Noticias

Aumentan un 11 % as prazas de novo ingreso en FP ata sumar 46.714

Galicia contará o próximo curso cunha oferta de 46.714 prazas de novo ingreso, o que representa 4.540 prazas máis que o curso que agora remata (preto dun 11 % máis) e unha cifra récord no conxunto das 214 ofertas diferentes entre os 153 ciclos de grao básico, medio e superior, 22 másteres, 24 títulos de alta especialización e 15 programas formativos. A FP galega medra no conxunto da Comunidade e en cada un dos territorios e na case totalidade dos sectores e familias grazas á potenciación da modalidade de FP Dual Intensiva, aos másteres de FP e aos itinerarios de alta especialización.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que o Consello deu hoxe o visto e prace “á maior oferta de prazas de Formación Profesional na historia de Galicia”, así como a implantar 17 novas titulacións o vindeiro curso 2024/2025.

Rueda salientou que o obxectivo é adaptar estas ensinanzas “ás necesidades do tecido produtivo galego”, así como garantir e seguir mellorando a inserción laboral que xa se sitúa no 85% e que case chega ao 100% no caso da FP Dual. “Trátase tamén de redignificar a FP, algo que xa estamos conseguindo dado o incremento de matrícula destes anos, con case 65.000 alumnos, que é algo máis do dobre que hai dez anos”, apuntou.

Tal e como se amosa no informe elevado pola Consellería de Educación, Universidades, Ciencia e Formación Profesional ao Consello da Xunta que tivo lugar hoxe, Galicia contará o próximo curso cunha oferta de 46.714 prazas de novo ingreso, o que representa 4.540 prazas máis que o curso que agora remata (preto dun 11 % máis) e unha cifra récord no conxunto das 214 ofertas diferentes entre os 153 ciclos de grao básico, medio e superior, 22 másteres, 24 títulos de alta especialización e 15 programas formativos.

Así pois, a Formación Profesional galega medra tanto no conxunto da Comunidade como en cada un dos territorios e na case totalidade dos sectores e familias grazas á potenciación da modalidade de FP Dual Intensiva, aos másteres de FP e aos itinerarios de alta especialización exclusivos de Galicia que agora se impulsan de xeito considerable. Isto garante unha oferta ampla, variada, que chega a todo o territorio e que dá resposta a todos os sectores produtivos.

Non en balde, esta oferta foi deseñada logo de escoitar os axentes educativos e socioeconómicos a través do Plan Conecta FP Galicia, con encontros sectoriais e territoriais nos que participaron máis de 12.000 empresas, 400 asociacións, clúster ou entidades empresariais e uns 300 centros.

Dentro do catálogo de 214 titulacións, hai catro que se implantan por primeira vez en Galicia, dúas delas en ciclos formativos e outras dúas de máster. Formacións que, tal e como apuntou o presidente da Xunta, contan “cunha alta empregabilidade e onde hai moitas vacantes”.

Títulos de alta especialización

Rueda resaltou que “unha das principais novidades” para o vindeiro curso escolar é “o reforzo dos títulos de alta especialización, unha modalidade de FP na que Galicia é pioneira”. Trátase dunha formación na que se unen dobre titulacións ou combinacións de ciclos, másteres e cursos distintos e que atende unha demanda específica por parte dos sectores produtivos.

Así pois, o vindeiro curso vanse ofertar un total de “24 títulos de alta especialización, 13 deles de nova implantación” e que abranguen eidos económico-industriais moi variados como son automoción e os novos vehículos híbridos, a robótica, a xestión turística, a restauración, a soldadura, as telecomunicacións, a transformación da madeira ou a cantería, entre outros.

En total ofértanse 623 prazas, o que representa un aumento de máis do 52 % con respecto ao presente curso. Para iso constituiranse 27 grupos de alta especialización distribuídos por toda a xeografía galega.

Potenciación da FP Dual Intensiva e dos másteres

A modalidade de FP Dual Intensiva (a FP Dual clásica que na nova normativa estatal pasa a denominarse así) é unha das que máis pulo recibe por parte do Goberno galego con 6.153 prazas, o que supón un incremento de case o 45 %. Esta modalidade consolídase, por tanto, como unha vía para acadar unha maior formación na empresa, o que garante unha inserción laboral de preto do 100 %.

No que atinxe aos másteres, para o próximo curso ofértanse un total de 1.658 prazas, o que representa un crecemento de máis do 53 % respecto á oferta do presente curso. En total, ofértanse 76 grupos de másteres distribuídos por toda a xeografía galega.

Por outra parte, tamén se mantén a oferta de programas formativos básicos, un instrumento de especial relevancia para que o alumnado con necesidades educativas especiais poida conseguir a súa incorporación ao mercado laboral ou a súa continuidade no sistema educativo.

“O obxectivo é seguir co pulo que dende hai anos lle damos desde a Xunta a esa revolución silenciosa que está a vivir a FP”, indicou Rueda.

Impulso ao rural

As necesidades de formación no territorio rural detectadas a través dos encontros do Plan Conecta FP permiten seguir afianzando a aposta por unha oferta formativa atractiva en áreas de menor densidade demográfica, o que confire oportunidades tanto aos mozos e mozas como ás empresas ao tempo que contribúe a fixar poboación.

Así pois, para o próximo curso ofértanse un total de 7.631 prazas no rural, un 11,5% máis que as dispoñibles ata o momento a través da ampliación de ciclos formativos e de másteres na modalidade dual intensiva.

A este obxectivo responden ciclos como os de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural en Mondoñedo e Ribadeo, Aproveitamentos forestais en Vilamarín, Automatización e Robótica industrial en Cee, Produción Agroecolóxica en Arzúa, Automoción en Chantada, Curtis, Ordes, Ponteceso, Ribadavia, Ribadeo e Sanxenxo, Gandaría e Asistencia en sanidade animal en Boqueixón, Melide e Xinzo de Limia ou Paisaxismo e Medio rural en Arzúa e Bergondo, entre outros.

Por outra parte, tamén se incrementan nun 8,8 % as prazas de grao medio no rural, un itinerario axeitado para o alumnado que remata un ciclo de grao básico e que é unha ferramenta de loita contra o abandono escolar temperán e para favorecer a inserción laboral.

R., 2024-06-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES