
Galicia revalida o seu liderado como a Comunidade Autónoma con máis sendeiros azuis, cun total de 49 itinerarios recoñecidos, 14 máis que en 2023, segundo salientou hoxe a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez.
Durante unha visita á ruta do monte Penizas, no concello de Marín, que vén de ser recoñecido con este distintivo, Ángeles Vázquez explicou que o galardón bandeira sendeiro azul, concedido pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac), busca poñer en valor o papel das sendas e camiños como recurso valioso para gozar da natureza, realizar actividades deportivas e de ocio ao aire libre e aprender a interpretar ambientalmente a contorna.
A maiores, a vicepresidenta segunda, que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, subliñou que os 49 sendeiros azuis cos que contará Galicia en 2024 pertencen a 26 concellos, dos que 8 están na provincia da Coruña, 4 na de Lugo e 13 na de Pontevedra. Ángeles Vázquez puxo en valor que a provincia de Ourense acadou este ano o seu primeiro sendeiro azul ao ser recoñecida con este distintivo a ruta da Aceveda, no Parque Natural do Invernadeiro, no concello de Vilariño de Conso.
Logo de facer fincapé en que Sanxenxo, con 8 itinerarios recoñecidos, é o municipio español con máis galardóns, a vicepresidenta segunda detallou que no que atinxe á comparativa a nivel nacional, por detrás de Galicia sitúase a Comunidade Valenciana, con 22 itinerarios azuis, e Andalucía, na que reciben este recoñecemento 16 rutas.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.