Noticias

Aprobado o Plan de cobertura de necesidades de persoal médico en atención primaria no verán

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno autonónimo destinará 'máis de 12,5 millóns de euros' para garantir a asistencia sanitaria no verán. Este investimento dirixirase 'a contratar médicos para substituír aos que están de vacacións, contratar a facultativos adicionais e reforzar os centros das zonas con maior afluencia nesta época do ano'. Ademais das medidas ordinarias de organización de profesionais que se veñen realizando cada ano, a Consellería de Sanidade considera necesario poñer en marcha outras de carácter extraordinario, dirixidas a dotar de suficiente persoal os centros durante o verán e 'a garantir a máxima calidade na atención sanitaria durante uns meses especialmente complicados'.

O Plan de cobertura de necesidades de persoal médico en atención primaria durante o período estival 2024, que hoxe aprobou o Goberno galego recolle catro medidas extraordinarias para paliar o déficit de persoal, un problema xeneralizado en todo o Estado e tamén en Europa.

Así, por unha banda, implementarase un programa extraordinario para a cobertura de necesidades de médicos de familia nos PACS.

Tamén se desenvolverá un programa especial de apoio á atención primaria por persoal do 061.

Unha oferta de mobilidade temporal e voluntaria a centros que precisen reforzos prioritarios ou teñan especiais necesidades de cobertura é outra das medidas recollidas no Plan de reforzo da Xunta para o verán.

Ademais, prevese a encomenda de funcións ao persoal residente no seu cuarto ano de formación. Será unha medida de carácter voluntario, con incentivos económicos e baixo supervisión, de tal xeito que poidan axudar nos centros de saúde, nos puntos de atención continuada (PAC) ou nas urxencias hospitalarias.

Cómpre remarcar que a incentivación do persoal médico de atención primaria para a realización de actividade fóra da súa xornada habitual ten por obxecto garantir a atención asistencial á poboación durante o período estival, tendo en conta o déficit existente en todo o Estado de determinadas especialidades médicas, principalmente familiar e comunitaria e pediatría.

Respecto á primeira das medidas, o programa extraordinario para os PACs, ampliarase a bolsa de persoal voluntario dispoñible, en réxime de localización, para promover a cobertura de persoal médico nestes dispositivos asistenciais. Unha medida que xa estaba a funcionar en catro áreas sanitarias e que agora chegará a todo o territorio galego.

As persoas incluídas nesta listaxe poderán ser chamadas para atender entre 3 e 7 días ao mes as quendas de PAC que necesiten completar cobertura. Para incorporarse á listaxe terá preferencia o persoal da correspondente área sanitaria. Esta medida será de aplicación ata o 15 de setembro de 2024.

No que atinxe á segunda das medidas, o programa especial de apoio á atención primaria por parte do persoal do 061, os médicos deste servizo poderán participar voluntariamente no programa extraordinario para a cobertura de necesidades nos PAC. Aínda no caso de que o profesional non participe nas ditas listas, poderá colaborar na cobertura de quendas de traballo destes dispositivos.

Tal e como explicou Rueda, a terceira medida recollida no plan -a oferta de mobilidade temporal e voluntaria a centros que precisen reforzos prioritarios ou teñan especiais necesidades de cobertura- prevé ofrecer ao persoal a opción de prestar servizos temporalmente nun centro de saúde distinto ao do seu destino, por precisar aquel un reforzo prioritario ou ter especiais necesidades de cobertura, por exemplo, concellos con sobrecarga de poboación no verán. Esta medida tamén estará dispoñible para o persoal doutras comunidades autónomas que acepten prestar servizos nos ditos centros.

En canto á encomenda de funcións ao persoal residente no seu cuarto ano de formación, establece que as xerencias das áreas sanitarias poderán encomendar ao seu persoal residente en formación de medicina de familia e pediatría, que se atopen nos últimos catro meses do período formativo, o desempeño de funcións que son desenvolvidas ordinariamente polo persoal especialista e que sexan adicionais e extraordinarias respecto ás prestacións propias do seu plan de formación.

A encomenda terá por obxecto realizar unha ou varias das seguintes funcións: atención da consulta ordinaria dun cupo nun centro de saúde; prolongacións de xornada para a cobertura de ausencias por riba do seu horario ordinario; realización de gardas nos PAC; ou servizos de urxencia hospitalaria.

Rueda lembrou que é unha medida “avalada polo Ministerio” e que os MIR de último ano realizarán este traballo “baixo a supervisión” que exixe o Goberno central e coa correspondente remuneración.

Outras iniciativas xa adoptadas

Este plan aprobado hoxe polo Goberno galego engádese a outras medidas adoptadas pola Xunta para dar maior estabilidade aos profesionais sanitarios e garantir a asistencia sanitaria.

Entre elas, está a implantación do nomeamento de continuidade para médico de familia, pediatra de atención primaria e enfermeiro con 154 contratos en vigor.

En concreto, na categoría de médico de familia hai ofertadas 271 prazas cuxo procedemento se está a desenvolver (o 23 de xuño realizaranse os exercicios da fase de oposición). Desde o ano 2022 cubríronse 194 prazas de médico de familia e de facultativo especialista de área de atención primaria.

Outra das medidas para dar maior estabilidade aos profesionais foi o acordo de melloras retributivas e outras condicións de traballo de 20 de abril de 2023, que supón importantes incrementos así como dotación de prazas.

R., 2024-06-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (20260608-parlamento.jpg) Tivo lugar a xornada 'Deputados por un día', na que os escolares galegos levaron ao hemiciclo as súas propostas para mellorar a sociedade. Os catro representantes dos colexios, un por provincia, compartiron na Cámara as súas reflexións sobre a convivencia, o tema arredor do que xira este curso o programa educativo Abraza tus valores, e a relación dos menores coas tecnoloxías. Participaron máis de 8.300 escolares de entre 4 e 12 anos de 83 centros públicos, concertados e privados de Galicia (Arquitecto Casas Novoa de Santiago, o CEIP Plurilingüe A Gándara, de Monforte de Lemos, o CEIP Plurilingüe Irmáns Villar, de Ourense e o CEIP Plurilingüe de Cerdeiriñas, de Piloño).
Foto de la tercera plana (vivenda-2023-02.jpg) A actividade levada a cabo pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) para protexer o medio ambiente e o patrimonio natural e paisaxístico galego permitiu o pasado ano a reposición da legalidade en 121 actuacións en toda Galicia. Estas reposicións foron resultado do labor do equipo inspector do organismo adscrito á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, e repartíronse principalmente na provincia de Pontevedra, con 60 actuacións, seguida da Coruña con 30, Lugo con 21 e Ourense con 10.

Notas

O XX aniversario do Festival Arteficial segue collendo forma de xeito inmellorable. Tras os encontros e concertos celebrados a finais de mayo na provincia de Ourense, a organización fai un balance extraordinario da acollida do público. Cidades e espazos singulares como Auriense, El Pueblo, Secret Bridge e, de forma moi especial, a Granxa D'Outeiro, foron as testemuñas do éxito absoluto destas presentacións.
Dar resposta aos retos derivados do envellecemento da poboación nas áreas rurais da fronteira entre España e Portugal é o obxectivo central do proxecto Activa Rural Transfronteirizo, no que participan 17 institucións e entidades destes dous países, entre as que se atopa a Universidade de Vigo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES