
Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) na organización do XX Festival Internacional de Teatro Universitario (FITU), para o que cede o Salón Teatro como escenario da programación que se desenvolve desde hoxe e ata o sábado 22. Cinco compañías de Galicia, Estados Unidos, Porto Rico, Lituania e Bélxica participan nesta vixésima edición do encontro, que ofrece unha función diaria ás 21.00 horas.
Como compañía anfitrioa do festival, a Aula de Teatro da USC abre esta carteleira co seu último espectáculo: Apnea (variación 2ª), escrito e dirixido por Roberto Salgueiro, do que ofrecerá unha segunda función o martes 18. Estreada neste mesmo espazo compostelán o pasado mes de decembro, esta montaxe pode considerarse continuación do traballo que o propio Salgueiro asinara en 2003 e fora cualificado daquela como un libreto coreográfico cunha compoñente moi lírica e como unha obra chea de emocións éticas e estéticas.
A continuación, desde Norkfolk no estado de norteamericano de Virxinia chegará o Core Theatre Ensemble, compañía profesional residente na Old Dominion University, que o mércores 19 escenificará no Salón Teatro a montaxe The Poe [N., Proj-ekt]. Literatura, teatro, música e danza mestúranse neste espectáculo en constante evolución arredor dalgunhas das historias e poemas máis coñecidos de Edgar Allan Poe.
A achega internacional continuará o xoves 20 coa versión teatral da obra de Juan Ramón Jiménez Platero y yo polo Teatro Rodante da Universidade de Porto Rico, mentres que o venres 21 será a quenda para o teatro lituano da man da Dramos Trupé Minimun, compañía da Universidade de Vilnius, que representará a traxicomedia Circus, de Juozas Gruas.
Esta vixésima edición do FITU chegará ao seu fin o sábado 22 co espectáculo Le Dernier Godor (The Last Godot), de Matéi Visniec, a cargo do Théâtre Universitaire Royal da Universidade de Liexa, en Bélxica.
O Festival Internacional de Teatro Universitario dará paso ao equipo de Longa viaxe cara á noite, a nova produción que o Centro Dramático Galego (CDG) está a preparar cara á súa estrea o 22 de marzo. O Salón Teatro acollerá, pois, o último período de ensaios desta versión da coñecida obra de Eugene ONeill, gañador de catro premios Pulitzer e do Nobel de Literatura, que Manuel Guede Oliva dirixe para a compañía pública con Gonzalo Uriarte, Luísa Merelas, Marcos Viéitez e Alberto Rolán na pel da familia Tyrone.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.