asociado ao uso do galego, un problema complexo e grave porque o idioma vai ser o que a sociedade quere que sexa”, manifestou. Neste sentido, engadiu que “hai que atender á realidade social e buscar solucións que permitan actuar para implementar o uso do galego”.

Agustín Baamonde criticou que ao nacionalismo “esa realidade impórtalle moi pouco, porque viven nun espazo reducido, pechado sobre si mesmo e á marxe dos demais”. “Por iso reducen o problema a culpar de todos os males ao Partido Popular”, dixo o portavoz popular, quen sinalou que “non se poden impoñer as linguas por decreto, senón que o Goberno debe fomentar a utilización e a importancia do galego como símbolo e sector estratéxico”.

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación del PSdeG:

NoticiaO portavoz de Educación do Grupo Socialista, Vicente Docasar, reduciu o relevo na Consellería de Educación e Cultura a un mero “cambio de rostro” do conselleiro para continuar coas políticas de “austericidio doutrinal”. Así o dixo na comparecencia do novo titular de Educación no Parlamento, no que acusou ao presidente da Xunta de cambiar aos conselleiros “por intereses do PP”.

Docasar demandou maior marxe de manobra para que o novo conselleiro recupere as condicións do ensino público e a cultura arrebatadas durante os seis anos de goberno de Feijóo. O responsable socialista contrapuxo o eslogan da “revolución silenciosa” do conselleiro coa “involución ruidosa” que en realidade está a aplicar o goberno galego en materia cultural e educativa.

O responsable socialista puxo como exemplo a caída de investimento no sector educativo, que pasou de supor un investimento de 860 euros por habitante en 2009 a 670 na actualidade, a pesares de ter eliminado mais de 2.000 prazas de profesores e profesoras.

As consecuencias reais son 220 millóns menos para ensino obrigatorio, 70 menos para as universidades, copagos, infraestruturas deficitarias, peores condicións laborais para os profesionais, 275 millóns de euros recortados en bolsas de estudos, 44 millóns menos en bolsas erasmus e milleiros de mozos e mozas obrigados a emigrar.

Acusou ao goberno galego de perpetrar “anos de aldraxe á nosa cultura e á nosa lingua” deixando ao tecido cultural “sumido no abandono mais absoluto” mentres destinan 300.000 euros para pagar un videoclip de Enrique Iglesias “para facerse unhas fotos e botar uns bailes en Galicia”.

O responsable socialista esixiulle ao novo conselleiro que demostre a súa capacidade de manobra respondendo a doce demandas concretas, entre as que destaca a reposición das condicións laborais e profesionais do colectivo docente e a recuperación paulatina dos 2.200 profesores perdidos nesta etapa. Tamén reclama un Plan Plurianual para mellorar as instalacións dos centros educativos, obsoletas “por falla dun mantemento axeitado”.

A continuación propuxo dous plans plurianuais para renovar os equipamentos didácticos e informáticos destes centros e para corrixir a fenda dixital entre os centros urbanos e rurais. En sexto lugar reclamou a garantía de que “ningún neno ou nena do ensino obrigatorio quede sen praza de comedor cando o necesite nin asista a clase sen libros de texto ou material escolar”.

Tamén instou ao conselleiro a recuperar progresivamente as cantidades que os centros educativos recibían par aos seus gastos de funcionamento e dotar á FP Básica cos fondos e equipamentos comprometidos para a súa implantación en condicións. En materia de Universidade, propuxo acordar cos reitores o Plan de Financiamento da universidade, e garantir que non sexa imposta en Galicia a reforma dos graos e os recortes de bolsas.

No tocante á lingua, Vicente Docasar reclamou un Plan Estratéxico para recuperar os falantes perdidos en galego entre a poboación moza, e recuperar o consenso lingüístico existente nas épocas de Fraga e Touriño, que “foi rachado por Feijóo para gañar un puñado de votos”.

Tamén propuxo un Plan de potenciación das linguas estranxeiras, incluíndo estadías en países estranxeiros para alumnos e profesores, e un Plan “serio e rigoroso” co obxectivo de “recuperar o talento perdido nos últimos anos pola emigración forzada da nosa xuventude ben formada”.

O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Vicente Docasar, esixiulle á Xunta que “garanta a equidade e a xustiza dun bo sistema educativo” recuperando os niveis acadados polo ensino público antes da chegada de Feijóo ao goberno galego. Así o dixo no debate, no Parlamento, da Iniciativa Lexislativa Popular para restituír as condicións do profesorado e mellorar a calidade do Ensino.

Os socialistas galegos votaron a favor da toma en consideración desta iniciativa en defensa do ensino público e do seu profesorado, que leva seis anos padecendo os recortes drásticos e discrecionais aplicados polos gobernos do PP. Lembrou que nesta etapa a cidadanía vía cómo caía en picado a calidade do ensino e os profesores contemplaba cómo se lles arrebataban dereitos conseguidos co esforzo de moitos anos.

Lembrou que o ensino público perdeu 2.200 prazas de profesionais en seis anos, e os que quedan vén cómo perden un 30 por cento do seu poder adquisitivo, mentres Feijóo “sorprendendemente saca peito por convocar 400 prazas de docentes logo de ter feito desaparecer seis veces mais”.

Docasar considera fundamental garantir a equidade do sistema educativo galego “sen esquecer a necesidade de mellorar tamén a excelencia do ensino público”. Alertou así da preocupación demostrada polo goberno galego por “mellorar a excelencia de determinados centros de elite e non do conxunto da educación pública”.

Mentres, o goberno impuña unha nova Lei educativa “profundamente sectaria e de partido”, elaborada e aprobada sen consenso e posta en marcha “dunha maneira precipitada e que pretenden financiar con boas palabras e pouco mais”.

Dixo que a Educación pública resulta “primordial para corrixir as desigualdades de partida” garantindo igualdade de oportunidades e de condicións a todos por igual, polo que debe garantir que ningún rapaz vaia a clase sen libros de texto ou material escolar, e unha política de bolsas “xusta que non deixe tirados aos rapaces e rapazas de famillias medias e humildes con talento e sen diñeiro”.

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de AGE:

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) recibiu o novo conselleiro de Educación e Cultura do Partido Popular –que compareceu esta mañá no Parlamento de Galicia- cunha listaxe de tarefas para intentar neutralizar a desfeita que deixou o seu antecesor, Jesús Vázquez. Expúxoa o deputado de AGE Ramón Vázquez, quen comezou por esixir ao novo titula do departamento que non se limite “a exercer de correa de transmisión dos mandatos de Wert e o seu ministerio”. “Vostede debe rematar co papel submiso da consellaría de Educación. Os galegos eliximos representantes para que nos representen, non para que sexan corrente de transmisión de Madrid”, engadiu, e mencionou a malfadada, e rexeitada polo groso da comunidade educativa, Lomce ou do decreto 3+2.

Pero Vázquez non quedou apenas no “prego de agravios” e, malia as afirmacións explícitas do novo conselleiro Román Rodríguez sobre a súa intención de continuar na liña do anterior titular de Educación, degrañou “os deberes” que o departamento debe afrontar para frear a liquidación do ensino público, universal, en galego e de calidade que o PP leva adiante. “Vostede debe defender un ensino con identidade propia, adaptado ás peculiaridades do noso país. Debe traballar pola renovación pedagóxica da educación e buscar alternativas metodolóxicas á lección maxistral, novas formas de agrupamento dos alumnos e das materias”, afirmou o parlamentario de AGE, quen tamén chamou a renovar o discurso pedagóxico da propia consellaría: “Non poden seguir ateigando o seu discurso con palabras como competitividade, mercado, talento. A educación debe ser unha ferramenta para a emancipación, e non mera instrución”.

No que respecta á grave situación social que atravesa o galego, potenciada polas sucesivas políticas do Partido Popular –o primeiro goberno da historia da autonomía que lexislou contra a lingua propia de Galiza-, Román Rodríguez non se afastou un milímetro do argumentario usual da dereita. Nun exercicio de extorsión dos significados das palabras brutal, botou a culpa á oposición dos “conflitos” sobre a lingua. Esqueceu que foron os gobernos de Alberto Núñez Feijóo os que, en cumprimento da ideoloxía españolizadora radical emanada da FAES e de vellos complexos actualizados da dereita neofranquista, os que se dedicaron, por activa –con leis, normas e discursos explícitos- e por pasiva –ao non atender ás alarmas sobre o estado do idioma- a atacar o galego. “A lingua é a alma do pobo galego”, explicou Ramón Vázquez, “e sen galego, o ensino queda sen alma, sen identidade, está baleiro”. Así, reclamou a derrogación inmediata do chamado “decreto do plurilingüismo” e a recuperación do consenso.

O parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda esixiu unha política educativa que atenda á diversidade, en todos os sentidos, do alumnado. “O modelo actual estandariza o individuo, e reduce a iniciativa das rapazas e dos rapaces”, dixo, antes de lembrar a urxente necesidade dunha política universitaria “clara e coherente” e cun plan de financiamento axeitado, non como o fracasado actual. “Igual que fracasou o novo mapa de titulacións”.
Vázquez pechou a súa intervención cunha aposta por un modelo cultural descentralizado. “Isto non é cuestión só de recursos, aínda que o seu departamento reduciu un 60% os orzamentos culturais nestes anos”, afirmou. A monstruosa Cidade da Cultura, proxecto estrela dos gobernos de Fraga Iribarne nos que xa operaba Alberto Núñez Feijóo, absorbe os cartos públicos –arredor dun 20%- mentres a cultura de base, o cinema ou os editores esmorecen. “Estes son os deberes, señor conselleiro”, ironizou Vázquez ante un Rodríguez que se afanou en volver vender no hemiciclo plans que xa están marcha, “aplíquese. E se non o fai, será apenas unha sombra do seu antecesor”.

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación del BNG:

Tras a defensa da Iniciativa lexislativa Popular, avalada por máis de 29.000 sinaturas e defendida no pleno do Parlamento galego polo Secretario Nacional da CIG Ensino, Anxo Louzau, o portavoz de Educación nacionalista, Cosme Pombo amosou o apoio do BNG á iniciativa para restituír os dereitos laborais e retributivos do profesorado e mellorar a calidade do ensino en Galiza.

O deputado afirmou que “o BNG sempre defendeu e defenderá o dereito ao ensino público, galego e de calidade” polo que remarcou a importancia da toma en consideración da Iniciativa lexislativa Popular.

No día da “Clase Obreira Galega”, Cosme Pombo felicitou ao portavoz da ILP por defender os dereitos laborais e retributivos do profesorado. O grupo parlamentario do BNG, “dálle a benvida” a Iniciativa Lexislativa Popular hoxe sometida á consideración do Parlamento, é “que vostede defendeu coa dignidade do aval das sinaturas e da organización que representa”, a Confederación Intersindical Galega, “ Central maioritaria do ensino na Galiza”.

Pombo reclamou restituír os dereitos laborais e profesionais do profesorado, “recortados na era de Feijóo” así como mellorar a calidade do ensino en Galiza, “deteriorada polas políticas da mesma era”.

Na súa intervención, afirmou que para o BNG, á educación representa “un piar fundamental” no desenvolvemento e benestar de Galiza. “Defendemos un sistema educativa plenamente galego, planificado e ordenado sobre as nosas necesidades e realidade, social, económica e cultural”, recalcou.

O BNG defende a ILP,explicou, porque contempla medidas dun sistema educativo ao servizo público e básico para o noso país, “fulcral para a súa transformación social e galeguización”.

Asemade, é preciso, dixo un cambio do marco legal educativo que o BNG tamén considera necesario para posibilitar “a educación nun estado plurinacional, pluricultural e plurilingüe do Estado español”.

Pola súa parte, a portavoz do Partido popular, María Soledad Piñeiro anunciou o voto desfavorábel a toma en consideración da Iniciativa Lexislativa popular.O parlamentario lamentou que o PP sega no camiño de “liquidar importantes avances como a gratuidade dos libros de texto, comedores escolares e eliminar ducias de escolas así como reducir, en preto de 3.000 ensinantes, o cadro de persoal”.

Redución do 30% de orzamento e merma do ensino público “é o modelo Wert que se aplica na Galiza, sen vergoña”, concluíu o nacionalista.

Fotografía 2: www.psdeg.es

R., 2015-03-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (saias-do-mar.jpg) Inspirada no Camiño da Traslatio, Saias do mar é un espectáculo de danza contemporánea que homenaxea a muller galega como forza ancestral ligada ao mar. A peza transforma o corpo nun territorio fluído e propón unha lectura coreográfica do feminino como memoria viva e indómita, depositaria dunha herdanza espiritual e simbólica, vencellada á ruta sagrada que trouxo o corpo do apóstolo Santiago por vía marítima ata estas terras. Juan Miguel Hernández é o autor da coreografía desta montaxe dirixida por Nerea Andrés, e ambos forman tamén parte do elenco xunto a Dayron Rodríguez, Irene Lorenzo, Laura Pereiras, Lucía Fontenla, Alba Fariña e Zoe Amor. A proposta, de 40 minutos de duración e pensada para poder executarse en todo tipo de espazos, complétase cunha selección musical de Rosa Cedrón, Daniel Minimalia e Luar na Lubre, vestiario de Santos Salgado e atrezzo de Elva Bernat.
Foto de la tercera plana (costa-faro.jpg) O presidente da Xunta informou de que a Xunta vén de solicitar ao Goberno central 'que suspenda de inmediato a reforma do Regulamento de Costas' porque 'invade competencias exclusivas de Galicia e vulnera os dereitos dos titulares de concesións do litoral'. O Goberno autonómico lembra que, nos termos actualmente previstos, este regulamento non se adecuaría ás exixencias da Comisión Europea nin ao propio Dereito comunitario.

Notas

Os estudos sobre as estratexias de subsistencia levadas a cabo polos grupos de cazadores-recolectores das Serras Orientais de Galicia durante o Paleolítico medio e superior contan cunha nova achega procedente do emblemático xacemento de Cova Eirós (Triacastela, Lugo). Unha investigación liderada desde a USC e na que tamén participou a UVigo permitiu realizar por primeira vez unha identificación a grande escala de restos animais cazados e aproveitados por neandertais e humanos anatomicamente modernos mediante o emprego do ZooMS.
El pasado 18 de abril vio la luz en las principales plataformas digitales de streaming musical 'Enmarañando', el nuevo trabajo discográfico de FOLK ON CREST. Aunque los formatos físicos aún se encuentran en fábrica, estarán disponibles muy pronto para todos los seguidores del grupo. 'Enmarañando' es el resultado de un largo proceso de creación, maduración y búsqueda sonora.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES