
O congreso está organizado polas tres universidades galegas, concretamente polos investigadores e docentes da USC Patricia Sanmartín, membro do CRETUS, e Massimo Lazzari, investigador do CiQUS e coordinador estatal da Rede; por Santiago Pozo, da UVigo, presidente do Congreso; e por Jorge Sanjurjo, da UDC. Conta ademais coa colaboración da presidenta do GEQP-RSEQ e profesora da Universidade do País Vasco, Maite Maguregui.
Entre as persoas convidadas a impartir relatorios sobre temas de relevancia no campo da conservación do patrimonio atópanse José Delgado, que realizou gran parte da súa investigación no Laboratorio Nacional de Enxeñaría Civil en Lisboa e compartirá a súa visión sobre o desenvolvemento da ciencia de conservación do patrimonio cultural durante as últimas cinco décadas, ou Francesca Cappitelli, da Universidade de Milán, que tratará o papel dos microorganismos no estado de conservación do patrimonio. Pola súa banda, Silvia Prati, da Universidade de Bologna, centrarase no desenvolvemento de materiais de limpeza ecolóxicos, e Matija Strlič, da Universidade de Ljubljana e da Universidade College London, reflexionará sobre a importancia da experiencia olfativa nos lugares de exposición como os museos.
Agárdase a presenza de 180 investigadores procedentes de Europa, América, Asia e África, principalmente de España, Italia e Portugal pero tamén de Reino Unido, República Checa, Estados Unidos, México, Ecuador, Brasil, Perú, Arabia Saudí ou Singapur. A alta participación permitiu elaborar un programa que contén outras tantas achegas en forma de 6 relatorios, 35b presentacións orais e 120 pósters.
Ademais das universidades, o encontro conta co patrocinio da Xunta de Galicia, da Real Sociedade Española de Química, dos centros de investigación CIQUS e CRETUS da USC e CINTECX da UVigo, así como de empresas do sector como KBYO bilogical, Clyde HSI, Antares instrumentación, TESELA, agaragar e cienytech. Para os organizadores, o apoio recibido por parte do ámbito empresarial indica a necesidade de crear este tipo de foros nos que se visibilicen os avances nas metodoloxías e tecnoloxías orientadas a conservar e restaurar o patrimonio cultural tanxible.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.