Noticias

A primavera climatolóxica de 2024 en Galicia foi a terceira máis húmida da serie histórica

A primavera climatolóxica de 2024 (marzo, abril e maio) en Galicia foi a terceira máis húmida da serie histórica -que se remonta a 1961- ao rexistrarse unha precipitación media de 511 l/m2. Ademais, no que atinxe ás temperaturas, foi un período cálido cun valor medio de 12,9 graos. Deste xeito, segundo o avance do informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia, a precipitación media rexistrada entre as 16 estacións máis representativas foi un 67 % superior ao que vén sendo habitual neste período, debido especialmente ás abondosas choivas de marzo e maio, que fan que estes dous meses se consideren moi húmidos.

Así, en marzo as choivas foron frecuentes, persistentes e cuantiosas tanto nos primeiros 10 días como na derradeira semana, alcanzando unha media un 148 % superior ao habitual. En maio a anomalía media foi un 78 % superior ao habitual, o que o converte no quinto máis húmido desde que hai rexistros. En canto a abril, considérase normal, cunha anomalía media un 8 % inferior ao valor climatolóxico habitual.

Por outra banda, no que atinxe ás temperaturas, a primavera foi cálida ao rexistrar unha temperatura media de 12,9 graos e unha anomalía media de 5 décimas máis que a media, segundo os datos rexistrados en 11 das estacións meteorolóxicas máis representativas.

Neste eido, o mes de abril foi moi cálido ao rexistrar 13,8 graos de media -1,9 graos máis do habitual-. Pola contra, marzo e maio foron lixeiramente fríos, con medias de 10,6 e 14,2 graos, respectivamente. Nestes dous meses a anomalía media foi dúas décimas inferior ao normal.

R., 2024-06-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES