
Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:
A obra literaria de Celso Emilio Ferreiro dá un paso adiante na súa difusión fóra das fronteiras de Galicia e na chegada a novos públicos. Faino cunha nova edición de Longa noite de pedra, unha versión bilingüe galego-castelán de Auga Editora, que foi presentada polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), en Santiago de Compostela.
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora coa publicación do volume no marco do Ano Celso Emilio Ferreiro. O pasado mes de febreiro, durante a presentación pública da programación coa que se está a conmemorar o centenario do nacemento do escritor e os cincuenta anos de Longa noite de pedra, Anxo Lorenzo xa avanzara a publicación de novas edicións da obra do escritor, que permitan un mellor coñecemento do autor en Galicia, pero tamén no ámbito internacional, dada a calidade e o interese que ten a súa poesía, dixo.
A obra acompáñase dun estudo introdutorio sobre a vida e a produción poética do autor, realizada polo filólogo e crítico literario Ramón Nicolás, que tamén foi o encargado de traducir os versos ao castelán. O poemario complétase con ilustracións de María Lires, que fixo unha lectura en imaxes da obra, para ofrecernos un pouco de luz e de cor nos versos da noite de pedra, explicou o secretario xeral.
Anxo Lorenzo, Ramón Nicolás e María Lires participaron xunto coa responsable de Auga Editora, Mercedes Pacheco, na presentación do volume. Tamén asistiu o presidente da Fundación Celso Emilio Ferreiro e fillo do escritor, Luís Ferreiro, ao que Anxo Lorenzo lle agradeceu a súa colaboración permanente co conxunto de actuacións programadas para este ano 2012, proclamado polo Parlamento de Galicia o Ano de Celso Emilio Ferreiro.
Para que esta nova edición chegue ás mans dos lectores interesados, a consellería reforzará as canles de distribución comercial coa presentación da obra na Feira do Libro de Bos Aires, o próximo mes de abril, á que a Xunta acudirá cun expositor para a literatura galega. Ademais, está prevista unha doazón de exemplares á Biblioteca do Goberno da Cidade de Bos Aires, na que a Xunta de Galicia iniciou nos últimos anos a sección Rosalía de Castro, dedicada ao libro galego.
Non temos dúbida ningunha do interese destes versos entre lectores doutras latitudes, asegurou Anxo Lorenzo. Por iso, en 2012, ademais desta edición bilingüe, publicaranse unha edición galego-inglés do poemario, que se incluirá na nova entrega da colección Galician Classics da Xunta de Galicia, e outra galego-francés, preparada por Editions LHarmattan.
A Secretaría Xeral de Cultura aborda estas edicións desde a colaboración con editoras que apostan por situar a obra de Celso Emilio Ferreiro no mercado, con rigor, con estética e con profesionalidade. Neste sentido, Anxo Lorenzo agradeceu o esforzo editorial de Auga Editora, así como as facilidades que Edicións Xerais de Galicia está a ofrecer para favorecer a saída ao mercado destes proxectos.
Estas novas publicacións que se presentarán ao longo deste ano constitúen, segundo afirmou Anxo Lorenzo, pequenos pasos para avanzarmos na difusión internacional dos nosos escritores e tamén pequenos pasos para dar a coñecer a literatura galega a través do diálogo cos falantes doutras linguas.
A celebración do Ano Celso Emilio Ferreiro conta cun completo programa de actividades co que lle achegar á cidadanía a obra e a vida do escritor. Diversos departamentos da Xunta de Galicia promoven esta celebración coa implicación de múltiples entidades públicas e privadas, como o Consello da Cultura Galega, o Concello de Celanova, a Real Academia Galega, universidades estranxeiras, empresas editoriais e, particularmente, a Fundación Celso Emilio Ferreiro.
Esta colaboración xa permitiu poñer en marcha no que vai de ano diversas iniciativas. É o caso da campaña Cen anos, cen comercios, cen poemas, unha actuación singular que difunde os versos do escritor a través dos escaparates de Celanova e que inclúe tamén un xogo literario no que poden participar os estudantes que visiten durante 2012 a Casa dos Poetas de Celanova.
Tamén está xa accesible en internet o sitio web oficial de Celso Emilio Ferreiro, unha base de información imprescindible para se achegar á vida e á obra do escritor, dispoñible no sitio web www.celsoemilioferreiro.org.
Fotografía: Xunta de Galicia
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.