Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:
A secretaria xeral de Turismo, Carmen Pardo, e o director xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos, asistiron á inauguración en París da exposición Compostela e Europa. A historia de Diego Xelmírez, un ambicioso proxecto itinerante que comeza na capital francesa, visitará logo o Vaticano e rematará a súa peregrinación coa súa chegada a Santiago no mes de agosto. A mostra, organizada pola Consellería de Cultura e Turismo, a través da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, estará no Musée des Monuments Français de París ata o mes de maio e pretende dar a coñecer a historia de Diego Xelmírez como o gran promotor da peregrinación xacobea e de Compostela en Europa.
Durante o acto, a secretaria xeral de Turismo, Carmen Pardo, asegurou que a mostra dedicada a Diego Xelmírez é a exposición estrela, a máis importante de todo o Ano Santo, que inclúe, segundo dixo, un conxunto extraordinario de pezas chegadas desde múltiples institucións. Carmen Pardo recalcou que para Galicia é un orgullo poder transmitir con este evento celebrado máis alá das súas fronteiras sensacións que sobre pasan o puramente terreal; uns sentimentos case máxicos. Asemade, Carmen Pardo engadiu que que este é a mellor homenaxe a unha persoa que fixo todo por deixar a súa pegada na nosa historia, na historia de Europa.
No seu discurso, a secretaria xeral de Turismo avanzou que para este Ano Santo 2010 a Xunta de Galicia ten preparada unha coidada programación que, segundo dixo, mima con especial atención as propostas expositivas, co obxectivo de enriquecer a oferta artística e turística da comunidade galega. Ademais, asegurou que estas exposicións pretenden ofrecer un estudo das múltiples dimensións do fenómeno xacobeo e tamén converter cada día do Ano Santo nun evento, ofrecendo unha visión histórica e unha mirada volcada desde o presente cara o noso pasado. Por último, Carmen Pardo expresou o seu agradecemento a S.A. do Plan Xacobeo pola súa contribución coa restauración e a difusión deste patrimonio europeo, ao que agora nos permite acceder a todos.
Pola súa parte, o director xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos, asegurou que moito se pode falar da traxectoria vital e da herdanza histórica do arcebispo Xelmírez, de quen recordou o seu traballo como promotor da ruta xacobea e impulsor da Catedral de Santiago, ás que promocionou como nunca antes ninguén o fixera. De feito, Ignacio Santos recalcou que Xelmírez foi, en definitiva, quen lle imprimiu a condición de universal a Santiago de Compostela.
A mostra inaugurada en París, que foi comisariada por Manuel Castiñeiras, divídese en nove seccións que conforman un completo percorrido pola historia de Diego Xelmírez, desde os seus primeiros anos ata a súa permanencia no legado da historia de Galicia. A traxectoria vital de Xelmírez, arcebispo de Compostela, e as súas viaxes a Roma a través das vías de peregrinación francesas do século XII, configuran o eixo principal da mostra. Diego Xelmírez converteu Compostela en meta dunha das peregrinacións máis importantes da Cristiandade. A súa autoridade, as súas relacións coas máis altas esferas políticas e eclesiásticas e o seu importante peso político axudaron a encumbrar e consolidar a sede xacobea. Durante o seu goberno, Compostela deixou de ser un lugar periférico do Finis Terrae para converterse nun centro de referencia do panorama artístico e cultural da Europa románica.
Nas dúas primeiras seccións da exposición, «Iria, terra dos seus pais» e «Galicia treme con Diego Peláez», coméntanse os primeiros anos do personaxe, ben a través dunha reconstrución 3D das Torres de Oeste (Catoira, Pontevedra), bastión gobernado polo seu pai nos anos da súa infancia, ben a través da copia dos capiteis fundacionais da Capela do Salvador, testemuño do inicio da gran catedral que el logo completaría en gran parte.
Na terceira sección, «Unha carreira fulgurante: de Galicia a Roma», explícase, a través dun audiovisual, as viaxes de Xelmírez por terras de Europa, abrindo paso así a catro seccións fundamentais: «Santiago e a aventura do Camiño de Peregrinación», «Xelmírez e os camiños franceses e Cluny», «Xelmírez en Italia», e «Xelmírez en Portugal». Nelas, a través da selección dunha serie de pezas extraordinarias, cóntase o diálogo privilexiado que a inicios do século XII Compostela estableceu cos grandes centros de creación europeos.
Ás pezas procedentes de Jaca, Toulouse, Conques, Altopascio ou Módena hai que engadir algúns fitos como, o Libro dos Milagres de Santa Fe de Sélestat que contén dous himnos dedicados ao Apóstolo Santiago, as columnas salomónicas de Trinità dei Monti e San Carlo a Cave, mostradas por primeira vez nun evento deste tipo, así como o Polycarpus, unha colección de canons da Igrexa romana dedicada a Xelmírez, ou a correspondencia que este mantivo en relación coa doazón dunha reliquia de Santiago á Catedral de Pistoia. Coa sección oitava, «A Idade de Ouro da Catedral de Santiago», móstrase o resultado en Compostela desa longa peregrinación a través da reconstrución tridimensional de monumentos destruídos como a Porta Francigena -a actual fachada da azabachería- ou o Altar Maior, así como outra serie de pezas.
Para rematar, na última sección, «A memoria escrita dun xenio», réndese homenaxe á vontade do personaxe por permanecer máis aló do seu tempo, ben a través da Historia Compostelá ou da colección de textos do Códice Calixtino, ben a través da súa fortuna contemporánea, desde A. Murguía a R. A. Fletcher.
A montaxe desta exposición leva consigo ademais actuacións paralelas talles como a limpeza dos baleirados dos capiteis fundacionais da Capela do Salvador do Museo da Catedral de Santiago; a restauración das columnas salomónicas de San Carlo a Cave (Lazio, Italia) e da S.S. Trinità dei Monti de Roma; a realización dunha reprodución en yeso do relevo de Santiago de Altopascio do Museo Nazionale dei Vila Guinigi (Lucca, Italia); así como a dixitalización do Libro dos Milagres de Santa Fe da Bibliothèque Humaniste de Sélestat (Francia) e do Epistolario Compostelán do Archivio dei Stato dei Pistoia (Italia). Con todo iso, a S. a. de Xestión do Plan Xacobeo contribúe á restauración e difusión dun patrimonio común europeo que agora se pon ao alcance de todos.
De xeito paralelo á exposición, a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo e a Cité de lArquitecture et du Patrimoine organizan as xornadas científicas sobre arte e arquitectura medieval La Francia de Diego Xelmírez (1060-1200). Arte y arquitectura en los siglos XI y XII, que se desenvolverán en París os días 1 e 2 de abril. Os relatorios de investigadores e historiadores europeos protagonizarán a primeira parte destas xornadas, mentres que na segunda, o comisario da exposición Manuel Castiñeiras, conducirá aos participantes nunha visita guiada á mostra, mentres que Humbert Jacomet, conservador de Patrimonio, descubrirá aos asistentes os puntos de interese do París xacobeo.
Así, a apertura da sesión da primeira xornada correrá a cargo de Quitterie Cazes, da Université de Paris I Panthéon-Sorbonne, quen presentará os resultados das súas últimas investigacións sobre a basílica de Saint-Sernin de Toulouse. Así mesmo, outro dos santuarios de peregrinación das rutas francesas, Saint-Guilles du Gard será analizado por Pierre-Gilles Girault, conservador adxunto do Castelo de Blois.
Pola súa banda, Humbert Jacomet, conservador de Patrimonio DRAC dAuvergne, tratará o nacemento e as transformacións da iconografía de Santiago, mentres que o acento histórico virá da man de Adeline Rucquoi, do Centro de Investigacións Históricas, que analizará o carácter prol francés do arcebispo Xelmírez. O soado santuario de Sainte-Foy de Conques será abordado polo estudioso italiano Marco Piccat da Università dei Trieste. Para rematar, Jean-Marc Hofman, do Musée deas Monuments Français, falará sobre a colección de baleirados do propio museo que acolle a exposición e Alain Erlande-Brandenburg, inspector xeral de Museos, centrarase na construción da abadía de Saint-Denis.
Asemade, a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo 2010 coeditou coa editorial italiana do logotipo de Matisse, SKIRA, o libro Compostela e Europa. A historia de Diego Xelmírez, un documento monográfico que explica o papel que xogou Diego Xelmírez, arcebispo do Papa Calixto II, como promotor das artes e o seu labor na inclusión de Santiago de Compostela como referencia do panorama artístico e cultural da Europa románica.
A aposta dunha publicación, con estudos científicos e catálogo razoado, figurou desde o primeiro momento como un dos obxectivos primordiais do proxecto, coa intención de editar un libro que puidese funcionar como monografía dun período fundamental para o auxe definitivo de Compostela e a peregrinación xacobea. Por iso a publicación preséntase nunha tripla estrutura na que se combina un extenso ensaio de referencia sobre o papel de Diego Xelmírez como promotor das artes, unha serie de textos complementarios sobre distintos aspectos relacionados coa conformación de Santiago, a súa Catedral e o seu camiño en relación con Compostela e Europa e, finalmente, un catálogo razoado das pezas da exposición expostas no conxunto das tres sedes.
A cargo do comisario do proxecto, Manuel Castiñeiras, o estudo introdutorio sobre a biografía artística de Diego Xelmírez recolle a idea da transformación de Compostela, de periferia a centro da arte románico, a través da evolución da súa catedral entre 1075 e 1140. Nela abórdase, en primeiro lugar, a fase previa ao episcopado de Xelmírez, é dicir, os inicios da Catedral con Diego Peláez (1075-1088) e a súa continuación co Mestre Esteban (1093/94-1101). En segundo lugar, a implantación definitiva, a partir do ano 1100, do programa gelmiriano visible na función simbólica e litúrxica do monumento, no nacemento dos grandes portais historiados, no embelecemento do Altar Maior cun rico enxoval de connotacións romanas, así como a posible decoración pintada do edificio a partir dos recentes achados pictóricos en San Martiño de Mondoñedo.
Todo iso faise desde un punto de visto novo, no que prima a perspectiva das consecuencias das viaxes do prelado -Toulouse, Conques e Roma- na formación dos seus canteiros, escultores e ourives, as dúbidas e pentimenti na execución dalgún dos seus proxectos -Platerías-, o peso ideolóxico da súa adhesión á Reforma Gregoriana nos seus programas figurativos así como o intento de emulación de Roma e Xerusalén como gran meta de peregrinación.
Moitos destes aspectos son ampliados e complementados por unha selección de estudosos e especialistas de recoñecido prestixio. No apartado relativo a Compostela, Adeline Rucquoi traza un magnífico panorama do cosmopolitismo da escola episcopal compostelá, mentres que John Williams analiza, de forma maxistral, o problema da definición da tipoloxía das igrexas de peregrinación, a importancia da basílica como martyrium e a importancia cultual da creación dunha confessio. Klaus Herbers e Alison Stones, en sendas contribucións, desmenuzan a riqueza do Códice Calixtino, ben como libro de lexitimación e propaganda da sede compostelá, ben como magnífico exemplo das vinculacións anglonormandas da súa ilustración, que Stones adianta a datas próximas á morte do prelado. José María Díaz Fernández, Deán da Catedral, deléitanos co relato do «Pío Latrocinio», verdadeiro testemuño da importancia do culto ás reliquias na Idade Media.
A partir dunha análise minuciosa das fontes modernas, Miguel Taín Guzmán reconstrúe a fortuna do mobiliario litúrxico de Xelmírez, achegando novidades sobre a sorte da táboa marmórea do altar, reaprovechada por Antonio López Ferreiro na sistematización do altar da cripta construída a finais do século XIX.
Francisco Singul, pola súa banda, expón, por primeira vez, a posible procedencia da destruída Porta Francigena do fuste reaproveitado do Cruceiro de Santa María de Lama (Boqueixón). Para rematar, Ramón Villares pecha o capítulo compostelán cunha aguda visión sobre a valoración de Xelmírez na tradición cultural galeguista, na que o personaxe foi cualificado de cacique, traidor, pero tamén de visionario Príncipe da Cristiandade.
No apartado dedicado a Europa un grupo de especialistas analiza o problema da efervescencia da arte románico en torno ao ano 1100 desde as privilexiadas atalaias da súa longa experiencia investigadora.
Asemade, cinco seccións conforman a terceira e última parte do proxecto editorial, a través das cales se realiza un percorrido textual pola propia exposición con análises exhaustivas de cada unha das pezas que a conforman. Nesta parte, realízanse lecturas de pezas como os capiteis fundacionais da Catedral de Santiago ou da primeira vieira que foi insignia de peregrino. Nestas seccións tamén se inclúen estudos sobre a profunda pegada que sobre a produción cultural da Compostela de Xelmírez tivo o seu paso polos principais centros de produción artística que por entón funcionaban en Francia. Do mesmo xeito, faise un percorrido por Italia e Portugal. Por último, faise un repaso pola historiografía do personaxe e a súa época.
A mostra Compostela e Europa. A historia de Diego Xelmírez que o martes comeza a súa itinerancia en París enmarcase no Camiño da Historia do Xacobeo 2010, un itinerario que percorre proxectos expositivos de carácter histórico. Trátase de mostras que supoñen novas aproximacións á temática xacobea e ao fenómeno das peregrinacións desde o punto de vista espiritual, cultural, relixioso ou patrimonial. Estas exposicións perduran no tempo en forma de catálogos e publicacións de coidada edición e celébranse ao longo de toda a xeografía galega e, nalgúns casos, con itinerancia por países europeos, como é o caso da mostra sobre a figura de Diego Xelmírez.
Fotografías: Xunta de Galicia