Notas de prensa

Os 'tipsters' atraen aos adolescentes aos xogos de apostas mediante as redes sociais

Seguir a 'tipsters' ou prognosticadores de xogos de apostas en redes sociais asóciase cunha maior intención de apostar entre adolescentes. Os menores que seguen a estas figuras amosan unha maior frecuencia de xogo e unha menor percepción do risco. Estas son algunhas da conclusións dun estudo realizado desde a Universidade de Vigo e a Universidad Miguel Hernández de Elche (UMH).

Os datos, que proveñen dunha enquisa realizada a 782 rapazas e rapaces galegos, apuntan á necesidade de establecer límites ás estratexias de mercadotecnia das casas de apostas e de desenvolver mecanismos temperáns de prevención.

O estudo acaba de ser publicado na revista Journal of Gambling Studies, nun artigo titulado Who Do Tipsters Work For? Tipster Exposure and Adolescent Gambling. Está coliderado polo profesor da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense e da Ãrea de Personalidade, Avaliación e Tratamento Psicolóxico Manuel Isorna e polo profesor de Psicoloxía Social da UMH Daniel Lloret. Tamén participaron nel o investigador da Universidad Católica San Antonio de Murcia Mario Albaladejo e o investigador da Rede de Investigación en Atención Primaria de Adiccións (Riapad) e da Universidad Internacional de Valencia Víctor José Villanueva. Os 'tipsters', comentan os autores do estudo, recomendan apostas deportivas a través de redes sociais, aplicacións de mensaxería e plataformas especializadas pero “lonxe da imaxe cinematográfica do corredor de apostas, oportunista e cunha pequena rede local de clientes, trátase dun fenómeno profesionalizado e de alcance global. A súa estratexia en redes sociais consiste en xerar contidos que presentan o xogo como unha actividade rutineira, rendible e socialmente aceptada”.

Un patrón "claro"

Tal e como recolle o artigo agora publicado, no estudo realizado analizouse a relación entre a exposición a ‘tipsters’ e diferentes variables psicolóxicas e conductuais relacionadas co xogo nos adolescentes. Para iso, o equipo investigador enquisou a 782 estudantes de Educación Secundaria Obrigatoria e Formación Profesional de Galicia, de 15 anos de media (44% homes, 56% mulleres). As e os participantes dividíronse en tres grupos: quen non coñecían aos ‘tipsters’, quen os coñecían pero non os seguían e quen si seguían os seus contidos. Os resultados, comenta o equipo investigador, amosan un patrón claro: os adolescentes que seguen a 'tipsters' presentan maiores niveis de intención de apostar (tanto en plataformas on-line como en locais de apostas físicos), así como maior frecuencia de xogo e perfís psicosociais de maior risco. Tamén indican que os mozos que seguen a 'tipsters' perciben menos os perigos asociados ao xogo, cren que é unha práctica máis estendida entre os seus iguais e amosan motivacións máis intensas para apostar, especialmente relacionadas co diñeiro. O estudo detecta diferenzas por xénero, mostrando os mozos maior intención e frecuencia de xogo que as mozas. “No caso dos homes, prodúcese unha tormenta perfecta”, apunta Daniel Lloret, que explica que “sabemos que os homes tenden a empezar antes, a apostar máis en deportes e a facelo por impulsividade ou por procura de emoción e as mensaxes dos ‘tipsters’ (baseadas no éxito, a estratexia e o control) encaixan perfectamente co perfil masculino do apostador”.

Os investigadores comentan que, máis aló da súa aparente función informativa, os ‘tipsters’ inflúen a través de dous mecanismos clave: por unha banda, reforzan a idea de que apostar é algo normal e socialmente aceptado; por outro, xeran unha falsa sensación de control ao destacar as apostas gañadoras e ocultar as perdas. Isto, subliñan, pode levar aos adolescentes a sobreestimar a súa capacidade para predicir resultados incertos. “Non é o feito de saber que existe o mundo das apostas o que marca a diferenza, senón o sentirse vinculado a el”, explica Lloret, que apunta que “a exposición activa, seguir a ‘tipsters’, é o que realmente se asocia cun maior risco”.

Actuar para previr

Os autores do estudo sinalan que o ‘tipsters’ teñen unha función complementaria á publicidade que inunda as retransmisións deportivas tradicionais e os eSports e os seus contidos enfatizan as ganancias do xogo e restan importancia ás perdas para crear unha narrativa de éxito. Neste contexto, engaden, cabe preguntarse para quen traballan realmente, porque, aínda que a mensaxe que transmiten é que gañan moito diñeiro coas súas apostas e que queren que outras persoas tamén o fagan, na maioría dos casos os seus ingresos dependen de atraer novos usuarios ás casas de apostas. De xeito, os expertos advirten da necesidade de estudar como inflúen estas mensaxes na poboación máis nova.

Apuntando como a exposición a ‘tipsters’ pode actuar como un sinal temperán de vulnerabilidade, mesmo antes de que os mozos empecen a apostar, o equipo que realizou o estudo expón a necesidade de reforzar a regulación da mercadotecnia de afiliación no ámbito do xogo, especialmente en redes sociais, así como de desenvolver intervencións preventivas. Entre elas, propoñen programas de alfabetización mediática dirixidos a familias e centros educativos, que axuden a identificar estratexias persuasivas, desmontar a ilusión de control e ofrecer unha visión máis realista dos riscos. Os investigadores lembran que a adolescencia é unha etapa especialmente vulnerable a este tipo de influencias e sinalan que traballos previos apuntan que cando se reduce a presión publicitaria sobre os mozos, redúcese a súa actitude favorable cara as apostas e que o uso intensivo de redes sociais en menores de 16 anos asóciase cun aumento de síntomas depresivos, nun período marcado por cambios emocionais, sociais e neurocognitivos. “O contexto actual reforza a necesidade de pór límites. Aínda que en España a idade legal para poder apostar en xogos de azar é de 18 anos, o 24,4% dos adolescentes de entre 14 e 18 anos xogou”, apunta o equipo investigar.

Universidade de Vigo (UVigo), 2026-04-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES