Noticias

O Día das Escritoras homenaxea a Ledicia Costas como recoñecemento á súa difusión da lingua e literatura galegas dentro e fóra de Galicia

O seu labor foi recoñecido en 2023 cunha das Medallas Castelao, que distinguen as galegas e galegos polas súas contribucións singulares e por levar o nome de Galicia máis aló das nosas fronteiras. A esta distinción súmaselle a dos Premios da Cultura Galega na categoría de Letras en 2020. Tamén conta entre os seus recoñecementos co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, outorgado polo Ministerio de Cultura a Escarlatina, a cociñeira defunta, gañadora anteriormente do Premio Merlín e que, en 2016, pasaría a formar parte da Lista de Honra da Organización Internacional para o Libro Xuvenil (IBBY). Ademais, tamén foi a obra coa que se levou o Premio Lazarillo de Literatura infantil, que volveu repetir con outros dous libros, converténdose na única autora na historia deste galardón que logrou este triplete.

A Xunta de Galicia homenaxeará a Ledicia Costas co Día das Escritoras como “xusto recoñecemento pola súa difusión da lingua e literaturas galegas dentro e fóra de Galicia”. Deste xeito, o vindeiro xoves, 17 de outubro, a Cidade da Cultura acollerá un acto aberto ao público, nunha conversa guiada pola xornalista e tamén autora María Solar .

Co gallo da semana do Día das Escritoras —efeméride que este ano se celebra o 14 de outubro— a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude promove este acto para poñer en valor a calidade e prestixio desta autora, en particular, e das escritoras galegas, en xeral, tal e como reflicte o feito de que no último lustro cinco delas teñen sido distinguidas con Premios Nacionais con obras escritas en galego: Chus Pato, Yolanda Castaño, Olga Novo, Pilar Pallarés e Marilar Aleixandre.

O departamento de Cultura e Lingua pon o foco desta celebración en Ledicia Costas pola “excelsa calidade” da obra da escritora viguesa, unha das máis lidas e premiadas do panorama literario galego e tamén unha das máis traducidas, “o que a converte nunha prestixiosa difusora da creación e da cultura galegas en Galicia e no resto do mundo”.

Extenso e premiado currículo literario

Precisamente, este labor foi recoñecido polo Goberno galego en 2023 cunha das Medallas Castelao, que distinguen as galegas e galegos polas súas contribucións singulares e por levar o nome de Galicia máis aló das nosas fronteiras. A esta distinción súmaselle a dos Premios da Cultura Galega na categoría de Letras en 2020.

Desde o Goberno galego destácase especialmente a súa inquedanza por achegar a lingua galega ás xeracións máis novas, con constantes reedicións das súas obras, entre as que se inclúe a súa primeira novela Unha estrela no vento, que vai pola 17ª edición.

Tamén conta entre os seus recoñecementos co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, outorgado polo Ministerio de Cultura a Escarlatina, a cociñeira defunta, gañadora anteriormente do Premio Merlín e que, en 2016, pasaría a formar parte da Lista de Honra da Organización Internacional para o Libro Xuvenil (IBBY). Ademais, tamén foi a obra coa que se levou o Premio Lazarillo de Literatura infantil, que volveu repetir con outros dous libros, converténdose na única autora na historia deste galardón que logrou este triplete.

Inclúense, entre os seus extensos recoñecementos, os de carácter internacional, como o prestixioso Premio White Raven por Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta. Volveu ser premiada co mesmo premio en 2017 pola novela A badalada dos unicornios, converténdose na única autora galega en conseguilo en dúas ocasións. Pola versión en castelán recibiu o Premio Kelvin 505, outorgado no marco do Festival Celsius.

Aínda que os seus maiores éxitos tenos acadado no contexto da literatura infantil e xuvenil, está considerada unha autora versátil que transita por diversos temas, estilos e xéneros. Precisamente, en 2022 gañou o XX Premio de Poesía Afundación con Ultraluz.

Acto de homenaxe aberto ao público

O departamento que dirixe José López Campos enxalzou este amplo e premiado currículo que “avala por si mesmo” centrar na súa traxectoria o Día das Escritoras. Será nun acto institucional aberto ao público na Cidade da Cultura o vindeiro xoves, ás 19,30 horas, no que para acudir só haberá que inscribirse no enderezo electrónico [email protected]

A homenaxe centrarase nunha conversa entre Ledicia Costas e a xornalista e escritora María Solar, Premio Xerais de Novela en 2022, que servirá para profundar na ampla e variada obra da autora, e que permitirá tamén coñecer máis as súas creacións e o seu proceso de escrita.

R., 2024-10-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES