Noticias

O virus respiratorio sincitial continúa a incrementar a positividade e chega xa ao 10,8 %

O virus respiratorio sincitial (VRS) continúa a aumentar a taxa de positividade e acada o 10,8 % na semana 4 do ano (do 19 ao 25 de xaneiro), fronte ao 9,8 % da semana previa, tal e como recolle o informe semanal de seguimento deste virus que publica a Consellería de Sanidade. Nesta última semana, obsérvase un incremento na taxa de consultas en atención primaria por bronquiolite en menores de dous anos. En concreto, o incremento foi do 19 % no grupo de nacidos entre abril e setembro de 2025. En canto a hospitalizacións, rexistráronse tres ingresos na última semana no grupo de nados entre abril e setembro de 2025 e catro hospitalizacións de lactantes menores de dous meses, que están a pasar a súa primeira onda do VRS este inverno.

Nestes grupos, a cobertura da inmunización fronte ao VRS é do 93,8 % no caso dos bebés que son vacinados nos hospitais galegos ao nacer dentro das datas da campaña e do 95 % para os nados fóra de campaña, de abril a setembro de 2025.

Sobre ingresos hospitalarios de nenas e nenos que xa pasaron algunha tempada de VRS, na última semana producíronse 6 ingresos entre os nados do 1 de abril de 2024 ao 31 de marzo de 2025; e outros 6 ingresos no grupo de nados entre o 1 de abril de 2023 ao 31 de marzo de 2024.

En adultos, na segunda semana do ano rexistráronse 41 ingresos con VRS en maiores de 60 anos, dos cales 22 correspóndense a maiores de 80.

Oportunidade de vacinarse para adultos

A vindeira fin de semana os 14 hospitais do Servizo Galego de Saúde volverán estar dispoñibles, de forma extraordinaria, para calquera maior de idade que desexe participar no ensaio clínico Sincigal, que ten como obxectivo avaliar a redución de ingresos hospitalarios na poboación adulta mediante a vacinación fronte ao virus respiratorio sincitial (VRS).

Todos os hospitais públicos ofrecerán a colaboración no Sincigal sábado e domingo en horario de 10,00 horas a 14,00 horas e de 16,00 horas a 20,00 horas.

Como ata agora, a participación implica a posibilidade de recibir ou non a vacina e posteriormente poder comprobar a súa efectividade na diminución de hospitalizacións en persoas vacinadas e sen vacinar.

Ademais, de luns a venres, calquera persoa maior de 18 anos que desexe participar no estudo tamén pode facelo acudindo sen cita previa nos puntos habilitados nos hospitais, en distintos horarios.

R., 2026-01-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES