Noticias

Galicia está á vangarda de España na detección temperá das enfermidades raras a través do programa de cribado neonatal

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou que Galicia está á vangarda de España na detección temperá das enfermidades raras, grazas, entre outras medidas, ao Programa galego de cribado neonatal que, con seu continuo incremento, converteuse no máis completo de todo o Estado. O titular da carteira sanitaria do Executivo galego interveu no acto de clausura dunha xornada sobre a abordaxe das enfermidades raras en Galicia, na que se falou sobre os avances realizados e sobre os retos a afrontar. O Programa galego de cribado neonatal examinou en tres anos, dende o 2020 e ata o 2023, a máis de 463.000 neonatos, permitindo instaurar tratamento no prazo recomendado a 679 deles.

O programa galego de cribado neonatal permite xa a detección temperá de 34 metabolopatías conxénitas primarias e 14 secundarias e antes de que remate o ano introducirá 3 novas para acadar as 51.

Gómez Caamaño puxo en valor o gran traballo realizado en Galicia para mellorar o diagnóstico, tratamento e seguimento das enfermidades raras e, entre os logros acadados, destacou a implantación por parte da Xunta da Estratexia galega en enfermidades raras, que supuxo un gran paso adiante para garantir unha atención sanitaria de calidade e equitativa para estes pacientes.

A intención do Goberno galego, proseguiu o conselleiro, é que unha vez que finalice a vixente da actual estratexia, impulsar nos primeiros meses de 2025 un novo documento, enriquecido coa experiencia destes anos e obxectivos máis ambiciosos.

Unidades multidisciplinares e rexistro de pacientes

Outras das medidas da Xunta destacadas polo conselleiro na loita contra as enfermidades raras son a posta en marcha das tres unidades funcionais multidisciplinares e a creación dun rexistro de pacientes.

Respecto das unidades, que están emprazadas na Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, Gómez Caamaño remarcou que están a posibilitar unha atención máis coordinada e eficaz, grazas a un equipo especializado de médicos internistas, pediatras e profesionais da enfermería. Este modelo de atención establecido nestas unidades acurta os tempos de diagnóstico, ademais de mellorar o manexo dos doentes.

No que atinxe ao Rexistro de Pacientes, o titular da carteira sanitaria dixo que permite ter unha visión clara da realidade destas patoloxías. Trátase dunha ferramenta clave para mellorar o seguimento destes doentes e avanzar na investigación e prevención. Nel figuran na actualidade case 5.000 persoas e 394 enfermidades.

Tamén considera estratéxico o conselleiro o papel fundamental que teñen os profesionais da saúde. Así, a formación continua está a dotalos das ferramentas necesarias para afrontar o reto que supoñen estas patoloxías tan complexas.

Para rematar a súa intervención, o conselleiro avogou por seguir a traballar xuntos, institucións, profesionais e pacientes, co fin de garantir que ninguén quede atrás por mor da rareza da súa enfermidade.

R., 2024-09-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES