Noticias

Presentados cuatro nuevos títulos sobre teoría y práctica escénica dentro de la colección Biblioteca de Teatro

Editada por Agadic y Editorial Galaxia, la colección Biblioteca de Teatro incorpora cuatro nuevos títulos sobre teoría y práctica escénica, alcanzando un total de 23 libros publicados en tres series calificadas como catálogo de referencia a nivel peninsular en el ámbito de los estudios del arte dramático. Durante la presentación el conselleiro de Cultura de la Xunta, Roberto Varela, comprometió apoyo al sector editorial y a la escena teatral gallega.

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Consellería de Cultura e Turismo de la Xunta de Galicia:

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela Fariña, presentou os catro últimos títulos sobre teoría e práctica escénica da colección “Biblioteca de Teatro”, que publican en réxime de coedición a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e a Editorial Galaxia. Coa incorporación destes novos volumes, son 23 os libros publicados nas tres series das que consta esta colección, que nos seus oito anos de existencia converteuse xa nunha referencia a nivel peninsular no ámbito dos estudos teatrais.

Para o titular de Cultura e Turismo, a colaboración entre AGADIC e Galaxia establece un “modelo de converxencia exemplar” que amosa o “apoio eficiente e estable” da Consellería ao sector editorial e á escena teatral galega. “Confirma a nosa vontade de consolidar unha estrutura sólida, efectiva e capaz de soster proxectos a largo termo”, afirmou. Nesta liña de traballo, o conselleiro manifestou que a inversión “en formación e en contidos” é un dos “mellores modos de amosar o compromiso e a implicación co noso teatro”. Roberto Varela anunciou asemade “o decidido pulo que esta Consellería quere dar ás artes escénicas en Galicia, dende a transparencia e o rigor”.

Respecto ao sector editorial, o conselleiro recordou que o 2010 será o Ano do Libro e da Lectura polo que “hoxe máis que nunca, o libro e a nosa industria editorial son xeradores de riqueza e de dinamismo, de sinerxía positiva cos demais actores culturais”. “A Consellería de Cultura impulsará todas as iniciativas de promoción no exterior, todos os eventos internacionais, todas as medidas de apoio que fagan medrar a presenza e o empuxe do libro galego”, asegurou. O obxectivo, segundo Roberto Varela, é que Galicia acade “a centralidade cultural que lle corresponde”.

O director da AGADIC, Juan Carlos Fernández Fasero; o director de Editorial Galaxia, Víctor Fernández Freixanes; e o director da colección, Manuel F. Vieites, participaron tamén na presentación dos números 10, 11 e 12 da serie “Manuais” (Manual de práctica teatral feminista, de Elaine Aston; A expresión dramática na educación. Argumentos para situar a expresión dramática, de Gavin Bolton; e Teatro Occidental: unha historia teatral desde a escenografía, de Anna Surges) e do número 9 da serie “Breviarios” (Manual básico de iluminación escénica, de Antonio López-Dávila).

“Biblioteca de Teatro” botou a andar no ano 2002 coa finalidade de ampliar cualitativa e cuantitativamente a bibliografía en galego de ensaios, estudos e material de investigación sobre teatro, coa ollada posta na recente implantación en Galicia dos estudos superiores de Arte Dramática. Na actualidade, é xa unha colección de referencia polo seu amplo catálogo de contidos teóricos e técnicos, que agrupa tanto obras consideradas fundamentais para o estudo do teatro universal como achegas teórico-prácticas ás diferentes variantes da profesión escénica. En moitos casos, ademais, estes títulos son utilizados como libros de texto nas escolas superiores de Arte Dramática.

Os números editados ata o momento, dos que se publican unha media de 800 exemplares, agrúpanse en tres series atendendo á súa temática e autoría. Así, “Manuais” recolle as traducións ao galego de estudos de recoñecido prestixio internacional, mentres que “Breviarios” reúne obras de autores e profesionais galegos a través das que proporciona unha introdución xeral e de carácter eminentemente práctico a unha determinada materia teatral, en consonancia coas que actualmente se imparten na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.

A colección compleméntase coa serie “Grandes Manuais”, na que se publican obras de autoría galega que, dende unha perspectiva sistemática e pormenorizada, afondan nunha determinada área teatral co obxectivo de potenciar a produción e a difusión dende Galicia do coñecemento sobre as artes escénicas.

Elaine Aston, profesora de creación teatral contemporánea da Universidade de Lancaster, ofrece no seu Manual de práctica teatral feminista unha guía para creadores escénicos que aborda as diferentes maneiras de representar ou considerar o xénero. Cunha clara orientación práctica, está organizada arredor de tres eixes fundamentais: as mulleres no obradoiro, os textos dramáticos e os contextos femininos, e o xénero e os procesos de creación.

En A expresión dramática na educación. Argumentos para situar a expresión dramática, Gavin Bolton –un dos máis destacados especialistas ao respecto no ámbito anglófono– estuda a relación entre expresión dramática e aprendizaxe cunha perspectiva histórica, desde os inicios do século XX ata principios da década de 1980. Afonda na expresión dramática a partir das súas dimensións de ferramenta educativa e de experiencia estética, considerando os vínculos entre ambas as dúas.

O terceiro dos títulos que se incorporan á serie “Manuais”, Teatro occidental: unha historia teatral desde a escenografía, ofrece un percorrido polos vestixios que quedan dos tempos en que o arquitecto, o decorador ou o pintor aínda non recibían o nome de “escenógrafo”, mais a súa colaboración era igualmente fundamental no deseño e materialización do espazo escénico. Para isto, a súa autora –Anna Surges, directora de investigación na Universidade de París III-Nova Sorbona– sérvese da análise de numerosos textos, debuxos, planos, gravados, pinturas e fotografías. Por último, o Manual básico de iluminación escénica, de Antonio López-Dávila, recolle os aspectos básicos da iluminación teatral, prestando atención especial a elementos básicos como as fontes de luz e os procedementos para o seu manexo e control.

R., 2009-09-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES