Noticias

O Gaiás convida a mergullarse nas culturas de Oceanía cunha exposición que exhibe por vez primeira en Galicia 200 pezas únicas do British Museum

Grandes expertos en viaxes en longa distancia, os habitantes do Pacífico levaron vidas cosmopolitas moito antes de que os europeos chegasen á rexión. Son considerados ademais uns artistas excepcionais que crean fermosos obxectos para a súa vida cotiá con elementos naturais como pedra, madeira, fibras ou cunchas. Abanos, anzois, tecidos, armas, canoas... cada obxecto está belamente traballado, con decoracións impregnadas dun significado espiritual e profundo: a arte forma parte de todos os aspectos da vida. Voces do Pacífico estrutúrase así en sete ámbitos temáticos que se achegan a diferentes aspectos da arte e as tradicións de Oceanía e que inclúen o tecido, a danza, a talla ou as tecnoloxías de navegación.

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, inaugurou esta mañá no Museo Centro Gaiás Voces do Pacífico. Innovación e tradición, unha exposición que trae por vez primeira a Galicia máis de 200 pezas da colección do British Museum, unha das máis destacadas do mundo de arte e cultura de Oceanía.

O representante da Xunta de Galicia referiuse á exposición como unha “homenaxe á riqueza, á diversidade e á creatividade dos habitantes do Pacífico”, convidando a todo o público galego a mergullarse nesta “valiosa escolma de obxectos históricos e obras de arte”. A mostra —que se pode visitar na Cidade da Cultura ata o 29 de novembro—explora as tradicións artísticas do maior océano do planeta, con máis de 1.800 culturas e grupos lingüísticos diferentes e illas tan abraiantes como Rapa Nui, Papúa Nova Guinea, Hawai ou Nova Zelandia.

Máscaras rituais, esculturas que conectan a vida coa morte, armas cerimoniais, maquetas de embarcacións concibidas para cruzar un océano infinito... Voces do Pacífico exhibe obxectos con séculos de historia, pero tamén obras realizadas nas últimas décadas por artistas oceánicos que reinterpretan e manteñen vivas as tradicións ancestrais. A exposición amosa así a mirada cosmopolita, dinámica e innovadora que conecta os habitantes destas illas desde o pasado ata a actualidade.

O titular de Cultura do Goberno galego lembrou que esta mostra representa o primeiro acordo directo que acada a Xunta de Galicia co British Museum, institución coa que xa se colaborou anos atrás en Faraón. Rei de Exipto —a exposición máis visitada da Cidade da Cultura desde a súa apertura ao público—, máis naquela ocasión coa mediación de Fundación ”la Caixa”.

O conselleiro puxo así en valor a “confianza depositada polo British Museum participando nesta colaboración”, remarcando que acredita “a capacidade de Galicia, e da Cidade da Cultura, para acoller proxectos expositivos de primeiro nivel que nos sitúan no circuíto dos grandes centros museísticos”, asegurou López Campos. O representante da Xunta de Galicia destacou Voces do Pacífico como unha das grandes exposicións internacionais da axenda cultural deste ano que “encarna o selo” do programa cultural Galicia Calidade e deixa entrever, na antesala do Xacobeo 2027, “a dimensión da programación que traerá consigo esta vindeira cita cultural”.

Na inauguración da exposición interviñeron tamén o director de Coleccións do British Museum, Xerxes Mazda; a comisaria e conservadora de Oceanía, a doutora Julie Adams, así como o artista de orixe maorí Georges Nuku, quen conduciu unha cerimonia tradicional como apertura oficial desta mostra. No acto estiveron ademais presentes a responsable de Alianzas e Exposicións Itinerantes Internacionais no British Museum, Amanda Mayne; o director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo; e a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez.

A exposición conta tamén coa colaboración da Fundación ”la Caixa”, sendo esta a súa terceira itinerancia en España, tras exhibirse anteriormente en Caixaforum Madrid e Caixaforum Barcelona.

Innovación e tradición

Grandes expertos en viaxes en longa distancia, os habitantes do Pacífico levaron vidas cosmopolitas moito antes de que os europeos chegasen á rexión. Son considerados ademais uns artistas excepcionais que crean fermosos obxectos para a súa vida cotiá con elementos naturais como pedra, madeira, fibras ou cunchas. Abanos, anzois, tecidos, armas, canoas... cada obxecto está belamente traballado, con decoracións impregnadas dun significado espiritual e profundo: a arte forma parte de todos os aspectos da vida.

Voces do Pacífico estrutúrase así en sete ámbitos temáticos que se achegan a diferentes aspectos da arte e as tradicións de Oceanía e que inclúen o tecido, a danza, ou a talla, pero tamén poñen o foco nas tecnoloxías de navegación, ou na innovación e a resiliencia que caracterizaron estas comunidades durante milenios. O discurso establece unha conexión directa con retos globais actuais como o cambio climático, que ameaza de forma crítica a supervivencia de moitas illas de Oceanía debido á subida do nivel do mar.

Sobre o British Museum

Fundado no século XVIII, o British Museum é hoxe unha das institucións culturais de referencia do mundo, tanto pola súa antigüidade e o seu prestixio como pola súa colección de máis de oito millóns de obxectos. Foi o primeiro museo nacional en abranguer todos os campos do coñecemento humano e hoxe continúa a encarnar os valores da ilustración propios da súa fundación, no que se refire a debate crítico, investigación científica, progreso e tolerancia.

O British Museum ten como obxectivo compartir a súa rica e diversa colección, xunto coa súa experiencia en comisariado, cun público global a través dun programa de exposicións itinerantes internacionais. Estas exposicións contan coa especialización de conservadores de prestixio mundial, expertos en restauración, científicos, xestores de proxectos e moitos outros profesionais do Museo que poden dar soporte á mostra en cada etapa do seu desenvolvemento.

Sobre a Fundación ”la Caixa”

A Fundación ”la Caixa” é unha das principais entidades filantrópicas de España, comprometida co progreso social e o desenvolvemento cultural desde hai máis dun século. A través dunha acción que integra programas sociais, educativos, de investigación e culturais, a Fundación traballa para mellorar o benestar das persoas e reforzar a cohesión social.

R., 2026-06-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES