Noticias

Galicia acada o 1% do PIB en gasto público en universidades segundo a metodoloxía do Ministerio

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, avanzou hoxe que Galicia xa acada un gasto público (local, autonómico, estatal e europeo) nas universidades equivalente ao 1% do Produto Interior Bruto autonómico. Fíxoo nunha rolda de prensa na que, acompañado polo secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, destacou que este obxectivo, fixado na Lei Orgánica 2/2023 do Sistema Universitario (LOSU), se logra en Galicia con sete anos de antelación, dado que o horizonte está marcado para 2030 nesta norma a nivel estatal.

Román Rodríguez puxo en valor a estabilidade financeira da que gozan as universidades públicas galegas, “inédita en practicamente a totalidade do Estado, debido á existencia de plans de financiamento plurianuais, que blindan os fondos autonómicos”. “Nos próximos anos seguiremos incrementando os seus recursos ao abeiro do pulo que estamos a dar á ciencia, con iniciativas como o Plan galego de I+D+i 2025-2027”.

Tal e como explicou o conselleiro, para o cálculo deste 1% do PIB “tómase como referencia o ano 2023, o último do que dispoñemos do dato liquidado do PIB de Galicia e das contas pechadas das universidades”. En canto á metodoloxía, séguese a fixada polo Ministerio de Educación para o cálculo do gasto público no ensino, e o establecido na propia LOSU.

Obxectivo común das administracións

“Tomamos estes criterios oficiais para saber onde estamos no camiño de conseguir ese obxectivo común, para ter unha comparativa do esforzo realizado pola propia Xunta coas universidades públicas galegas en función do PIB, para ver o que realizan as outras administracións (Estado e administracións locais) e para medir a capacidade de captación de recursos públicos adicionais por parte das propias universidades”, detallou.

“Seguindo a metodoloxía do Ministerio, estamos en disposición de dicir que Galicia acada xa o 1% do PIB en gasto en universidade pública”, reiterou, detallando que o cálculo se basea na división dos gastos das universidades públicas (as súas obrigas recoñecidas netas) en relación ao PIB galego de 2023.

Metodoloxía máis axustada

O conselleiro foi crítico respecto desta metodoloxía do Ministerio que, malia ser favorable para Galicia, “contabiliza, por exemplo, o que pagan as familias pola matrícula dos seus fillos, que son claramente ingresos cunha orixe privada”, puntualizou. “Así as cousas, decidimos facer outro cálculo, máis axustado ao que entendemos é o correcto, contabilizando só ingresos públicos das universidades, procedentes de todas as administracións, excluíndo as taxas universitarias”, precisou o conselleiro.

Segundo esta metodoloxía, o resultado para o ano 2023 é do 0,98%. “É dicir, que incluso facendo este segundo cálculo máis axustado, en 2023 xa rozabamos o 1% do PIB”, salientou Román Rodríguez.

Evitar penalizacións

O conselleiro fixo fincapé na necesidades de que o Ministerio de Universidades “poña dunha vez por todas as cartas enriba da mesa e peche xa un plan para acadar ese 1% do PIB en toda España”. En calquera caso, advertiu que a Xunta non vai permitir que ese plan prexudique a nosa Comunidade, como ocorreu con convocatorias como a do programa María Goyri. “Non imos permitir que Galicia sexa penalizada con menos financiamento estatal por ter xa cumprido co obxectivo con varios anos de antelación”, incidiu.

“Se hai un plan de financiamento estatal para acadar ese 1% en España, Galicia debe recibir o que lle corresponde, consonte ao esforzo realizado e que nos permite estar hoxe onde estamos”, abondou, sinalando que nos próximos anos as universidades públicas galegas mellorarán esa porcentaxe grazas a novas medidas como a matrícula gratuíta, a incorporación de novo persoal ou o Plan de infraestruturas universitarias.

R., 2025-04-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES