Noticias

Galicia terá este ano 118 praias con bandeira azul, 10 máis que en 2025, e consolídase como a terceira comunidade española con máis areais galardoados

Galicia terá este ano un total de 118 praias en 38 municipios galardoadas coa bandeira azul, un distintivo de carácter internacional co que a Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) recoñece anualmente a areais de todo o mundo seleccionados en base a unha serie de rigorosos criterios de sustentabilidade, accesibilidade e servizos. Desde xeito e con 10 distintivos máis que o ano anterior, Galicia concentra case unha de cada sete bandeiras concedidas en España (794) e consolida a súa posición entre as tres comunidades que reciben un maior número de distintivos para as súas praias, xunto con Valencia (que suma 197) e Andalucía (184).

Dos 118 areais galegos galardoados na presente edición, cómpre subliñar que, por primeira vez, unha praia fluvial da provincia de Ourense —a dos Franceses, no concello da Veiga— recibirá a bandeira azul.

A este fito histórico na Comunidade hai que sumar os outros tres areais que estrearán distintivo: Niñóns, en Ponteceso; O Laño, en Poio; e Pampaído, en Sanxenxo, municipio que, de feito, suma unha praia respecto a 2025. Ademais, outras seis —Ponzos, en Ferrol; A Concha e Morouzos, ambas en Ortigueira; Coroso, en Ribeira; A Pasada, en Barreiros e Loira, en Marín— recuperan a bandeira que non luciron no período anterior.

Así mesmo, Adeac tamén deu a coñecer esta mañá a relación de portos deportivos que ondearán a bandeira azul. Das 111 instalacións recoñecidas en todo o país, 11 están en Galicia, o que a converte na quinta comunidade con máis instalacións recoñecidas.

Ademais, como novidade, o xurado resolveu conceder as bandeiras azuis a praias e portos deportivos por un período de dous anos (2026-2027) para adaptarse aos novos requisitos de acreditación internacionais e aos cambios normativos da UE. O galardón outorgado, en todo caso, seguirá estando condicionado ao cumprimento dos criterios de concesión exixidos durante todo o período, polo que se fará un seguimento anual e os correspondentes procesos de verificación durante 2027.

De igual xeito, un ano máis recoñeceu tamén o labor dos chamados centros azuis, categoría na que se engloban aulas de natureza e de mar, centros de recepción de visitantes e instalacións de investigación ou similares dedicadas á educación ambiental en municipios relacionados co programa Bandeira Azul. Dos 106 centros azuis galardoados en todo o país en 2026, 18 están en Galicia (1 máis que na convocatoria anterior), que é a terceira comunidade con máis distincións neste eido, só por detrás de Valencia (con 26) e Andalucía (19).

Neste apartado, destacan dúas novas incorporacións á listaxe de centros azuis galegos. Trátanse, en concreto, das sedes de Vigo e da Coruña do Centro Oceanográfico de Vigo do Instituto Español de Oceanografía, que estrean bandeira.

Cómpre subliñar que os criterios esixidos por Adeac para a concesión da bandeira azul, no caso de praias e portos, están relacionados coa calidade das augas —que ten que ser excelente—; a seguridade e a accesibilidade; a dotación de servizos; así como a xestión ambiental e a sustentabilidade. Pola súa parte, os centros azuis deben fomentar a educación ambiental no litoral, o coñecemento da contorna e as alternativas de ocio.

Tras darse a coñecer hoxe a relación de praias, portos e centros galardoados, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou a boa posición que ocupa Galicia un ano máis a nivel nacional, uns resultados que enmarcou na aposta da Xunta polo coidado ambiental e a divulgación dos recursos naturais que conforman o litoral máis extenso de todo o país e que converten á Comunidade “nun lugar único” para visitar de forma sostible e respectuosa coa contorna.

Datos a nivel provincial

Por provincias, Pontevedra concentra un ano máis o maior número de bandeiras azuis de Galicia: 56 que recaen noutras tantas praias e 6 en instalacións portuarias. No caso da Coruña, os galardoados foron 44 areais (5 máis que en 2025, sendo a provincia na que se produciu o maior incremento) e 4 portos; e no de Lugo, recoñeceuse con este distintivo a 17 praias e 1 porto. Ademais, hai que sumar a primeira bandeira azul para Ourense.

Sanxenxo volve repetir como o municipio español con máis areais galardoados, un total de 18. O concello pontevedrés recibe, ademais, 3 distincións para outros tantos portos. Ademais, cómpre subliñar o caso de Vigo, a cidade galega que recibe máis bandeiras para as súas praias (12) e o segundo municipio de España nesta clasificación, ademais de ter tamén 1 porto e 1 centro recoñecidos. Son os únicos municipios galegos na listaxe de municipios de España con maior número de bandeiras en areais e portos.

Na provincia da Coruña, Arteixo é o que segue a concentrar o maior número de bandeiras, con 6 praias e 1 centro azul; seguida da cidade de Ferrol, que ao recuperar unha praia colócase tamén con 6 bandeiras, da cidade da Coruña —5 areais e 1 porto— e de Oleiros, con 5 praias distinguida —entre elas a de Bastiagueiro, que é unha das sete en todo o mundo que logra manter a bandeira azul desde 1987— e 2 centros azuis.

Así mesmo, Foz é o concello lucense con máis areais galardoados, 5 en total; seguido de Barreiros, con 3 praias; Burela, con 2 praias e 2 centros azuis; Ribadeo, que suma 2 praias con bandeira e o único porto distinguido nesta provincia; e O Vicedo, con 2 areais recoñecidos no marco da actual convocatoria.

Líder en sendeiros azuis

Por último e con relación aos chamados sendeiros azuis, cómpre precisar que, por quinto ano consecutivo, Adeac convocou estes distintivos como un programa independente ao de Bandeira Azul co que se busca poñer en valor o papel das sendas como un recurso valioso para gozar da natureza e aprender a interpretar a contorna.

Os resultados da última convocatoria déronse a coñecer o pasado mes de febreiro e consolidan a posición de liderado absoluto de Galicia nesta categoría xa que é a comunidade que concentra 72 dos 194 itinerarios galardoados en todo o país —é dicir, 18 máis que os que recibiu en 2025—.

En total e sumando praias, portos, centros de visitantes e sendeiros distinguidos por Adeac, Galicia atesoura 219 galardóns, un balance que a sitúa xa como a segunda comunidade española que concentra máis recoñecementos deste tipo, só por detrás de Valencia (228) e superando por primeira vez a Andalucía, que suma 204 distintivos azuis en total e cae á terceira posición da clasificación nacional.

A continuación detállanse os galardóns concedidos en 2025 en Galicia no marco do programa Bandeira Azul, diferenciando entre praias, portos e centros azuis e resaltando cun * aqueles que o reciben por primeira vez.

R., 2026-05-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (emprego-carretilla.jpg) Galicia pechou abril con 1.103.820 afiliacións á Seguridade Social, 16.386 cotizantes máis ca en abril do ano pasado, e con 112.293 persoas no paro, 3.252 menos que no mesmo mes de 2025. No caso das afiliacións, na comparativa anual aumentan nun +1,51 % e tamén medran na comparativa mensual (+7.944 afiliacións máis, +0,72 %). De feito, en termos intermensuais, trátase do segundo maior aumento, tanto en termos absolutos como relativos, dun mes de abril desde que hai rexistros, despois do acadado o ano pasado. En relación co desemprego, este cae tanto na comparativa anual, cun descenso do -2,81 % como na mensual, neste caso cun recorte do -2,07 %, o que implica 2.377 persoas desempregadas menos con respecto a marzo.
Foto de la tercera plana (20260505-xunta.JPG) O evento celebrarase o 8 de xuño e concentrará a máis de 30 chefs con Estrella Michelin, nunha cita que, como definiu o organizador, Rogelio Rial, 'non só pon en valor o talento culinario, senón tamén o noso territorio, o Camiño de Santiago e a capacidade dun lugar como Negreira para acoller un evento deste nivel'. Esta edición homenaxearase ao célebre cociñeiro Juan Mari Arzak e colaborarase coa asociación Art for Dent, reforzando o compromiso social da iniciativa.O director de Turismo de Galicia puxo en valor a conexión entre gastronomía e Camiño de Santiago que impulsa a iniciativa.

Notas

A UDC vén de obter máis dun millón de euros para reforzar a investigación en computación e comunicacións cuánticas no Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións. Este financiamento, concedido no marco dunha convocatoria impulsada polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e a Axencia Estatal de Investigación, permitirá dotar ao centro de novas capacidades científicas nun ámbito clave para o desenvolvemento tecnolóxico das próximas décadas.
A Sala Alterarte, o espazo expositivo do campus de Ourense, conta desde agora cun novo catálogo. Nel recóllense en imaxes e texto dez mostras, de arredor dunha vintena de artistas moi diversos, que foron expostas nos seus muros entre setembro de 2023 e xullo de 2025 no marco do ciclo expositivo Recipro-edadiC, dirixido polo artista en profesor xa xubilado da Universidade de Vigo Javier Blanco Sierra.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES