
Ademais, na proposta do novo modelo de financiamento, a Comunidade galega recibiría 305 millóns de euros menos da media das comunidades de réxime común. O modelo, que aumentaría o financiamento autonómico en 21.000 millóns, segundo anunciou a ministra de Facenda, destina un 2,8% a Galicia, que representa o 6% da poboación xeral e o 6,5 % da poboación axustada. Por todo iso, Miguel Corgos cualificou a oferta como 'especialmente prexudicial para a nosa comunidade'.
O conselleiro de Facenda e Administración Pública compareceu hoxe no Parlamento de Galicia para explicar o rexeitamento do Goberno galego ante a proposta dun novo modelo do Sistema de Financiamento Autonómico (SFA). Miguel Corgos explicou que nela se substitúe a solidariedade pola ordinalidade, polo que as CC.AA. recibirían recursos en función do que achegan ao fondo común, en lugar de facelo en función do que precisan para prestar os servizos públicos para a cidadanía en condicións de igualdade.
Deste xeito, afirmou que a Comunidade galega pasaría a estar peor financiada que nunca, ao situarse o financiamento dos territorios con maior capacidade recadatoria por riba da media. Por vez primeira, o modelo non garante a discriminación positiva para os territorios con máis necesidades, senón que favorece a quen ten maior capacidade tributaria.
Para o conselleiro de Facenda isto é o resultado dunha proposta que está feita 'a medida para unha comunidade' o que supón un agravio para as outras, 'porque o que é de todos tense que repartir entre todos', seguindo criterios de equidade e solidariedade interterritorial para que, 'calquera español, con independencia do seu lugar de residencia, poida acceder a uns servizos públicos de calidade e en igualdade de condicións'.
Miguel Corgos rexeitou un modelo que 'penaliza a Galicia', dándolle menor peso na ponderación da dispersión e do avellentamento; coa creación de dous fondos discrecionais dos que Galicia só recibe pouco máis do 1% do total, e coa achega de recursos 'non só insuficientes, senón menos dos que din', xa que a cantidade a maiores respecto do sistema actual non sería de 21.000 millóns de euros senón de 16.000 millóns de euros, ao ir incluídos impostos que xa recadan as CC.AA. Polo tanto, para Galicia non serían 587 millóns de euros, senón menos de 400 millóns de euros. En conclusión, 'pasaríamos de estar un pouco por riba da media (103%) a estar moi por baixo (96%), nas últimas posicións'.
O responsable de Facenda galega quixo aclarar que non se trata dunha postura partidista, posto que todas as CC.AA. rexeitan a proposta, xa que 'atenta contra a igualdade e a solidariedade recoñecidas na Constitución Española.' Ademais, varios organismos independentes, como o Foro Económico de Galicia ou Fedea consideran que a proposta é mala, como tamén denunciou o ex presidente da Xunta, Emilio Pérez-Touriño.
Polo tanto, Corgos pediu aos grupos parlamentarios que esixan ao Goberno central que retire a proposta e que loiten por un modelo que premie a boa xestión, 'pois a responsabilidade fiscal e a xestión eficiente do gasto son piares inseparables dun sistema xusto e sostible no tempo' e que recoñeza a dispersión e o avellentamento da poboación como factores 'obxectivamente máis custosos para a prestación dos servizos' na Comunidade galega.
Foi presentada a novena edición de Intersección, Festival Internacional de Cine da Coruña, celebrada nos Cantones Cines. O festival desenvolverase do 13 ao 17 de outubro cunha programación que combina proxeccións, exposicións, formación e encontros profesionais arredor das novas linguaxes cinematográficas. Así, as seccións competitivas Galicia, Internacional e Fulgor achegarán ao público obras afastadas dos circuítos comerciais habituais e novas voces da creación audiovisual contemporánea. En concreto, a sección Internacional reúne 27 filmes procedentes de 22 países, entre os que figuran catro estreas mundiais, 17 en España e cinco en Galicia. As propostas exploran cuestións como a tecnoloxía, a memoria, o territorio e a identidade desde linguaxes e xeografías diversas.
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou en Santiago, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, o acto do Día da Ciencia en Galicia, no que se homenaxeou á oceanógrafa Aida Fernández Ríos (Vigo, 1947 - Moaña, 2015) como Científica Galega 2026. Ademais, entregáronse as Medallas de Investigación a cinco científicas e científicos da nosa comunidade. O presidente da Academia destacou que 'Aida Fernández Ríos foi unha investigadora capaz de identificar problemas relevantes e de situalos nun contexto internacional, converténdose nunha científica respectada moito máis alá de Galicia.