
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou hoxe que a integración de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 no Proxecto Ariadna eleva o nivel de cardioprotección da comunidade, conseguindo 554 novos voluntarios formados en reanimación cardio-pulmonar, ata acadar os 3.200, e rexistrando máis de 300 desfibriladores novos na aplicación.
O titular da carteira sanitaria, acompañado polo director de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Román Gómez, clausurou unha xornada sobre o proxecto á que asistiron o presidente da Sociedade Española de Cardioloxía, Ignacio Fernández; e a presidenta de Cruz Vermella de Galicia, Mercedes Casanova.
O conselleiro puxo en valor que Galicia se converteu na primeira comunidade en integrar os seus servizos no proxecto Ariadna, que ten como obxectivo xeolocalizar e validar o maior número posible de desfibriladores aos que se pode acceder no caso de que alguén sufra unha parada cardiorrespiratoria na rúa.
Así, con 10 desfibriladores por cada 10.000 habitantes, Galicia sitúase 7 puntos por riba da media de España.
Con esta integración, amplíase a capacidade do Programa galego Acude e Axuda, iniciativa pioneira en España, que ten por finalidade rexistrar a voluntarios en reanimación cardio-pulmonar e en manexo de desfibriladores.
O conselleiro lembrou que este proxecto xa ten xerado o interese de catro comunidades autónomas e resaltou que Galicia tamén foi pioneira na lexislación e implantación de desfibriladores en España.
Formación á mocidade
Na súa intervención, Gómez Caamaño referiuse ao labor de sensibilización que leva a cabo o 061 a través do Programa RCP na aula, no que colabora a Consellería de Educación, ofrecendo formación á mocidade durante a ESO. Indicou que a día de hoxe xa se formaron máis de 20.000 alumnos grazas a esta iniciativa.
Na liña de concienciación dos máis novos, a Consellería de Sanidade tamén está a impulsar o deseño e desenvolvemento dun videoxogo para poboación escolar con contidos sobre soporte vital básico.
Xunto ao anterior, Sanidade promove iniciativas que contribúen a coidar a saúde vascular da cidadanía, entre as que o conselleiro citou o Código Shock Cardioxénico, organizando a asistencia a esta patoloxía a través da creación dunha rede asistencial; o proxecto New Heart, en colaboración co norte de Portugal para optimizar o diagnóstico precoz das enfermidades cardiovasculares; ou o Rexistro galego do infarto agudo de miocardio, que proporciona datos epidemiolóxicos e asistenciais para a planificación dos recursos.
Compromiso de Galicia
No acto, o presidente da Sociedade Española de Cardioloxía e coordinador de Ariadna, Ignacio Fernández, dixo que a integración de Ariadna no sistema de emerxencias de Galicia marca un fito fundamental na loita contra a parada extrahospitalaria en España. Remarcou, ademais, que este paso reforza o compromiso de Galicia con este importante problema de saúde pública e amosouse confiado en que outras comunidades sigan este exemplo para crear unha rede nacional de resposta rápida e eficaz ante a parada cardíaca.
A xornada contou, así mesmo, coa intervención de Jorge Somoza, médico coordinador do 061, quen falou da xestión integral da parada cardíaca dende a Central de Coordinación, e de María Pardo, xefa da base medicalizada de Mos, quen abordou a atención á parada cardíaca nunha unidade de soporte vital avanzado medicalizada.
O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.