Noticias

Vigo lidera un consorcio internacional no que se sentarán as bases do futuro modelo europeo de microcredenciais

Os profundos cambios experimentados polo mercado laboral nos últimos anos, vinculados sobre todo ao despegue da dixitalización, requiren dunha constante actualización das competencias profesionais e, neste contexto, foi no que xurdiron as microcredenciais, cursos breves pensados para resolver o reto da capacitación rápida para todo tipo de perfís impartidos por universidades e outras institucións en distintas modalidades. De momento, cada país europeo organizou o seu propio sistema, pero a idea é camiñar cara a creación dun futuro modelo europeo de microcredenciais, algo para o que xa se puxo en marcha un consorcio internacional liderado desde a Universidade de Vigo e financiado polo Servizo Español Para a Internacionalización da Educación, SEPIE, con 400.000 euros, no marco do programa Erasmus+.

Baixo a denominación Enhancing Professional Development for Higher Education Staff through Micro-Credentials, MicroHEI, a coordinación do proxecto corre a cargo do docente Fernando Cerdeira, director do Centro de Posgrao e Formación Permanente, en colaboración coa Área de Educación da Oficina de Proxectos Internacionais da Universidade de Vigo. Cóntase como socios coa Univerza V Mariboru, de Eslovenia; a Zilinska Univerzita V Ziline, de Eslovaquia; a Universidade do Porto, de Portugal; a European University Foundation – Campus Europae (EUF), de Luxemburgo, e a Latvijas Universitate, de Letonia. Todas estas institucións configuran un consorcio internacional centrado na mellora da formación continua e a acreditación de competencias do persoal universitario no ámbito da educación superior a través do uso das microcredenciais.

Proxecto mellor valorado entre as 200 solicitudes presentadas

O proxecto acadou a primeira posición a nivel nacional dentro das 197 propostas presentadas ás axudas destinadas ás Asociacións para a cooperación (KA 202 e KA220) do SEPIE. “Concedéronse en total 19 axudas e quedamos en primeira posición, o que nos sitúa como referente no desenvolvemento profesional de accións formativas para o persoal docente e investigador mediante a elaboración e oferta de cursos con microcredenciais”, explica Eva Garea, responsable da Área educativa da Oficina de Proxectos Internacionais.

Para o director do Centro de Posgrao e Formación Permanente, Fernando Cerdeira, coordinador do proxecto, esta extraordinaria puntuación débese, sobre todo, a que se trata dun proxecto “moi realista e co que se pretende actualizar os coñecementos e habilidades do persoal universitario, de maneira que poida enfrontarse mellor aos novos retos sociais, como poderían ser a Intelixencia Artificial”. Neste senso, ten claro que “desde o SEPIE viron a necesidade deste proxecto”.

Xuntanza de lanzamento no edificio Redeiras

Por diante quedan tres anos de traballo, ata 2028. O primeiro foi a xuntanza de lanzamento, celebrada recentemente no edificio Redeiras, e na que se planificaron os distintos paquetes de traballo en torno ás microcredencias, incluíndo varias sesións dedicadas á xestión e coordinación do proxecto, á análise das microcredenciais nos diferentes sistemas universitarios europeos, ao deseño dun selo común de acreditación e ás estratexias de difusión, explotación e sustentabilidade dos resultados.

A maiores, a reunión serviu tamén como espazo para o intercambio de experiencias, o debate técnico e o fortalecemento da cooperación entre as entidades participantes.

Un reto e unha realidade que se abre camiño “con forza”

A gran fortaleza do proxecto radica, segundo Cerdeira, en que o deseño, a impartición e a certificación dixital final destas formacións van dirixidas ao propio profesorado e persoal universitario. “Estas microcredenciais son pequenos volumes de formación, que permiten a recualificación e actualización de coñecementos dos nosos profesionais, procurando estar preparados para novos retos en temas prioritarios para a Unión Europea, como a dixitalización, a enerxía verde e a inclusión”, considera Cerdeira, quen aclara que todas as formacións terán un formato virtual, polo que a oferta será moi ampla e accesible a un colectivo moi amplo.

Coa mirada posta nese futuro modelo europeo común de microcredenciais, os socios do proxecto son conscientes da necesidade de definir unha guía de elaboración destes cursos común para todos os socios. Na xuntanza de lanzamento puideron comprobar xa a existencia de diferencias importantes na xestión das microcredenciais entre os diferentes países, “razón pola que este proxecto ten tanto senso”, admite Cerdeira. Nesta liña, salienta que aínda que a meirande parte dos países teñen definidos un número reducido de ECTS, España entre eles, noutros casos non é así.

Forte aposta da UVigo polas microcredenciais

Desde o Centro de Posgrao e Formación Permanente da Universidade de Vigo a aposta polas microcredencias foi decidida. Xa se impartiron máis dunha ducia, neste momento hai 25 en curso e outra vintena arrancarán en breve. Moitas contan con subvencións como a do Programa Becas Santander Microcrdenciais, así como as da propia Xunta de Galicia, segundo o convenio de colaboración entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación profesional e as universidades galegas, que conta con fondos do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades -dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU)-.

Dirixidas a mellorar a empregabilidade de persoas traballadoras de entre 25 e 64 anos, hai temáticas de todo tipo, desde comunidades enerxéticas ata vídeo e realización para streaming; desde ferramentas de xestión eficaz para mellorar a calidade da atención sanitaria ata seguridade industrial aplicada ao H2 verde; desde sistemas de información xeográfica e modelado do risco de incendios forestais ata Lingua de Signos... Tantas temáticas como cursos se imparten, con duracións variadas que parten dos 2 créditos ECTS, algúns integramente virtuais e outros de carácter semipresencial.

Universidade de Vigo (UVigo), 2026-03-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES