
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, presentou hoxe, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, a segunda parte da campaña de Trens Turísticos de Galicia, que inician estee sábado 6 de xuño unha nova quenda de viaxes coas saídas da Ruta dos Faros e a da Ribeira Sacra polo Sil.
Xosé Merelles destacou o éxito desta iniciativa, que constitúe xa unha das citas de referencia na programación turística da comunidade, co recoñecemento do público como de organizacións do sector. Neste sentido, incidiu en que os itinerarios de xuño xa están vendidos ao completo, e as primeiras citas de xullo están tamén a piques de esgotarse.
Os trens que inician saída neste mes son o das Rutas dos Faros (con saídas 6 e 20 de xuño, 4 e 18 de xullo, 29 de agosto e 26 de setembro, todas vendidas); os da Ribeira Sacra polo Sil (6 e 27 de xuño e 11 de xullo, xa vendidas; e 1 e 22 de agosto e 12 de setembro, aínda con prazas á venda); a da Ribeira Sacra polo Miño (13 de xuño, esgotadas, e 5 e 26 de setembro); e a dos Mosteiros (20 de xuño -xa vendidas- e 25 de xullo).
Para o director de Turismo de Galicia, isto da boa mostra do éxito desta iniciativa única, que integra sostibilidade e singularidade. Xosé Merelles definiuna como unha proposta icónica e referiuse ao seu aporte á desestacionalización e redistribución do turismo pola comunidade.
Ademais, abundou tamén no factor da sostibilidade e da singularidade do programa. Propón unha xornada nun medio de transporte como o tren, que non só é máis sostible que outros, senón que ademais permite formar parte dunha experiencia colectiva, vivida con máis viaxantes. É por tanto non só unha forma distinta de achegarse a Galicia, senón tamén de experimentar a propia viaxe.
Campaña 2026
O programa de Trens Turísticos de Galicia é unha iniciativa de Turismo de Galicia, en colaboración con Renfe e o INORDE. En total, en 2026 realizaranse 13 rutas e 33 saídas, cunha ruta -a da Camelia- xa realizada. Ademais das que se inician en xuño, en xullo comezan as Rutas de Valdeorras-Ribeira Sacra (4 de xullo, 19 de agosto); a das Rías Baixas (11 de xullo, 12 de setembro); e a do Ribeiro-Rías Baixas (18 de xullo).
Agosto será o mes no que se inicien as saídas das Rutas das Mariñas (1 de agosto, 5 de setembro); a dos Pazos e Xardíns (8 de agosto, 19 de setembro); a de Monterrei (8 e 29 de agosto); a do Museo MEGA e A Coruña de 1906 (15 de agosto); e a dos Queixos (22 de agosto e 3 de outubro), que será a que poña punto e fin á campaña de 2026.
A nivel de ocupación, vendéronse xa dúas rutas por completo (a das Camelias e a dos Faros), e outra máis vai camiño de esgotarse, con máis do 70% de prazas vendidas (a da Ribeira Sacra do Sil).
En 2025 acadouse máis dun 92% de ocupación, completándose os trens das rutas dos Queixos, Ribeira Sacra do Miño e o Sil, Rías Baixas e a dos Faros, que ademais foi recoñecida co premio 'Tourism-Friendly' na categoría de viaxes de curta distancia da Unión Internacional de Ferrocarrís.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.