Noticias

Luz verde á matrícula gratuíta para os estudantes de grao universitario e de ensinanzas artísticas superiores a partir do próximo curso

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, indicou hoxe que o Consello de Goberno vén de dar luz verde á 'gratuidade da matrícula para os estudos de grao universitario, así como para os de ensinanzas artísticas superiores (Música, Arte Dramática, Deseño e Conservación e Restauración de Bens Culturais) en centros públicos galegos', tanto no caso de novo ingreso como no de continuidade de estudos, unha medida que será aplicable para o próximo curso e coa que, ademais, se cumpre un 'compromiso adquirido para os primeiros 100 días de goberno'.

Así pois, as familias cuxos fillos e fillas inicien por primeira vez estudos de grao universitario ou de grao en ensinanzas artísticas superiores o próximo curso terán bonificado o prezo da matrícula, o que contribúe, tal e como indicou Rueda, 'a garantir a igualdade de oportunidades', ao mesmo tempo que lembrou que Galicia foi 'pioneira na conxelación de taxas universitarias hai 13 anos'.

O Consello ratificou hoxe os dous decretos de prezos públicos a través dos cales se implanta esta acción que, na práctica, blinda que todos os universitarios e estudantes de ensinanzas artísticas superiores que aproben teñan asegurada a matrícula gratuíta ao longo de toda a súa carreira universitaria desde a primeira chamada para a matrícula de xullo en diante. Isto converte a Galicia na “única comunidade autónoma na que os alumnos que aproben poderán estudar unha carreira totalmente de balde se cumpren os requisitos”.

Bonificación do 99%

No que atinxe aos estudos de grao, todo o alumnado de novo ingreso obterá unha bonificación equivalente ao 99% da matrícula para iniciar os seus estudos nas tres universidades públicas galegas ou nun centro público galego de ensinanzas artísticas superiores. Isto supón que os alumnos que cumpran os requisitos tan só aboarán o 1% do custo da matrícula, o que se traduce nunha cantidade simbólica de 7,1 euros ao ano de media como taxa. É dicir, 0,6€ de media ao mes.

Para iso, deberán cumprir co requisito de ter superado a ABAU nas convocatorias de 2024 ou ben as probas específicas para maiores de entre 25 e 45 anos organizadas pola Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG), ou ter superado un ciclo formativo de grao superior no curso 2024.

No caso do alumnado de continuidade de 2º curso en diante, deberá ter cursado estudos de grao en Galicia no curso 2023/24 e matricularse no curso 2024/25 na totalidade dos créditos correspondentes ás materias previstas para o curso de que se trate, nunha das tres universidades públicas galegas.

A maiores, deberá ter superado as porcentaxes de créditos matriculados, algo que varía segundo a área de coñecemento: 90% dos créditos para as áreas de Artes e Humanidades e de Ciencias Sociais e Xurídicas, 80% para Ciencias da Saúde e 65% para as de Ciencias e Enxeñaría e Arquitectura.

Continuidade na conxelación das taxas

Doutra banda, para aqueles alumnos universitarios que non cumpran cos requisitos de gratuidade, o decreto aprobado hoxe tamén ratifica de novo a conxelación das taxas de grao e máster para o vindeiro curso, co que Galicia levará 14 anos consecutivos coas taxas universitarias conxeladas. Así pois, todos os alumnos que cursen un máster universitario e aqueles que cursen un grao e queden excluídos da gratuidade por non cumpriren os requisitos aboarán un prezo medio de 11,89 €/crédito,

Deste xeito, Galicia continuará a ter a universidade máis accesible de toda España, coa matrícula de grao gratuíta e os másteres máis baratos do Estado. “O que queremos é premiar e estimular o esforzo do alumnado”, asegurou Rueda.

Ensinanzas artísticas superiores

Así mesmo, o alumnado de ensinanzas artísticas superiores tamén se beneficia da gratuidade da matrícula destes estudos que, no caso dos de novo ingreso, deberán ter superado as probas específicas de acceso en Galicia. Quedan exentos deste requisito os que acceden directamente aos estudos superiores de Grao en Deseño ou en Conservación e Restauración de Bens Culturais sen necesidade de realizar a proba específica de acceso ao ter acadado un título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño.

Para o alumnado de continuidade (de 2º a 4º curso), para optar á bonificación do 99%, requírese estar matriculado en curso completo nun centro público de Galicia no curso anterior e ter superado en primeira matrícula como mínimo o 90% da totalidade deses créditos.

Estas medidas aprobadas hoxe supoñen redobrar a aposta da Xunta de Galicia polo apoio ás familias coa gratuidade da educación para o alumnado desde que entra na gardaría, na etapa 0-3 anos, ata que remata os seus estudos universitarios, ao tempo que se fomenta a cultura do esforzo, premiando o interese, a dedicación e o bo aproveitamento académico.

R., 2024-06-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (pesca-azul.jpg) O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, defendeu unha reforma da Política Pesqueira Común (PPC) para que esta se adapte ás necesidades da cadea mar-industria galega. Esta reforma debe incluír unha rexionalización da normativa europea e, por tanto, ter en conta as propostas e participación proactiva das autoridades rexionais na futura toma de decisións que se leven a cabo en Bruxelas neste senso. Así o expuxo este martes na reunión mantida ao máis alto nivel polo Comisario de Pesca e Océanos, Costas Kadis, co ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, os responsables das comunidades autónomas do ramo, e as entidades representantes do sector pesqueiro, acuícola e das mulleres.
Foto de la tercera plana (xunta-sancaetano.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Executivo autonómico aprobou hoxe 'solicitar formalmente un informe ao Consello Consultivo de Galicia' sobre 'as posibilidades legais' do traspaso das competencias para xestionar os permisos de traballo das persoas doutros países. O obxectivo é avaliar a posibilidade de asumir esta función en tres áreas concretas: as autorizacións iniciais para que unha persoa estranxeira poida traballar na comunidade, os permisos para traballos de tempada e os de larga estancia por motivos de estudos ou formación.

Notas

O Teatro Principal acollerá entre o 5 e 16 de maio as cinco representacións que integran o programa da XVI Mostra Internacional de Teatro Universitario de Pontevedra (Miteu), que permitirá coñecer tanto as montaxes das aulas e grupos dos tres campus da UVigo, como dous espectáculos chegados de Portugal e México. Promovida pola Vicerreitoría do campus, coa colaboración do Concello, trátase dunha mostra con entrada gratuíta.
'Vida, biografías, bioficcións' é o título do primeiro simposio que organiza a Cátedra Rosalía de Castro da USC, que botou a andar este mes de abril con varias iniciativas culturais. O encontro desenvólvese ata o 30 de abril no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía da USC. O simposio estrutúrase en tres paneis e catro mesas redondas, ademais de dúas conferencias.
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES