
Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:
Os libros son moito máis que un espazo para albergar contidos. Así o entenden o escritor e pintor Baldo Ramos e o artista plástico Caxigueiro que, ata o mes de xuño, expoñen no Arquivo de Galicia, na Cidade da Cultura, Os ollos das palabras, unha mostra na que exploran a interferencia entre a plástica e a literatura.
Os ollos das palabras é a culminación dun diálogo de dous artistas conectados esteticamente, explicou esta mañá Beatriz González Loroño, directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, na presentación dunha mostra que será inaugurada esta tarde, ás 19 horas, polo secretario xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Anxo Lorenzo.
A este diálogo artístico, Baldo Ramos chega dende o formato de libro de artista e Caxigueiro dende os seus traballos escultóricos e instalacións sobre estes elementos. Un encontro que propiciou unha mostra na que o libro como formato de expresión se erixe en auténtico protagonista.
Instalacións, libros en papel de gran formato, esculturas en gres, poemas visuais ou versos escritos en diálogo coas creacións plásticas son algunhas das achegas persoais que poderán verse dende hoxe no Arquivo de Galicia e coas que estes dous artistas convidan a explorar as posibilidades visuais e literarias do libro.
Os ollos das palabras é a primeira de tres exposicións que acollerá o Arquivo de Galicia a longo deste mes e que xirarán ao redor dun denominador común: o libro como algo máis que contedor de palabras.
Libros para ver é o título común a estas tres mostras que, xunto co proxecto de Caxigueiro e Baldo Ramos, inclúe Os Inicios da banda deseñada en Galicia que fai un percorrido polos precedentes do cómic en Galicia a través de materiais pertencentes aos fondos da Biblioteca de Galicia. E tamén a exposición Do it yoursef! Incunables contemporáneos dun impresor particular, na que se dá conta da figura de Francisco Barros Cascalhar, máis coñecido como Chankechán, zapateiro de profesión e escritor de vocación que, ante a imposibilidade de publicar as súas obras, decidiu autoeditarse a través dunha imprenta caseira fabricada por el mesmo e doar os seus exemplares a bibliotecas como a Vaticana ou as nacionais de España, Francia e Portugal.
Xunto cunha coidada selección das obras de Baldo Ramos e Caxigueiro, Os ollos das palabras conta con dúas homenaxes: unha instalación dedicada a Isaac Díaz Pardo, pintor, ceramista, deseñador e editor fundador das Cerámicas do Castro, o Laboratorio de Formas e Sargadelos, onde Caxigueiro comezou a desenvolver a súa actividade; e un libro co que Baldo Ramos pretende recordar a Celso Emilio Ferreiro precisamente no ano no que se conmemora a este escritor.
Iniciado no mundo da cerámica da man de Sargadelos, Caxigueiro (Mondoñedo, 1955) conta cun rico universo plástico onde a instalación, a intervención de espazos específicos e a obra efémera teñen unha importante significación. A mestura de diferentes linguaxes, o interese por narrar, a importante presenza da cerámica na súa obra, xunto a unha actitude crítica e claramente periférica serven de punto de partida para achegarse a un persoal xeito de entender a arte.
Nado en Celanova en 1971, Baldo Ramos cultiva a súa vocación artística dende os 17 anos cando comeza a escribir poesía, na que sempre está moi presente a temática meta-artística, onde une a creación literaria coa pictórica. Con máis dunha decena de libros de poemas publicados, este poeta, escritor, ensaísta e mestre de lingua castelá e literatura no instituto de Valga comezou a pintar no ano 1993 ante a necesidade de establecer pontes entre escrita e plástica.
Fotografía: Xunta de Galicia.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.