Noticias

Máis do 92% das familias ve importante que exista unha lei que regule o uso da tecnoloxía na educación

O 92,2% das familias con fillos e fillas escolarizados na nosa Comunidade considera importante que exista unha lei que regule o emprego da tecnoloxía no ensino. Así se recolle na enquisa Dixitalización do sistema educativo en Galicia, realizada polo Instituto Galego de Estatística. No que atinxe ás redes sociais, o 93% estima axeitado establecer restricións no acceso aos menores de 16 anos. De feito, o 51,3% das familias usa mecanismos de control parental de forma habitual, especialmente na ESO (62,6%) e Primaria (61,2%). A valoración das familias respecto á integración das tecnoloxías no modelo pedagóxico é maioritariamente positiva e, de feito, o 73,1% considera que as actividades dixitais están ben integradas co resto das tarefas e o 73,3% valora positivamente o uso que fai o profesorado destas ferramentas.

O 92,2% das familias con fillos e fillas escolarizados na nosa Comunidade considera importante que exista unha lei que regule o emprego da tecnoloxía no ensino. Así se recolle na enquisa Dixitalización do sistema educativo en Galicia, realizada polo Instituto Galego de Estatística a petición da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP para coñecer a opinión das familias no proceso de elaboración da futura Lei de educación dixital de Galicia.

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e o director do Instituto Galego de Estatística, Juan Carlos Reboredo, presentaron hoxe os resultados desta sondaxe, que avalía tamén cuestións como a valoración do modelo de ensino híbrido, o uso das plataformas educativas ou a restrición dos móbiles nos centros de ensino, entre outros.

O titular do departamento educativo da Xunta destacou que a finalidade desta enquisa é “comprobar a opinión das familias, unha medida máis para garantir a maior participación na elaboración da Lei de educación dixital, a máis participativa na historia de Galicia, pioneira a nivel estatal e que aprobaremos no Consello da Xunta este mes”.

A este respecto, sinalou que a Consellería de Educación está completando os últimos trámites para levar a normativa á reunión semanal do Goberno galego e darlle así traslado ao Parlamento. “A gran cantidade de achegas presentadas dá conta do interese que está a suscitar esta lei e esta enquisa aválao”, sinalou o conselleiro. Neste sentido, indicou que a Consellería percibe unha intensa preocupación das familias arredor de cuestións como o uso da tecnoloxía nas aulas. “Escoitando estas demandas puxemos en marcha medidas como a prohibición dos móbiles, que tiveron unha gran acollida e que tamén referenda esta sondaxe, cunha aceptación do 93% das familias”, salientou.

Ademais, no que atinxe ás redes sociais, o 93% estima axeitado establecer restricións no acceso aos menores de 16 anos. De feito, o 51,3% das familias usa mecanismos de control parental de forma habitual, especialmente na ESO (62,6%) e Primaria (61,2%).

“Coa Lei de educación dixital queremos ir máis aló, elaborando un texto amplo que recolle todo tipo de circunstancias que se poden dar no uso das novas tecnoloxías e a intelixencia artificial nas aulas, desde o dereito á desconexión dixital ata a posibilidade de facer exames virtuais, pasando pola protección de datos”, incidiu Román Rodríguez.

Aposta polo modelo híbrido

Precisamente, unha das prioridades da futura lei é o reforzo do modelo híbrido do ensino xa avanzado, por exemplo, coas melloras introducidas no programa E-Dixgal. Neste sentido, o 86,6% das familias galegas aposta por este modelo nas aulas, combinando deste xeito os recursos dixitais e tradicionais convivindo en equilibrio.

A valoración das familias respecto á integración das tecnoloxías no modelo pedagóxico é maioritariamente positiva e, de feito, o 73,1% considera que as actividades dixitais están ben integradas co resto das tarefas e o 73,3% valora positivamente o uso que fai o profesorado destas ferramentas para contribuír ao proceso de aprendizaxe.

Así mesmo, o 65% das familias considera que as iniciativas de dixitalización educativa están a ter unha repercusión positiva na competencia dixital do alumnado. Deste xeito, máis do 75% percibe que os seus fillos saben manexar as plataformas dos centros, teñen autonomía no uso de ferramentas básicas ou saben organizar as tarefas dixitais.

A valoración descende ata o 64% cando se trata da busca de información fiable en Internet e do uso seguro da tecnoloxía. En liña con este resultados, a principal demanda das familias para mellorar o uso educativo das tecnoloxías e a formación en seguridade (63,1%). Outras demandas inclúen a formación ás familias (32,4%), maior orientación ao profesorado (26,9%) e unha normativa máis clara sobre o uso do móbil (23,5%).

Cómpre salientar que estas demandas terán resposta na futura Lei de educación dixital que, entre outras cuestións, recolle medidas como a limitación do uso pedagóxico do teléfono móbil, que non se incluirá ata 3º de ESO -ata o de agora ese uso está permitido con carácter xeral-, a adecuación do uso da tecnoloxía nas aulas en función da etapa e a madurez do alumnado ou máis formación para os docentes. Así mesmo, xa se está a intensificar a formación para as familias a través de diferentes xornadas e programas.

Desconexión dixital

En canto ao uso concreto das tecnoloxías, os proxenitores perciben que é habitual, cunha intensidade que aumenta a medida que avanza o nivel educativo, de tal forma que o 64,9% do alumnado galego utiliza as tecnoloxías dixitais no centro educativo de forma frecuente ou moi frecuente. Esta tendencia é máis elevada en Formación Profesional (79%), Bacharelato (78,5%) e ESO (78,5%), mentres que en infantil baixa ata o 30,6%.

Neste senso, o 63,3% do alumnado galego utiliza de forma habitual plataformas dixitais educativas do centro. Entre aqueles alumnos que utilizan plataformas dixitais (80,9%), os usos máis frecuentes son a comunicación entre profesorado e alumnado (69,6%), o envío e entrega de tarefas (68,3%) e a avaliación (64,8%). De feito, o 86% do alumnado galego realiza, ben de forma habitual ou esporádica, algunha tarefa escolar utilizando tecnoloxía, xa sexa no centro ou no fogar, cun uso menor en Infantil (63,5%) e Primaria (73,5%) é case universal no resto das etapas. Con todo, as familias pensan que se pode mellorar o tempo dedicado a estas tarefas e, en concreto, o 51,5% considera axeitado o tempo que o alumnado dedica as tarefas, mentres que un 30,1% o percibe excesivo.

A este respecto, cómpre sinalar que o texto da lei regula por primeira vez o dereito á desconexión dixital do alumnado fóra do horario lectivo. Tamén fixa que a comunicación entre os centros e as familias só se poida realizar por medios autorizados pola Xunta. Isto é, a través de ferramentas institucionais como Abalar e non WhatsApp.

A día de hoxe, tal e como recolle a sondaxe, a comunicación dixital entre as familias e os centros é case universal, de tal forma que o 98,4% das familias emprega aplicacións como AbalarMobil. A valoración destas ferramentas é moi positiva: para o 92,3% das persoas son bastante ou moi útiles; o 91,6% non teñen dificultades para empregalas; o 90,8% non considera excesivo o número de mensaxes ou notificacións que recibe, e o 87,9% sinala que melloran a rapidez coa que reciben información do centro.

Uso doméstico

Ademais das preguntas sobre educación dixital, incorporáronse preguntas de contexto, entre elas o uso doméstico das novas tecnoloxías. Os datos compilados indican que os fogares do alumnado presentan un alto nivel de acceso e equipamento dixital, con acceso a internet no 99,3% dos casos. O 83,1% dispón dalgún dispositivo electrónico para uso escolar, con maior porcentaxe a medida que avanza o nivel educativo.

En relación coas competencias dixitais das familias para apoiar aos seus fillos, o 86,9% declara dispoñer dun nivel aceptable. Tamén resulta relevante a dispoñibilidade no fogar dun espazo axeitado que favoreza o estudo, co que contan o 85,1% das familias.

A enquisa realizouse de forma telefónica a un total de 1.108 persoas con algún fillo matriculado en ensinanzas non superiores en Galicia (excluíndo estudos universitarios e FP superior) entre o 13 e o 30 de marzo. Tívose en conta a distribución territorial, o tamaño do municipio de residencia e aplicáronse cotas de nivel de ensinanzas dos fillos.

R., 2026-06-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (cdc-00.jpg) A Cidade da Cultura programa no mes de agosto en Atardecer no Gaiás catro solpores musicais con seis artistas que conxugan música urbana, pop, electrónica e rock para todos os gustos. Os concertos gratuítos ¡arrancan este xoves día 6 coas guitarras e a distorsión de Dogo, grupo compostelán de rock alternativo con influencias do post-punk e o shoegaze, a partir do que constrúen temas de atmosferas densas e melodías envolventes en galego. O trío formado por Carlos Beiró (guitarra, voz), Xoan Escudero (baixo, voz) e Ángel Refojo (batería) publicou o ano pasado o seu primeiro EP, Brutalismo, logo de gañar o concurso Sonidos Mans Salas para bandas emerxentes.
Foto de la tercera plana (eclipse-2026-xunta.jpg) A Xunta habilitou un apartado específico dentro da web de MeteoGalicia para facilitar o acceso e as consultas relacionadas coa predición do tempo en todos os concellos galegos durante a xornada da eclipse solar, prevista para o 12 de agosto. Galicia será unha das rexións nas que mellor se poderá observar este fenómeno astronómico, aínda que non en todas as zonas se apreciará por igual. No espazo web dedicado ao tempo durante a eclipse hai un mapa con todos os concellos sobre o que se indica en cales será total.

Notas

Espazos Sonoros regresa un ano máis cunha programación que volve propoñer un diálogo entre música e patrimonio, convidando o público a descubrir espazos de especial valor histórico e cultural da provincia da Coruña a través da experiencia artística. Organizado polo departamento de Patrimonio da Deputación da Coruña, o ciclo desenvolverase entre o 5 de setembro e o 8 de outubro.
Cada día, unha parte importante da enerxía que consome a industria termina perdéndose en forma de calor. Entre un 25 % e un 55 % disípase a temperaturas próximas aos 200 °C suficientemente elevadas como para aproveitar esa calor e convertela en electricidade. Recuperar ese potencial enerxético é un dos desafíos da industria para avanzar cara a procesos máis eficientes e sostibles.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES