
Desde o punto de vista da demanda, no último trimestre, a demanda interna achega 0,9 puntos ao crecemento do PIB e a demanda externa, 0,2. O consumo privado aumentou un 0,2 % e o público un 5 %.
Desde a óptica da oferta, rexistraron taxas positivas o sector servizos (2,1 %) e o primario (0,9 %), cunha leve caída do da construción (0,1 %). Pola súa banda, as ramas industriais rexistraron unha taxa do -2,5 %.
Crecemento do emprego
Ademais, os datos de contabilidade trimestral do IGE mostran que o emprego medido en termos de postos de traballo equivalentes a tempo completo- medrou no segundo trimestre un 2,4 %, o que supón un incremento de 24.154 postos respecto ao mesmo trimestre do ano anterior.
Por ramas de actividade, o emprego creceu en todas, un 3,1 % na construción, un 2,7 % nos servizos, un 1,3 % na industria e un 0,6% no sector primario.
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, avanzou hoxe que as contas da Xunta para o ano 2027 continuarán a reforzar o gasto social, cunha suba por riba da media do crecemento do orzamento e con melloras no acceso á vivenda, a máxima prioridade desta lexislatura. Así mesmo, o Goberno galego seguirá comprometido coa transformación do modelo produtivo cunha aposta polo investimento en I+D+i e pola mellora da formación para impulsar o crecemento empresarial. Ademais de aproveitar a riqueza dun Xacobeo 2027, 'que queremos que sexa o mellor da historia'.
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, compareceu hoxe a petición propia no Pleno do Parlamento de Galicia para dar conta das preto de 700 medidas recollidas no novo Plan xeral de normalización da lingua galega. Fíxoo despois de que a maioría das formacións políticas con representación na Cámara galega chegasen a un acordo para enriquecer este texto froito do traballo de preto de dous anos feito por expertos con achegas de entidades, institucións e particulares. Neste senso, o responsable autonómico de Lingua agradeceu a colaboración e implicación de todos os profesionais que participaron, baixo a coordinación do académico Manuel González, na elaboración deste documento.