
Lorenzana, acompañada polo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, clausurou hoxe a XXV asemblea xeral da Asociación Galega da Empresa Familiar, onde tamén informou de que a Xunta solicitou formar parte do comité de análise do apagamento porque, transcorrido un mes, o Goberno aínda non conseguiu aclarar as causas que o provocaron.
A conselleira asegurou que esta situación contribúe a xerar máis incertezas ao tecido empresarial, cando o que necesita é que se lle traslade confianza, estabilidade e seguridade para dinamizar o investimento. A empresa necesita que a Administración non sexa un estorbo, afirmou, e engadiu que, nun contexto internacional tan convulso como o actual, é máis importante que nunca facer boa política.
Nese sentido, asegurou que medidas como a Oficina Económica de Galicia, o Plan de aceleración de proxectos industrias ou as novas figuras normativas de acceso a solo empresarial foron postas en marcha pola Xunta dentro da aposta que está facendo pola desburocratización e a axilidade administrativa, unha das principais demandas das empresas.
Fronte a outros gobernos ou ideoloxías que entenden que a empresa pode ser un inimigo, que hai que negarse a calquera desenvolvemento industrial porque pode ser ou é incompatible co territorio, estamos firmemente convencidos de que é absolutamente imposible pensar nunha Galicia a medio e longo prazo que teña o desenvolvemento, a calidade de vida e o benestar que queremos sen o desenvolvemento industrial, aseverou.
Sobre as empresas familiares, salientou que son máis de 60.500 as que conforman o tecido produtivo galego, un 94,3 %. Nestes últimos dez anos, o seu Valor Engadido Bruto creceu máis do dobre, un 130 % ata os 40.800 M. Representan o 85,6 % da riqueza xerada en Galicia, e dependen das vosas empresas máis de 600.000 empregos na Comunidade, un 50 % máis que na última década; o 82 % do emprego privado en Galicia.
Segundo dixo, á empresa familiar galega hai que recoñecerlle o seu liderado en sectores estratéxicos, o seu arraigo territorial e a vocación de longo prazo, que propicia a estabilidade na xestión e xera confianza, concluíu.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.