
Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Fundación Novacaixagalicia presentaron en Pontevedra o espectáculo teatral Rosalía. Os cantares das musas, co que Sarabela Teatro está a difundir a obra rosaliana desde os escenarios das catro provincias galegas.
A montaxe, que iniciou a súa xira o pasado 24 de maio en Ourense, chega o 6 de xuño ao Centro Cultural de Novacaixagalicia de Pontevedra, onde foi presentada esta mañá en rolda de prensa polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; pola directora de contidos socioculturais da fundación, María Teresa Cores; e polo actor e protagonista da obra Fernando Dacosta.
Construída sobre versos de Cantares gallegos e baseada tamén na obra El caballero de las botas azules, a peza de Sarabela Teatro permítenos revisitar a figura de Rosalía de Castro a través da linguaxe teatral, para difundir a prosa e a poesía da autora, afirmou Anxo Lorenzo. O seu departamento colabora coa compañía galega na xira que está a realizar o espectáculo por diversas localidades galegas, no marco da celebración dos 150 anos da publicación de Cantares gallegos.
Desde a Consellería de Cultura e Educación dixo apoiamos esta montaxe teatral que nos achega a Rosalía de Castro a través das artes escénicas e que nos permite manter o espírito rosaliano e reforzar a consideración de Rosalía de Castro como símbolo de Galicia.
Logo do seu paso por Ourense e por Ferrol no mes de maio, e por Lugo, o pasado 2 de xuño, esta homenaxe teatral a Rosalía de Castro chega o 6 de xuño a Pontevedra, ás 21:00 horas. As entradas para asistir á función pódense adquirir a través da billeteira telefónica no 902 504 500 e na web de Servinova en www.servinova.com. A próxima semana, o 13 de xuño, a obra estará no Teatro Principal de Santiago de Compostela e tamén se poderá ver o 14 de xuño no Teatro Rosalía de Castro da Coruña.
O elenco que fai posible a representación da obra está formado por Fernando Dacosta, no papel do cabaleiro, e por Nate Borrajo, Elena Seijo e Fina Calleja, que interpretan o papel das musas. A dramaturxia, a dirección e o deseño da iluminación corren da conta de Ánxeles Cuña e Ruth Díaz Pereira deseña o vestiario.
En Rosalía. Os cantares das musas, un home, con afán de fama e recoñecemento póstumo, invoca as musas para que lle inspiren unha nova fórmula poética. No seu lugar acode a Novidade, quen o tomará como o seu protexido e o converterá no Señor da Gloria, un insólito ser que escandalizará e atraerá a curiosidade de todos. A súa misión será a de deixar en evidencia, mediante a ironía e a burla, a sociedade, dominada pola hipocrisía e a vaidade.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.