
Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) promoverá durante o primeiro semestre de 2011 un total de 529 funcións de teatro, danza, novo circo, maxia e música a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA) e da Rede Galega de Salas (RGS), dous dos circuítos de distribución de espectáculos que a entidade da Consellería de Cultura e Turismo organiza xunto aos concellos e entidades xestoras dos espazos asociados.
A este primeiro ciclo de programación haberá que sumar os concertos ofrecidos pola Rede Galega de Música ao Vivo, que mantén aberto ata o vindeiro 26 de xaneiro o prazo para que os responsables das 32 salas que conforman este terceiro circuíto configuren o seu calendario anual de actuacións.
No caso da Rede Galega de Teatros e Auditorios e da Rede Galega de Salas, a Agadic achega un orzamento total de 613.113 euros ao desenvolvemento de 408 funcións en 53 espazos da RGTA e de 121 nas 6 salas da RGS. Trátase, en ambos casos, dunha programación prioritariamente galega que presenta as últimas propostas artísticas de 102 compañías, 82 delas con sede en Galicia.
Esta ampla carteleira artística esténdese por un total de 39 localidades de toda Galicia, dando cabida ao teatro para público adulto e familiar, a danza, o novo circo, a maxia e a música. Este último xénero, habitual na programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios a través de diferentes formacións de cámara, incorpórase por vez primeira á programación da Rede Galega de Salas con oito actuacións musicais a cargo de Miki Nervio & The Bluesmakers, Aíd e Mónica de Nut Trío.
Nas dúas programacións conviven, así mesmo, as compañías máis veteranas dentro do panorama escénico galego, como Ancora Producións, Chévere, Sarabela Teatro, Teatro Galileo, Teatro de Ningures, Teatro do Atlántico, Teatro do Morcego ou Teatro do Noroeste, con outras que están a iniciar a súa traxectoria no ámbito profesional, como no caso de A Producións Artísticas, Baobab Teatro, Brisa Teatro, Diafora Teatro, Compañía Nuria Sotelo, Cristina Montero, Inversa Teatro, Obras Públicas ou Teatro Aparte.
Constituída en 1996 co obxectivo de impulsar a distribución dos espectáculos galegos, a Rede Galega de Teatros e Auditorios consolidouse nestes 15 anos de existencia como o principal circuíto para a exhibición da produción escénica galega, á que dota de estabilidade na súa programación habitual. Pola súa banda, a Rede Galega de Salas iniciou a súa actividade en 2007, ofrecendo dende entón un catálogo de propostas caracterizado pola multidisciplinariedade no que foron cobrando maior peso as novas tendencias escénicas e os espectáculos especialmente dirixidos ao público infantil e familiar.
Axenda de espectáculos en: http://galiciamovese.xunta.es
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.