
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou hoxe no acto celebrado en Lisboa que IberianQCI é un exemplo do esforzo compartido e da comunicación entre dous territorios que camiñan unidos para fortalecer as infraestruturas e a seguridade de Europa. Estou convencido de que desde esta fachada atlántica constribuiremos á construción da rede de seguridade máis importante do continente para os próximos anos, que require de liñas ultra seguras para afrontar os retos do futuro, expresou. A liña de 120 km entre Santiago e Vigo supuxo un fito para a nosa I+G+i, apostando por un eido con moita proxección que marcará un antes e un despois na protección dos territorios, engadiu.
Logo da posta en marcha desta liña de comunicación cuántica, a máis longa de España por terra, e tamén unha das maiores nestes momentos no continente europeo, Galicia ampliará esta arteria ata Portugal, establecendo así a conexión transfronteiriza co país veciño.
Este paso supón a continuación do traballo feito ata agora en Galicia, especialmente polo Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) e a Universidade de Vigo (UVigo) a través do Vigo Quantum Communication Center (VQCC), adscrito ao centro de investigación AtlanTTic, da Rede CIGUS, e amosa o compromiso de Galicia coa I+D+i no ámbito das tecnoloxías disruptivas, como a cuántica, unha aposta que sitúa a nosa Comunidade como unha referencia no conxunto de Europa.
Entidades participantes
Coordinado por Deimos Engineering and Systems en Portugal, no proxecto IberianQCI participan entidades lusas e españolas, como Infraestruturas de Portugal, o Instituto de Telecomunicaçoes, o Instituto Superior Técnico ou Altice Labs. Ademais dos galegos xa citados Cesga e Universidade de Vigo, completan a listaxe de participantes o Instituto de Ciencias Fotónicas, Indra Sistemas de Comunicación Seguras, Telefónica Innovación Dixital e a Universidade Politécnica de Madrid. Román Rodríguez agradeceu no acto de hoxe ao ministro de Infraestruturas e Vivenda de Portugal, Miguel Pinto; ao presidente de Infraestruturas, Miguel Cruz; ao secretario de Estado de Dixitalización, Bernardo Correia, e á coordinadora de IberianQCI, Catarina Bastos, a colaboración e o traballo do país veciño.
Protección de datos
O proxecto europeo do IberianQCI-Iberian Quantum Communication Infrastructure contempla a interconexión das infraestruturas nacionais de España e Portugal mediante conexións cuánticas tanto terrestres como baseadas no espazo. A prevision é que chegue a Lisboa a través da conexión coa troncal terrestre norte-sur que prepara Portugal e que xa ten despregada na área metropolitana de Lisboa. O país veciño traballa agora na infraestrutura que permitirá conectar a Rede Cuántica Portuguesa (PTQCI) desde Lisboa ata a Rede Transfronteiriza de Valença-Galicia pasando por Aveiro e Porto. A rede europea EuroQCI permitirá protexer infraestruturas críticas como redes eléctricas e sistemas de control de tráfico aéreo, transaccións bancarias ou datos de saúde e garantir a confidencialidade nas comunicacións gobernamentais e militares.
Tamén conexións por satélite
Ademais da liña terrestre, o proxecto IberianQCI despregará conexións espaciais, con estacións terreas ópticas como a recentemente estreada en Vigo, que serán clave para as conexións espaciais co satélite Eagle-1, que será lanzado en 2026. A Estación Óptica Antonia Ferrín, vinculada precisamente ao Vigo Quantum Communication Center, é a maior de España. As demais estacións estanse a preparar en Barcelona, Lisboa e Madrid. Todas elas serán fundamentais para conectar coas principais misións europeas e internacionais no espazo coa máxima seguridade.
O Plan constitúe o primeiro documento estratéxico específico de Galicia dedicado á planificación, organización e desenvolvemento dos coidados paliativos pediátricos e nace coa finalidade de dar resposta ás necesidades propias desta poboación, garantindo unha atención adaptada ás características evolutivas da infancia e da adolescencia. O documento aprobado hoxe conta co aval científico da Sociedade de Pediatría de Galicia e da Sociedade Española de Coidados Paliativos Pediátricos e está dirixido á poboación pediátrica con enfermidades crónicas complexas e situacións susceptibles de atención paliativa. Articúlase arredor de catro liñas estratéxicas orientadas a fortalecer a organización asistencial e a dar resposta ás necesidades clínicas, emocionais e sociais dos pacientes pediátricos e das súas familias.
Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.