Noticias

Bellón & Maceiras Quinteto cierra en el Salón Teatro de Compostela el ciclo ST Música Presente

El Salón Teatro de Santiago de Compostela acoge el viernes, 30 de abril, el último concierto del ciclo ST Música Presente promovido por Agadic. El gaitero Daniel Bellón y el acordeonista Diego Maceiras lideran el grupo de "folkfusión".

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

O concerto de BellónMaceiras Quinteto pecha o venres 30 de abril, ás 20.30 horas no Salón Teatro de Santiago, a primeira entrega do programa “ST Música Presente”, creado pola AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais) co obxectivo de facilitar a promoción especial de novos traballos discográficos galegos a través de actuacións dirixidas preferentemente a un público especializado, pero abertas tamén a todos os espectadores interesados en función do aforo dispoñible. Promovido xunto a Abada Xestión Cultural, no concerto de mañá a banda interpretará os temas de “Folkfusión”, título do seu primeiro disco como quinteto que define, asemade, a principal característica do seu son.

O gaiteiro e saxofonista Daniel Bellón e o acordeonista Diego Maceiras xuntáronse en 2005 para poñer en marcha o seu proxecto común, que dous anos despois presentarase xa como quinteto. Así, o guitarrista Juan Cabe, o batería Miguel Lamas e o contrabaixista Juan Tinaquero uníronse aos dous novísimos intérpretes para dar forma a unha banda que asenta o seu traballo na fusión de estilos musicais e no virtuosismo dos seus compoñentes.

No traballo discográfico que presentarán no concerto do Salón Teatro, o quinteto fusiona o novo folk galego coas chamadas músicas do mundo e deixa igualmente lugar para a improvisación, de xeito que a gaita non só interpreta muiñeiras, senón tamén tango, swing, blues, habaneras, jazz, samba, valse francés… O son característico do grupo vén determinado, asemade, polas achegas musicais de cada un dos seus integrantes, que comparten o gusto pola mestura estilística do que nace o que eles mesmos denominan “espicho”: a introdución de partes dunha melodía coñecida dentro doutra peza.

As entradas para asistir á súa actuación de mañá en Santiago xa están á venda a través da billeteira electrónica da web www.caixagalicia.es e do teléfono 902 43 44 43 a un prezo especial único de 5 euros. No despacho de billetes do Salón Teatro poderán adquirirse mañá a partir das 18.30 horas.

O de BellónMaceiras Quinteto será o último dos seis concertos promocionais inseridos neste primeiro ciclo do programa “ST Música Presente”, que se vén desenvolvendo dende o pasado mes de abril no Salón Teatro e dentro do que xa actuaron Linho do Cuco, Anxo Lorenzo, Emilio Rúa, Álvaro Vieito e Ophiusa.

A iniciativa, deseñada e promovida pola AGADIC en colaboración con AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais) e Agaphono (Asociación Galega de Produtoras Fonográficas), ten como prioridade ofrecer ás discográficas galegas unha nova canle de promoción e difusión dos seus artistas dende unha perspectiva esencialmente comercial, xa que os principais destinatarios destes directos son programadores, promotores de festivais e certames de música, distribuidores, prensa especializada e demais axentes culturais de dentro e fóra de Galicia.

R., 2010-04-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES