
Neste sentido, o Consello da Xunta celebrado esta mañá aprobou o plan da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, consistente en 60 accións específicas, co fin de establecer un sistema integral de orientación profesional que guíe e acompañe á cidadanía na súa toma de decisións educativas e profesionais desde idades temperás e ao longo de toda a vida.
Así pois, mediante o FPGal360, a Xunta de Galicia ofrecerá unha orientación profesional integral que lles ensine ás persoas a planificar e tomar decisións sobre a súa vida laboral e a formación que implica.
Isto suporá implantar un conxunto de servizos dirixidos a axudar ás persoas de calquera idade -especialmente para os máis novos e persoas con baixa cualificación- e en calquera momento das súas vidas a tomar decisións axeitadas a nivel educativo, formativo e laboral, a xestionar a súa traxectoria profesional creando o seu itinerario formativo; a reflexionar sobre as súas ambicións e intereses e a súa cualificación e capacidade, e a comprender o funcionamento do mercado laboral.
Alfonso Rueda apuntou que as actuacións previstas no plan artéllanse en tres eixos que inclúen o alumnado que está actualmente dentro do sistema educativo, uns 230.000; a mocidade que abandonou este sistema e que cómpre recuperar, uns 80.000 mozos de 24 a 34 anos con baixa cualificación; e a poboación en xeral que queira ampliar a súa formación para mellorar a súa inserción laboral, sinalou.
Fomentar a continuidade na formación
O primeiro dos eixos abrangue iniciativas concretas dirixidas a fomentar a continuidade dos rapaces no ensino e, deste xeito, reducir a mínimos o abandono escolar temperá. Isto é, que o alumnado perciba que continuar a súa formación dentro do sistema sexa unha oportunidade para unha mellor cualificación.
Para iso establécense catro liñas e 15 medidas entre as que destacan a elaboración de novos programas de orientación profesional e vocacional e de materiais de apoio á labor orientadora; o reforzo da FP básica coa actualización da oferta e a mellora de recursos; actuacións para reducir o abandono escolar nos colectivos máis desfavorecidos; impulso da formación especializada en orientación profesional, incidindo nas potencialidades da FP básica, e enquisas para alumnado e familias como ferramenta para a mellora da toma de decisións.
O segundo céntrase en potenciar un sistema de orientación vocacional e profesional que conduza á inserción laboral efectiva, a través de cinco liñas de actuación e 30 medidas específicas recollidas no plan. Entre elas destaca a creación do Espazo e da Rede FPOrienta, a difusión e promoción das novas tecnoloxías, innovación aplicada á orientación profesional e formación especializada en orientación profesional e vocacional, entre outros.
Itinerarios formativos atractivos
O terceiro eixe do plan diríxese a facilitar a cualificación e titulación da mocidade galega desde o sistema educativo, con itinerarios atractivos e que supoñan unha porta profesional e persoal de futuro.
A través de catro liñas e 15 medidas impulsaranse a coordinación e colaboración entre os distintos axentes para a cualificación da poboación. Ademais, reforzarase a capacitación profesional a través do procedemento de acreditación de competencias profesionais, a orientación profesional nos centros de educación permanente de alumnos e o desenvolvemento de accións formativas especializadas que respondan ás demandas específicas do tecido produtivo.
Estes tres eixes desenvolveranse a través da colaboración público-privada, coa participación doutros departamentos da Xunta de Galicia, así como de asociacións e outras entidades implicadas na orientación profesional.
Entre as liñas de actuación globais, ao abeiro deste plan, a Consellería de Educación reforzará a información e formación dirixidas ao persoal orientador dos centros educativos e aos equipos directivos e docentes.
No caso do alumnado, incidirase en facilitar información e orientación ao alumnado desde idades temperás e deseñaranse actuacións específicas dirixidas ao alumnado vulnerable, con especiais necesidades de aprendizaxe ou en risco de abandono.
Recuperar a persoas que abandonaron o sistema
Tamén se atenderá especificamente ao alumnado que abandonara o sistema educativo sen acadar unha titulación, co fin de recuperalos e darlle unha nova oportunidade de formación e, deste xeito, que melloren as súas oportunidades e expectativas laborais.
Outras liñas de traballo irán dirixidas a actuacións sobre a poboación que non conta con formación acreditada, con propostas específicas, sobre todo con especial atención á mocidade que se atope nesta situación.
O Plan FPGal360 recollerá tamén unha epígrafe de asesoramento personalizado e orientación profesional para colectivos de persoas desempregadas que participen en procesos de acreditación de competencias adquiridas por experiencia laboral.
No período de vixencia do plan, entre este ano e o 2028, o conxunto de medidas que se van poñer en marcha suporán un investimento global de 24 M, nove dos cales se farán efectivos durante o presente exercicio 2024.
A posta en marcha deste plan enmárcase na Estratexia de formación profesional Galicia 2030, que ten entre os seus eixes a orientación profesional á cidadanía na creación dun itinerario personalizado de formación para o emprego e a difusión das oportunidades da formación, adquisición de competencias e recoñecemento delas.
Tivo lugar a xornada 'Deputados por un día', na que os escolares galegos levaron ao hemiciclo as súas propostas para mellorar a sociedade. Os catro representantes dos colexios, un por provincia, compartiron na Cámara as súas reflexións sobre a convivencia, o tema arredor do que xira este curso o programa educativo Abraza tus valores, e a relación dos menores coas tecnoloxías. Participaron máis de 8.300 escolares de entre 4 e 12 anos de 83 centros públicos, concertados e privados de Galicia (Arquitecto Casas Novoa de Santiago, o CEIP Plurilingüe A Gándara, de Monforte de Lemos, o CEIP Plurilingüe Irmáns Villar, de Ourense e o CEIP Plurilingüe de Cerdeiriñas, de Piloño).
A actividade levada a cabo pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) para protexer o medio ambiente e o patrimonio natural e paisaxístico galego permitiu o pasado ano a reposición da legalidade en 121 actuacións en toda Galicia. Estas reposicións foron resultado do labor do equipo inspector do organismo adscrito á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, e repartíronse principalmente na provincia de Pontevedra, con 60 actuacións, seguida da Coruña con 30, Lugo con 21 e Ourense con 10.