
Durante a súa intervención, José González loou o empeño e a perseveranza dos nosos emprendedores por xerar novas ideas que frutifiquen en negocios para que Galicia siga crecendo, evolucionando e prosperando. Para acompañar ese progreso, fixo fincapé en que o Goberno galego leva anos impulsando medidas como a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, con 13 centros activos na actualidade que levan atendido máis de 2.000 iniciativas empresariais desde a súa posta en marcha hai case dous anos.
Así mesmo, mencionou outras iniciativas innovadoras de vertebración e cohesión do territorio nas que traballa o Goberno galego para fixar poboación no rural, atraer a traballadores de alta cualificación e impulsar novos negocios ligados ao territorio.
A Estratexia galega
Segundo resaltou o titular de Emprego, a Estratexia Galicia Rexión Emprendedora Europea 2025 enmárcase no Plan Estratéxico de Galicia 2022-2030 da Xunta, que define unha folla de ruta específica para avanzar no reto demográfico, nunha Galicia verde e sustentable, na competitividade e o crecemento e na cohesión social e territorial.
En concreto, coa proposta que hoxe se ve recoñecida perséguese unha maior equidade territorial, o aumento das persoas emprendedoras na Galicia non urbana, a diversificación das actividades económicas que se desenvolven nesa contorna e o fortalecemento da colaboración cos axentes públicos e privados.
Por último, o conselleiro avogou por seguir traballando arreo para continuar sendo merecedores do recoñecemento como Rexión Emprendedora Europea 2025. Remarcando que é a primeira vez que Galicia é galardoada cun premio deste tipo, comprometeu o labor da Xunta para acompañar e apoiar os nosos emprendedores e emprendedoras, axudándoos a navegar entre as tempestades e celebrando os seus acertos, porque o seu éxito será o de todos, concluíu.
O premio
A European Entrepreneurial Region -Rexión Emprendedora Europea- é unha iniciativa organizada polo Comité Europeo das Rexións (CDR) en asociación coa Dirección Xeral de Mercado Interior, Industria, Emprendemento e Pemes da Comisión Europea (DG GROW) que identifica e recoñece as rexións da Unión Europea que presentan estratexias excelentes e innovadoras de impulso do emprendemento, independentemente das súas dimensións, riqueza e competencias.
Nesta ocasión, Galicia comparte o recoñecemento coa provincia croata de Krapina Zagorje e coa rexión polaca de Mazovia. Desde a creación da etiqueta REE -Rexión Emprendedora Europea- en 2010, o premio concedeuse a 39 rexións e cidades e a 17 Estados membros da UE. Esta etiqueta está apoiada por partes interesadas da UE como o SME United, Eurochambres, Social Economy Europe e EURADA, entre outras entidades.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.