Noticias

Galicia e Portugal conmemoran unha década de cooperación científica e académica

Como unha experiencia transfronteiriza de éxito e como un exemplo dos froitos que dá fomentar a colaboración internacional no eido do coñecemento. Así se presentou este mércores no campus de Ourense o programa Iacobus, iniciativa pioneira na Eurorrexión Galicia-norte de Portugal que fomenta a cooperación científica e o intercambio de persoal docente, investigador e de administración e servizos do ámbito da educación superior galega e portuguesa. Cando se compren dez anos da súa posta en marcha, o programa celebrou en Ourense o seu primeiro congreso reunindo a autoridades e participantes nesta iniciativa.

Arredor de 150 persoas asistiron ao evento, que tivo lugar no edificio Politécnico do campus. Na súa inauguración, Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia, subliñou a importancia da cooperación entre Galicia e o norte de Portugal apuntando que neste contexto o programa Iacobus supón “unha experiencia de éxito”. O titular do goberno galego, que felicitou ás entidades participantes polo traballo feito, puxo en valor a traxectoria desta iniciativa e o feito de que fomenta a colaboración entre universidades e centros de investigación de ambos lados da fronteira. Neste sentido, recalcou que o programa é un exemplo de como a colaboración entre territorios pode transformar as fronteiras en puntos de encontro.

Desde o eido académico, Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, salientou na súa intervención que “o futuro das nosas sociedades, de Galicia e do norte de Portugal, depende en gran medida do que sexamos quen de construír a través do coñecemento” e neste senso apuntou que o programa Iacobus constitúe “unha realidade que nos beneficia a todos” e que ten “impacto social”. Lembrando a importancia do traballo conxunto para acadar obxectivos máis ambiciosos, o responsable académico subliñou que desde o punto de vista das universidades participantes “podemos estar enormemente orgullosos” do traballo feito en Iacobus ao longo desta década. Do mesmo xeito, Antonio López, reitor da Universidade de Santiago de Compostela, puxo en valor o feito de que este programa é “un logro inédito a nivel europeo” que difumina e elimina barreiras entre dous países. Igualmente incidiu na importancia de cooperar no eido científico e académico para afrontar problemas comúns que comparte a eurorrexión Galicia-norte de Portugal.

Pola súa banda, António Cunha, presidente da CCDR Norte (Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte-Portugal), recalcou que a celebración destes dez anos supón “un momento importante da cooperación” entre Galicia e Norte de Portugal e gabou os resultados do programa Iacobus. O responsable institucional apostou por “profundar nas dinámicas de cooperación” nun momento no que a eurorrexión “procura encontrar un futuro de modernidade”. Por último, Nuno Almeida, director da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (GNP-AECT), entidade que xestiona o citado programa, subliñou igualmente que Iacobus “é un programa de grande éxito”, que ten contribuído a fomentar a cooperación eurorrexional, e apuntou a importancia de que siga medrando esta cooperación en coñecemento “nun mundo cada vez máis global”.

Balance, experiencias e novas incorporacións

Tras a inauguración oficial e nun acto presidido por Diego Calvo, conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, tivo lugar a sinatura de incorporación de novos centros tecnolóxicos ao programa Iacobus, concretamento do Centro de Tecnologia e Inovação Industrial (CiTin) e do Centro Tecnolóxico do Clúster da Acuicultura. De seguido, Emídio Gomes, expresidente da CCDR-Norte e reitor da UTAD, explicou a orixe deste programa, e Xosé Lago, subdirector do GNP-AECT, e Ángel Miramontes, director da Fundación CEER, fixeron balance del e falaron das súas perspectivas de futuro. Unha mesa redonda sobre a visión das institucións implicadas no programa Iacobus e outra sobre as experiencias de participantes nesta iniciativa pecharon o programa deste primeiro congreso.

Na actualidade 39 entidades galego-portuguesas de educación superior, centros tecnolóxicos e fundacións biomédicas participan no programa Iacobus. Entre elas están as tres universidades públicas galegas (Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela), así como as universidades lusas de Porto, Minho, Trás-Os-Montes e Alto Douro, Católica Portuguesa e os institutos politécnicos de Porto, Viana do Castelo e Bragança. Nesta década de existencia, indican desde a organización do congreso, a iniciativa destinou máis de dous millóns de euros a financiar estadías de investigación (máis de 1400 desde o seu inicio), patentes e artigos conxuntos publicados en revistas científicas, contando co apoio da Unión Europea a través do Programa Interreg, concretamente do Programa Operativo de Cooperación Transfronteriza España-Portugal (Poctep), que achega ata o 75% do investimento.

R., 2024-09-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES