
Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) coproduce o espectáculo coreográfico SeisdeCatro, que seis integrantes de catro compañías de danza galegas estrean mañá venres 30 no Teatro de la Danza de San José de Costa Rica. A montaxe, promovida pola produtora Neodans co apoio do Ministerio de Cultura y Juventud do país centroamericano, representarase en distintos escenarios galegos a partir do 15 de outubro baixo a dirección artística de Erick Jiménez.
O propio Jiménez, bailarín e coreógrafo natural de Costa Rica que leva realizando en Galicia os seus últimos traballos, interpreta SeisdeCatro xunto a Maruxa Salas, Rut Balbís, Alexis Fernández, Caterina Varela e Henrique Peón; o que supón a participación na creación e desenvolvemento do proxecto de catro das compañías galegas de danza con maior proxección na actualidade: Sólodos, Pisando Ovos, La Macana e Quique Peón Cía.
O espectáculo, que se xestou nunha residencia de creación como premio do XXIV Certamen Coreográfico de Madrid, materializouse nunha proposta coreográfica sen fronteiras, que defende o intercambio e a posta en común entre os seus seis creadores como premisa fundamental, para despois continuar coa experiencia artística colectiva mediante a súa representación diante do público. Nos ensaios da semana previa á estrea participou tamén a Compañía Nacional de Danza de Costa Rica.
Como fío temático, Seisdecatro centra a súa atención nos planos da realidade e da fantasía e en distintos momentos cotiáns que se poden combinar cun mundo irreal e co inicio de camiños inesperados. O colectivo creativo parte da aceptación de que os feitos son reais pero sempre teñen unha connotación fantástica, o que pode suceder porque non teñen explicación ou pola improbabilidade de que ocorran.
A Axencia Galega das Industrias Culturais da Consellería de Cultura e Turismo participa economicamente neste proxecto, que ten colleitado tamén a colaboración de distintas institucións e entidades americanas, como son a Compañía Nacional de Danza Costa Rica, o Instituto Costarricense de Turismo ou a Plataforma Internacional Real.
Gala de danza galega
Os integrantes de SeisdeCatro representarán este espectáculo os días 30 de setembro e 1 de outubro; e aproveitarán a súa estadía na capital de Costa Rica para levar a cabo o 2 de outubro no mesmo escenario a denominada Gala de compañías de danza galegas, na que amosarán fragmentos ou pezas completas dalgunhas das súas últimas creacións coreográficas realizadas coas súas respectivas compañías. Así, Pisando Ovos (Rut Balbís e Erick Jiménez) ofrecerá un extracto de 30.000, La Macana (Alexis Fernández e Caterina Varela) representarán Ven, Quique Peón Cía (Henrique Peón) bailará parte de Ovay e Sólodos (Erick Jiménez e Maruxa Salas) interpretarán a coreografía titulada Vigilia en ausencia.
Na mesma gala colabora a compañía UNA Danza Joven, pertencente á escola de danza da Universidad Nacional de Costa Rica, que amosará Azul, unha coreografía para 21 bailaríns deseñada por Maruxa Salas e Erick Jiménez.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.