
A Xunta valora o cambio de tendencia demográfica que está a consolidar Galicia. A comunidade gaña poboación con forza e de xeito constante en todas as provincias ata acadar os 2,73 millóns de habitantes, a cifra máis elevada dos últimos once anos. Así o indicou esta mañá o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, que compareceu na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento de Galicia.
Jacobo Rey debullou os datos recentemente publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE), que rexistran un crecemento de poboación de preto de 14.000 persoas nos últimos doce meses, de máis de 24.500 persoas nos dous últimos anos e de 31.600 persoas en comparación con 2023.
As cifras confirman que Galicia pasou dun descenso de residentes na década pasada a un incremento nesta e supón, ademais, unha mellora moi importante respecto ás proxeccións de poboación que fixeran no pasado tanto o INE como o Instituto Galego de Estatística (IGE). Estas prognosticaban hai dez anos que a comunidade tería na actualidade algo máis de 2,57 millóns de habitantes, mentres que a realidade é que supera os 2,73 millóns.
Saldo migratorio e esperanza de vida
Detrás deste incremento de poboación, destacou o director xeral, están o saldo migratorio positivo, neste momento en cotas históricas, e a esperanza de vida, que supera por primeira vez a barreira dos 84 anos.
Galicia atrae poboación tanto do estranxeiro como doutras comunidades autónomas, incluídas algunhas ás que no pasado emigraba a sociedade galega, como Madrid, Cataluña ou País Vasco.
En canto á esperanza de vida, no que vai de século creceu en case cinco anos. Un incremento, resaltou Jacobo Rey na súa intervención, motivado polos avances nos eidos sanitario e dos servizos sociais. Nestes, rematou, destacan algunhas das medidas postas en marcha pola Xunta de Galicia para as familias galegas, como a gratuidade das escolas infantís de 0 a 3 anos, a Tarxeta Benvida, o apoio fiscal ás familias con máis de dous fillos e a especial protección ás familias numerosas, ás monoparentais ou ás acolledoras.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.