
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe na apertura da exposición 55 anos da liturxia en galego (1969-2024), impulsada pola Editorial SEPT e producida por Merlín Comunicación co apoio da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e do Arcebispado de Santiago de Compostela.
Valentín García destacou que se trata dunha mostra que recolle unha parte da nosa historia lingüística recente á que non adoitamos prestarlle atención, a pesar de que ten claras repercusións na actualidade. Se queremos que o galego se empregue en todos os ámbitos da vida, hai que ser consciente dos avances e dos retos que se lle presentan tamén en espazos como o da liturxia ou, en xeral, a relixión, coa que mesmo as persoas non crentes teñen contacto en enterros, festas patronais etc. e esta exposición é un camiño para coñecelos, abundou o representante da Xunta de Galicia.
Canda o representante de Política Lingüística tamén participaron neste acto, que acolleu o Mosteiro de San Martiño Pinario, Charo Baleirón, coordinadora do departamento de Innovación Pedagóxica de Escolas Católicas; Silvestre Gómez, comisario da exposición; Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega, e Francisco Xosé Prieto, arcebispo de Santiago de Compostela.
55 anos da liturxia en galego
Composta por seis paneis, a mostra recolle o percorrido da lingua galega na liturxia nestes 55 anos partindo da aprobación, en 1963, do uso das linguas vernáculas na liturxia no Concilio Vaticano II ata a aprobación, cinco anos máis tarde, do galego como lingua litúrxica nas dioceses de Galicia. Unha nova que se faría pública o 7 de xaneiro de 1969, con gran repercusión na situación social do momento.
Parte fundamental deste fito foron tamén as primeiras traducións ao galego dos textos litúrxicos como o Misal Romano ou a Biblia, que o Goberno galego volve editar a día de hoxe en colaboración con SEPT co obxectivo de levar a lingua a todas as parroquias galegas.
As persoas interesadas poderán visitar a mostra no claustro pequeno do Mosteiro de San Martiño Pinario, onde estará dispoñible ata o 29 de febreiro.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.