
O pleno do Observatorio galego contra a violencia de xénero aprobou hoxe pedir ao Ministerio de Igualdade información relativa ao fallo dos sistemas de control telemático das ordes de afastamento en Galicia. Deste xeito, solicitan información sobre o número de mulleres que se puideron ver afectadas na comunidade galega durante o período no que se rexistraron as eivas nos dispositivos.
O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, sinalou que o Observatorio tamén solicitará ao Goberno central que dote de financiamento e medios técnicos suficientes o sistema cometa para garantir o seu correcto funcionamento no conxunto do Estado. Neste senso, recalcou que a información recollida por este sistema é fundamental como elemento probatorio ante calquera acusación que se queira formular.
Ademais, Roberto Barba avanzou que os membros do Pleno tamén acordaron as liñas estratéxicas que se van implementar no II Plan galego contra a trata de seres humanos con fin de explotación sexual que está elaborando o Goberno autonómico. Neste sentido, estableceron novas perspectivas a ter en conta a raíz da execución do I Plan.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.