
De alí xorden os Cursos Agropecuarios para mestres rurais que se celebraron en Lugo desde 1948 ata 1971 (ano en que faleceu Antonio Fernández López, que era quen os financiaba).
Marchou a Orotava (Tenerife) en 1955 e alí traballou de mestre e Técnico Agrícola do Laboratorio do Cabido Insular. Regresa a Galicia en 1960 para traballar como técnico de SEMISA, empresa productora de semente. En 1960 marcha a Zaragoza, onde dirixe a empresa gandeira AIVESA. Regresa a Galicia en 1970, ó grupo escolar de Pontecesures, onde exerce ata a súa xubilación en xaneiro de 1983. Foi tamén secretario do Pedrón de Ouro e presidente da Fundación Castelao.
Foi colaborador de "La Voz de Barcala", órgano da Federación Agropecuaria do Distrito de Negreira (anos 30). Publicou centos de artigos en xornais e revistas sobre temas agrarios e cooperativos ademais doutros temas tamén políticos. Publicou os seguintes libros: Temas de Agricultura (Lugo, 1951); Cooperativa de Explotación comunitaria para unha parroquia rural (Galaxia, 1968)¸ ¿Valen ou non as cooperativas comunitarias para o campo galego? (Galaxia, 1971), Reforma das Estructuras Agrarias de Galicia (1972); A Escola Agrícola de Granxa Barreiros (Edicións do Castro, 1988); Conversas con Avelino Pousa Antelo. Memorias dun galego inconformista (autor Amancio Liñares Giraut. Edicións do Castro, 1991) e Galicia, tarefa urxente (Sotelo Blanco, 1992). Foi secretario xeral e presidente do Partido Galeguista desde 1978 ata 1983.
REACCIÓNS
Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia
Feijóo expresa o agradecemento a Avelino Pousa Antelo polo seu labor, pola súa obra e por ser como foi, un galego cen por cento, dos que necesitamos nos momentos de dificultade
Feijóo, que visitou a capela ardente do ilustre galeguista, subliñou que Pousa Antelo, que superou a Guerra civil española, superou a posguerra, viviu a Transición e estaba disfrutando deste período democrático, mantivo a Galicia como norte permanente da súa andaina persoal, da súa andaina humana e da súa forma de ser.
Así mesmo, aseverou que a súa coherencia e honestidade intelectual é, sen dúbida, unha referencia que vale para calquera pobo e para calquera gobernante. Esa referencia está a disposición de todos e desa referencia podemos beber todos porque nos enriqueceremos.
Feijóo concluíu destacando a disposición do Goberno galego para seguir recordando a este galeguista ilustre. Quedamos a disposición da familia e da Fundación Castelao para seguir recordando como se merece a figura deste galego universal que dedicou a súa vida a ensinar aos demais, a traballar no ámbito agrario e a defender sempre a cultura galega dentro e fóra de Galicia que é como se defende a cultura dun pobo.
Pousa Antelo é un dos derradeiros que marcaron unha forma de entender o país, unha forma de defender o país, dentro e fóra de Galicia. É un galego dos pés á cabeza que dedicou case un século da súa vida a sortear obstáculos sen cambiar de forma de entender a súa defensa de Galicia e poñendo sempre a defensa de Galicia por riba dos distintos obstáculos que tivo a súa vida.
Asociación de Periodistas de Santiago
A Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela (APSC) únese ás condolencias polo pasamento no día de hoxe do intelectual galeguista e fecundo colaborador do xornalismo galego Avelino Pousa Antelo, presidente da Fundación Castelao e vicepresidente da Fundación Fernández Flórez, así como destacado membro das Fundacións Pedrón de Ouro e Alexandre Bóveda.
Como xornalista colaborou desde os anos 30 en La Voz de Barcala e publicou centos de artigos en distintas publicacións galegas sobre temas agropecuarios -a súa especialidade- e tamén políticos, defendendo sempre a autonomía e a personalidade de Galicia. Foi un gran activista do cooperativismo agrario en Galicia e como froito das súas colaboracións na prensa recibiu os premios "Ramon Mourente" e "Luis Sanchez Harguindey" sobre temas agrarios. Vinculado estreitamente á comarca compostelá (naceu na Barcala e viviu os últimos anos ata o seu pasamento hoxe, no concello de Teo) recibirá hoxe martes unha homenaxe, á que se suma a APSC.
Queremos Galego chora a perda irreparábel de Avelino Pousa Antelo
A plataforma unitaria Queremos Galego chora a perda irreparabél dun dos seus portavoces nacionais e compañeiro incansábel, Avelino Pousa Antelo, e transmite o seu pésame aos seus familiares e achegados.
Avelino Pousa Antelo é o símbolo dun pobo que quere continuar a existir. Nas máis de 700 entidades que conforman a nosa plataforma aínda ecoan as súas vibrantes e rexas palabras encoraxándonos a non cesar na loita en defensa da nosa lingua, da nosa cultura, do noso país.
Queremos Galego anima tamén a toda a nación galega a render homenaxe aos restos mortais de Avelino Pousa Antelo hoxe martes, desde as 12.30 h até as 19 h no local sociocultural da Ramallosa, a carón da Casa do Concello de Teo.
Fundación Castelao
Avelino Pousa Antelo, Presidente da Fundación Castelao, falece na súa casa despois de 98 anos dunha vida plena e entregada a unha causa chamada Galicia. O seu cadáver será velado ao longo do día de hoxe martes 21 de agosto no Concello de Teo concello no que residía. Avelino Pousa Presidiu a Fundación Castelao ata a hora do seu pasamento dende que no ano 1989 sustituíra a Ramón Martínez López.
Durante a súa presidencia a Fundación compilou a obra escrita completa do autor do Sempre en Galiza que viu a luz nunha edición preparada pola Fundación Castelao para a Editorial Galaxia. Foi tamén durante a sua presidencia cando a Fundación Castelao co patrocinio da Fundación Caixa Galicia celebrou o 50 aniversario do pasamento de Castelao cunha magna exposición que conseguiu reunir, nun esforzo sen precedentes, a obra pictórica e gráfica do autor rianxeiro. E tamén no seu periodo de presidencia que se extendeu ao longo de 23 fecundos anos cando a Fundación completou a catalogación da obra do autor de Rianxo nun catálogo que hoxe obra en poder da Consellería de Cultura á espera dun acordo co herdeiro dos dereitos de autor de Castelao para a súa difusión universal a través da rede.
Pousa fora fundador desta institución e xunto con Dna Teresa Rodríguez Castelao, Presidenta de honra da mesma e D. Ramón Martínez López, primeiro presidente da Fundación, participou activamente na primeira grande empresa da mesma: a organización do Congreso Castelao de 1986. Congreso que contribuiu grandemente á difusión da figura dun ilustre galego cuxo nome viña de permanecer oculto durante máis de 50 anos.
Pousa Antelo nacera en San Xoán de Barcala (A Baña) o 14 de maio de 1914. Militou nas Mocidades Galeguistas, participou activamente na campaña a favor do Estatuto Galego en 1936, desenvolveu a súa vida profesional ligado á educación e ao desenvolvemento do agro, e foi especialmente recoñecido o seu labor ao fronte da Granxa-Escola de Barreiros en Sarria (Lugo).
A Fundación Castelao quere amosar o seu fondo pesar polo pasamento de quen foi alento desta casa dende o momento da súa fundación.
A Mesa pola Normalización Lingüística
A Mesa chora o falecemento do seu presidente de Honra, Avelino Pousa Antelo. A asociación agradece o enorme exemplo vital de Avelino, símbolo dun país que quere continuar a existir. Carlos Callón: Avelino non é só un exemplo de loita do antes do 36: el foi a nosa voz fronte aos ataques contra o galego dos últimos anos. Todas e todos os que o escoitamos nas manifestacións contra a política lingüística de Núñez Feijóo temos as súas palabras gravadas a lume nos nosos corazóns
A Mesa pola Normalización Lingüística chora a perda irreparábel do seu presidente de Honra, Avelino Pousa Antelo, un compañeiro incansábel que nos transmitiu o testemuño de décadas de loita do pobo galego por existir e que na novena década da súa vida continuaba cunha enorme lucidez e vontade de acción fronte aos abusos do poder. A entidade súmase ao pésame á familia e únese ao chamamento para que todo o pobo galego homenaxee a Avelino, cuxos restos mortais estarán hoxe desde as 12.30 h até as 19 h no local sociocultural da Ramallosa, en Teo.
O presidente da Mesa, Carlos Callón, enfatiza que Avelino non é só o testemuño dun pasado, alguén que nos transmitise por exemplo a memoria viva de Castelao, senón que foi tamén a voz rexa das mobilizacións sociais a favor do galego nos últimos anos, fronte aos ataques contra a nosa cultura por parte da Xunta de Núñez Feijóo. Foi un home que continuou a falar moi claro, a pesar de que o censurasen ou mesmo o chegasen a difamar na hipergobernamentalizada RTVG por se pór á fronte das mobilizacións en defensa do galego. Non só foi un loitador polo Estatuto do 36, como se recorda con razón, senón que tamén deu a cara por todas e todos nós cando por exemplo os gobernos de Manuel Fraga Iribarne quixeron manipular a Daniel Castelao ou cando se realizaron as drásticas medidas contra o galego no ensino ou na administración nos últimos anos, subliña o portavoz da Mesa, quen asegura que todas e todos os que o escoitamos nas manifestacións contra a política lingüística de Núñez Feijóo temos as súas palabras gravadas a lume nos nosos corazóns.
Este exemplo vital de lucidez, enorme afabilidade humana e combate cívico pola cultura e o país estará sempre na memoria e na acción da Mesa pola Normalización Lingüística, asociación á que honrou aceptando a proposta unánime da súa asemblea de convertelo en presidente de Honra da mesma.
A sexta edición de 6coreógrafas acollerá dúas estreas: Trés bien, de Marta Alonso Tejada, un dúo de danza contemporánea de rúa interpretado por María de Vicente e Inés Santos que explora o esforzo de sosterse e permanecer xuntas, e BenQuererme, un solo de de Fran Sieira, que combina danza tradicional e contemporánea para reflexionar sobre o autocoidado emocional e o amor propio. A programación completarase con Suit(e), de Furia Sotelo, un diálogo entre a danza de Nuria Sotelo e o violonchelo de Millán Abeledo, e Bipedestrucción, da compañía navarro-galega Disiden.cia, unha peza de rúa para todos os públicos que aborda desde o humor a identidade, a diversidade e a importancia da comunidade.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Goberno autonómico vén de autorizar na reunión desta mañá o envío ao Consello Consultivo de Galicia do decreto polo que se crea o Rexistro de autorizacións e concesións no dominio público marítimo-terrestre (DPMT). 'Isto vai situar Galicia á vangarda en transparencia e xestión do litoral', indicou. 'Imos habilitar un sistema para que a cidadanía poida coñecer en todo momento os usos e autorizacións vixentes na costa galega', salientou o presidente sobre un Rexistro, concibido para incorporar progresivamente as autorizacións e concesións no DPMT e que permitirá sistematizar e ampliar a información dispoñible sobre as actividades autorizadas, o que resulta fundamental para avanzar na planificación, protección e xestión integrada da costa galega así como reforzar a seguridade xurídica das actividades e proxectos.