
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, xunto co conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participaron hoxe na presentación oficial do primeiro Censo do Patrimonio Marítimo Inmoble de Galicia e dos Espazos de Interese Cultural Marítimo (EICM), coñecidos como Áreas Nai. Esta iniciativa estratéxica, enmarcada no Plan da Cultura Marítima de Galicia (PCUMA), busca conservar, poñer en valor e difundir de xeito integral a herdanza litoral galega.
A titular de Mar salientou no acto, celebrado no auditorio municipal de Ribeira, a fonda vinculación da comunidade co medio mariño, afirmando que O mar caracteriza as nosas paisaxes e marca as nosas vivencias, e a nosa identidade galega, porque Galicia é mar e os galegos tamén somos mar. Por este motivo, Villaverde recalcou o compromiso do Goberno galego para que o desenvolvemento deste plan sexa un proceso de diagnose e traballo compartido, interactivo, no que interveñan e poidan aportar o maior número de actores sectoriais e sociais, abrindo as canles a toda a cidadanía para protexer un legado que debe chegar ás vindeiras xeracións.
Neste senso, López Campos fixo fincapé na importancia desta ferramenta ao supoñer unha nova achega nese obxectivo común: o coidado dos nosos bens, que nos facilita traballar en rede xunto ás fundacións e asociacións que colaboran nese labor. O titular de Cultura do Goberno galego erixiu a gran riqueza patrimonial galega, que forma parte fundamental da nosa identidade cultural e que agora se atopa inventariada e accesible a todo o pobo galego.
O Censo do Patrimonio Marítimo Inmoble de Galicia é un inventario exhaustivo e pioneiro, impulsado pola Consellería do Mar xunto coa Universidade da Coruña, que documenta, que pon en valor a herdanza litoral galega mediante a catalogación de 1.452 bens singulares (como antigas conserveiras, estaleiros, cetarias ou cargadoiros). Para acadalo, levouse a cabo un intenso traballo de campo dirixido polo doutor arquitecto Óscar Fuertes Dopico que permitiu mapear máis de 24.000 quilómetros do noso bordo litoral.
As Áreas Nai ou Espazos de Interese Cultural Marítimo (EICM), pola súa banda, son enclaves singulares da nosa costa que se preservaron da urbanización masiva, mantendo a súa esencia histórica e paisaxística. O proxecto identificou 28 destas áreas en Galicia, que destacan por ser conxuntos patrimoniais vivos nos que se mantén intacta a relación tradicional entre o mar e as comunidades mariñeiras locais.
Ferramentas interactivas
Para garantir a difusión deste coñecemento, a páxina web do proxecto inclúe un visor interactivo que permitirá á cidadanía explorar o Censo e as Áreas Nai de maneira accesible. A plataforma ofrece información xeorreferenciada sobre os bens inventariados e incorpora un espazo de participación activa denominado Achegas, destinado a recoller novas contribucións e ampliar o coñecemento colectivo sobre a nosa identidade marítima, e que permanecerá activo ata finais do ano 2026.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.