
Galicia converterase na capital mundial da maxia do 3 ao 20 de outubro coa terceira edición do Festival Galicia Ilusiona, que se celebrará co apoio da Xunta de Galicia. Así o anunciou o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, na presentación desta iniciativa que, como dixo encherá a oferta turística urbana do outono con sesións de maxia nas sete principais cidades de Galicia, indicou.
Durante a súa intervención, o director de Turismo de Galicia destacou que se trata dun evento que medra cada ano na calidade dos magos e ilusionistas nacionais e internacionais que participan e tamén no público que acode ás funcións. Neste punto, tivo palabras de agradecemento para os directores do festival, Dani Polo e Pedro Bugarín, que foron quen de organizar os espectáculos nos que se darán cita magos como Jerome Murat, Kimoon Do, Lore Lavand, Nestor Hato, Mago Murphy, Manolo Costa e Mindanguillo, e Ramó and Alegría.
Xose Merelles salientou que o éxito alcanzado nas dúas edicións previas con 70.000 espectadores afianzan un evento que cada ano se consolida na axenda de Galicia como un foco de atracción de visitantes e afeccionados á maxia. Neste punto, fixo referencia aos 30 países de procedencia do público que acodeu nos últimos anos.
O director de Turismo de Galicia engadiu ademais que este é precisamente o camiño que queremos seguir desde Turismo de Galicia apostando por significarnos e posicionarnos como sede de grandes eventos nacionais e internacionais.
O Festival Mundial de Ilusionismo Galicia Ilusiona comezará o vindeiro 3 e 4 de outubro en A Coruña, para continuar o 5 en Ourense; o 6 en Pontevedra; o 11 e o 12 en Santiago de Compostela; o 13 en Ferrol; o 18 en Lugo e finalmente, o 19 e 20 en Vigo. En total serán 20 sesións da maxia máis internacional. As entradas poden mercase aínda na web de Galicia Ilusiona.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.