
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe na entrega do galardón do XVIII Premio de Narrativa Breve Repsol ao escritor e xornalista Alberto Ramos pola súa obra Pirotecnia. Tal e como lembrou o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, este certame conta co apoio da Xunta de Galicia co fin de reforzar a creación literaria en galego e promover o uso social da lingua.
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, que formou parte do xurado, agradeceu un ano máis á Fundación Repsol o compromiso que amosa coa lingua e a literatura galegas a través deste premio, consolidado xa coma un dos máis prestixiosos da nosa cultura. Neste senso, felicitou ao galardoado tanto polo premio como pola súa novela, plena e orixinal, motivos polos que foi digna deste recoñecemento.
Nesta cita, asistiron xunto co representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Natalia Barreiro, directora do Complexo Industrial de Repsol na Coruña, Xosé Manuel Soutullo, presidente de Galaxia, e Daniel Ugarte, voceiro do xurado nomeado pola Asociación de Escritoras i Escritores en Lingua Galega, así como outros membros do tribunal.
Sobre a novela galardoada, estes últimos definírona como unha obra narrada cun estilo impecable, que conta cunha habelencia polifónica, na que os sucesos relatados van entretecéndose contrapuntísticamente. En canto a este galardón, a dotación económica ascende a 12.000 euros e, como cada ano, inclúe a publicación da obra gañadora por parte da Editorial Galaxia.
40 novelas participantes
O Premio Narrativa Breve foi creado no ano 2006 e vertebrado de forma conxunta polo complexo industrial Repsol da Coruña e a Xunta de Galicia. No ano 2010, Fundación Repsol toma o relevo do impulso do certame que conta, desde o seu inicio, coa colaboración da Editorial Galaxia e co apoio da Real Academia Galega e da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Esta última contou con 40 novelas curtas presentadas ao premio que, desde os seus comezos, suma case 600 obras orixinais en lingua galega.
O gañador
Alberto Ramos (Santiago de Compostela, 1986) licenciouse en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela en 2009. Iniciou a súa traxectoria profesional na sección de cultura no diario Xornal de Galicia. Tras o peche da cabeceira, continuou a súa carreira como colaborador en medios como Praza, Nós Diario ou Luzes e especializouse na comunicación de iniciativas culturais.
Iniciouse na crítica literaria en 2006 con Dor pantasma, título co que acadou o premio Biblos-Pazos de Galicia de novela. En 2009 gañou o Premio de novela por entregas de La Voz de Galicia coa obra Con acuse de recibo. Fíxose co premio de creación literaria Vicente Risco en dúas ocasións: en 2012 con Todos os días e no 2018 con A simetría das bestas.
A súa novela Máscaras rotas para Sebastián Nell foi merecedora do Premio García Barros en 2014. En 2022 publicou Os corpos de Romanov, título galardoado co Premio Narrativa Breve Repsol. En 2023, acadou o premio Rafael Dieste de textos teatrais coa obra Conxo, no restraint.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.