
O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou hoxe na sesión plenaria do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica na que se deu conta dos últimos datos de poboación que amosan que Galicia continúa un ano máis cunha tendencia positiva á alza tras rexistrarse un saldo migratorio, segundo as últimas estatísticas oficiais, de máis de 30.000 persoas.
Jacobo Rey explicou que os últimos datos publicados esta semana con respecto ao ano 2024 reafirman a tendencia a alza que se está vivindo en Galicia nos últimos anos. Así, explicou que as cifras amosan un incremento de 30.300 persoas que entraron a residir na comunidade fronte ás que saíron, de feito nos últimos tres anos o cómputo foi de 83.300.
Neste sentido, o director xeral lembrou que os datos provisionais do ano 2025 tamén inciden no aumento da natalidade que se mantén en positivo; polo que desde a Xunta, avanzou, seguirase traballando para consolidar a comunidade como un referente nos recursos da infancia, especialmente coas medidas como a gratuidade das escolas infantís ou o bono concilia familia que son esenciais para fomentar e apoiar a corresponsabilidade e a conciliación.
Ademais, o director xeral fixo fincapé en que estes datos demográficos contrastan coas predicións establecidas hai dez anos ao reverter as cifras negativas pronosticadas. A maiores, este ano Galicia conseguir acadar unha nova cifra récord de esperanza de vida, que superou por vez primeira os 84 anos de idade e nos retos que supón para as políticas públicas.
Precisamente, o pleno do Observatorio avaliou un informe elaborado por profesionais investigadores das universidades galegas que afonda na lonxevidade e o envellecemento da poboación en todo o territorio galego, ao tempo que se dan a coñecer desafíos e posibles necesidades que isto traerá para o futuro. Por iso, Jacobo Rey explicou que é fundamental a cooperación entre as administracións e o tecido social para poder crear espazos de diálogo e reflexión que permitan seguir avanzando nunha Galicia Calidade que represente os dereitos de todas as xeracións.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.