
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, fixo hoxe unha valoración dos datos de paro rexistrado e de afiliacións á Seguridade Social, destacando que os datos de paro volven no mes de maio a arroxar cifras históricas e salientando a evolución favorable do mercado de traballo, xa que as afiliacións seguen a medrar na comunidade galega.
Caeu o paro na evolución anual (-9,22%) e mensual (3,40%) e nas dúas comparativas descendeu nas sete grandes cidades, nas catro provincias galegas e en todos os sectores de actividade, liderando a caída o primario con respecto a hai un ano e a abril de 2024.
Na comparativa con respecto a maio de 2023, a evolución do paro continúa coa tendencia rexistrada desde 2014. O descenso rexistrado en maio de 2024 é maior que o reflectido no mesmo período de 2023. Ademais, a baixada rexistrada en Galicia (-9,22%) é case o dobre que a reflectida no Estado (-4,79%).
As cifras de parados menores de 30 anos e de mulleres son as menores de toda a serie histórica (2005); e o número de parados de longa duración é o máis baixo dos últimos 15 anos, desde 2009.
Evolución mensual
Con respecto a abril, o paro adoita baixar en maio en Galicia, incluso no ano de inicio da pandemia. O desemprego caeu en todos os sectores, e tamén entre as mulleres e a mocidade. A caída na comunidade é maior que a reflectida no Estado cun diferencial de 1,2 puntos.
En canto ás afiliacións, continúan en aumento, tanto na evolución anual (+1,72%) e mensual (+0,84%). Galicia segue a superar a barreira do millón de cotizacións -1.077.292- situándose a cifra a un nivel superior ao de hai 15 anos.
Tendencia positiva
O conselleiro apelou a seguir traballando e apuntou que os datos reflicten unha tendencia positiva que se vai consolidando ao longo dos meses tanto na baixada do paro como no aumento das afiliacións, destacando, ademais, o labor que está a realizar a Xunta para que cada vez Galicia poida ofrecer máis emprego de calidade.
A Consellería de Educación vai dotar aos centros educativos de apoios específicos de acompañamento, formación e recursos materiais para desenvolver os novos programas de reforzo Avanza Lectura e Avanza Matemáticas, que se van poñer en marcha este curso en Primaria ao abeiro do novo Marco galego para o impulso educativo. O conselleiro Román Rodríguez reuniuse co Consello Escolar de Galicia para avaliar o inicio de curso e dar conta das accións da Xunta enfocadas a 'reforzar aprendizaxes apoiando a quen máis o precise, fomentar a cultura do esforzo e impulsar unha mellora integral e continua do sistema'.
O Consello da Xunta analizou na súa reunión de hoxe un informe da Consellería do Medio Rural sobre o anteproxecto de Lei de loita contra os incendios forestais de Galicia (LLCIF), antes da súa remisión para consulta ao Consello Forestal de Galicia, cuxa reunión está prevista para mañá martes. A futura normativa prioriza reforzar a protección da poboación e a xestión integral do territorio. O presidente do Goberno autonómico, Alfonso Rueda, lembrou que actual lexislación sobre incendios forestais 'ten case 20 anos' e 'cómpre actualizarla e adaptala aos novos tipos de lumes así como aos avances que houbo tanto na loita como na prevención de incendios'.