Noticias

O PLADIGA 2023 incorpora novidades en canto a persoal, medios e melloras tecnolóxicas

O Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) 2023 procura a redución das consecuencias ecolóxicas, económicas e sociais dos incendios forestais, dentro das posibilidades que ofrecen os recursos dispoñibles. Este Pladiga 2023 ten catro liñas de actuación diferenciadas: prevención; detección, disuasión, investigación e medidas correctoras; extinción e formación, e ofrece este ano una serie de novidades, como son a creación dunha unidade de directores de extinción especializada en grandes incendios forestais, tres novas brigadas públicas helitransportadas, a ampliación da rede de videovixilancia forestal, a incorporación de novas melloras tecnolóxicas, a actualización das parroquias de alta actividade incendiaria e o reforzo do Plan de formación.

Equipo especializado e novas brigadas helitransportadas públicas

O Pladiga 2023 contempla a creación dunha grupo de directores de extinción, que serán mobilizados polo Centro de Coordinación Central de Incendios naqueles lumes que presenten un risco alto de converterse en grande incendio forestal. Esta unidade, formada por persoal de diferentes categorías (técnicos, axentes, bombeiros forestais, emisoristas...), terá como obxectivo facilitar e favorecer o correcto desenvolvemento do dispositivo de extinción, e dependerá da Dirección Xeral de Defensa do Monte.

Partindo dun equipo mínimo de dúas persoas, das que polo menos unha terá o perfil axeitado para ser director/a de extinción á súa chegada ao lume, a configuración do equipo humano e dos medios materiais empregados virá definida polas características do incendio e a súa potencialidade, sen haber unha limitación previa.

En 2023 créanse tres novas brigadas públicas helitransportadas nas bases do Barco de Valdeorras, no Xurés (Muíños) e en Queimadelos (Mondariz) -con medio cento de efectivos para cubrir as diferentes quendas-, que hai que engadir ás existentes nas bases de Marroxo (Monforte), Campiño (Pontevedra) e Vilamaior (Verín).

Estas brigadas helitransportadas van supoñer un apoio fundamental para as unidades, non só pola versatilidade dos medios aéreos para certas accións, senón tamén pola garantía que supón o dispoñer de medios técnicos e humanos dentro do equipo. Dentro destes medios destaca a incorporación de 15 motobombas e 12 batracios (tractores con cisterna, trituradora multifunción e polidozer), e ao longo deste ano, outros tres vehículos motobombas e outros dous batracios.

Vixilancia e melloras tecnolóxicas

No tocante á vixilancia fixa, o Pladiga 2023 incrementará en cinco as cámaras dispoñibles en dúas novas localizacións, chegando así ás 153 unidades en 76 localizacións. As cámaras contan cunha tecnoloxía de última xeración, especialmente deseñada para exteriores e vixilancia forestal, con zoom remoto, movemento horizontal e vertical, rotación nos 360º automática e baixo demanda, visión panorámica e altas capacidades de gravación.

NoticiaPor outra banda, unha nova aplicación web facilitará a xestión, supervisión e control da maquinaria pesada, e se actualizan as plantillas dos portófonos e mobilófonos Tetra para mellorar a coordinación na extinción, incorporando canais de intercomunicación con outros dispositivos que usan este sistema (061, policía, 112, bombeiros urbanos, etc.) nas emisoras de técnicos forestais e axentes ambientais

No aspecto tecnolóxico, novas aplicacións e melloras apoiarán a loita contra os incendios, como son os novos terminais de altas prestacións e amplas capacidades de procesamento, co obxectivo de distribuír a última versión de XeoCode Lite (ferramenta de información e incorporación dos datos relativos ao punto de inicio e avance do lume, fotografías xeorreferenciadas, perímetro e aqueles outros datos que poidan ser de interese) entre todos os técnicos forestais, axentes ambientais e persoal do Servizo de prevención e extinción de incendios.

Parroquias de alta actividade incendiaria

O Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia eleva ata 40 o número de parroquias de alta actividade incendiaria( fronte ás 35 do ano pasado), dado que 26 repiten respecto á anterior campaña, 14 entran no listado e 10 saen del. As que entran son: Ribasieira (Porto do Son), Quins (Melón), Padrenda (Padrenda), Casaio (Carballeda de Valdeorras), A Xironda (Cualedro), Chaguazoso (A Mezquita), Oímbra e A Granxa (Oímbra), Grixoa (Viana do Bolo), Vilamaior da Boullosa (Baltar), Prado de Limia (Muíños), Mourentán (Arbo), San Salvador de Budiño (O Porriño) e Saiar (Caldas de Reis). As que saen: O Pindo (Carnota), Ourense (Ourense), Paradela (Manzaneda), San Millao (Cualedro), A Esculqueira (A Mezquita), A Fraga (Lobeira), San Paio de Araúxo e Río Caldo (Lobios), Guillamil (Rairiz de Veiga) e Rebordechau (Vilar de Barrio).

Os medios humanos e materiais mobilizados mantéñense en niveis similares aos de anos pasados, cun operativo integrado por máis de 7.000 persoas (contando profesionais propios Xunta e os adscritos a outras administracións), das que os traballadores de nove meses pasan a ser de 12 meses. En canto á maquinaria, mantéñense os preto de 380 vehículos motobomba e mobilizaranse unha trintena de medios aéreos, achegados tanto pola Xunta como polo Estado.

Formación e prevención

No ano 2021 foi aprobado o Plan de formación para 2021-2024, para planificación a formación ao persoal dos dispositivos de prevención e defensa contra os incendios, e que preve un orzamento de 700.000 euros en 2023, fronte aos 400.000 do anos pasado. Este Plan consta de catro programas:

Dous dirixidos ao Servizo, cun dobre obxectivo: reforzar a profesionalización dos efectivos contraincendios e preparalos de cara á eventual acreditación das súas capacidades mediante os certificados de profesionalidade relacionados cos lumes forestais. Un total de 33 cursos en 602 edicións, con aproximadamente 13.444 prazas e 443.373 horas de formación presencial, telemática e mixta (case o cuádruplo das 115.000 horas do anterior plan). Vanse desenvolver tamén varias iniciativas relacionadas coa seguridade laboral, cos cada vez máis habituais grandes incendios e lumes de interface ou co manexo de equipamentos de traballo como os equipos de comunicación Tetra ou os novos vehículos de extinción, nun programa práctico de obrigado cumprimento para os efectivos e contará cunha estrutura a tres niveis: autonómico, provincial e de distrito.

Un para o persoal dos Concellos, para que poidan desenvolver as súas funcións contando coa adecuada cualificación profesional e coordinados cos medios autonómicos. Preténdese continuar coas formacións prácticas impartidas en 2021 e 2022, un total de 75 xornadas de sete horas de formación cada ano, centradas na seguridade e saúde no traballo e na prevención de riscos.

Outro para a sociedade do rural, iniciada en 2022: Este ano contémplase impartir un mínimo 40 charlas dirixidas á poboación das parroquias de alta actividade incendiaria, para continuar a súa formación e concienciación, para que aprendan a autoprotexerse implicándose na prevención, colaborando cos efectivos contraincendios e axudando a dar coas causas e cos causantes dos lumes.

A Xunta de Galicia destina este ano á prevención case 38,8 millóns de euros, elevando en máis dun 17 % o orzamento con respecto a 2022, co obxectivo de actuar en polo menos unhas 60.000 hectáreas de terreo e uns 5.600 km de pistas forestais e outras vías, ademais de en case 4.840 puntos de auga( creación de puntos novos e mantemento dos existentes).

No período abril 2023 - marzo 2024 está previsto executar queimas prescritas en máis de 2.100 hectáreas, o triplo que no correspondente período anterior. Cabe destacar ademais que están previstas 2.790 hectáreas de execucións subsidiarias dentro do convenio de protección das aldeas (no que participan 279 concellos, e subscrito entre Xunta, Fegamp Seaga).

Por último, incorpórase a revisión para comprobar o nivel de xestión dos predios das franxas secundarias nos convenios de brigadas que mantén a Xunta cos Concellos (que ata a actualidade se centraban na roza e a extinción), e un visor público que mostra aos cidadáns para a súa consulta e posterior limpeza as parcelas dentro das faixas (en concreto, dos concellos con plan municipal de prevención aprobado).

R., 2023-07-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (mitec-42-2025.jpg) A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas presentou hoxe a programación da súa 42ª edición, que se celebrará entre os días 22 de xuño e 6 de xullo no Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela, así como nas rúas e noutros espazos da vila do Morrazo, que acollerán 26 espectáculos e un nutrido programa de actividades lúdicas e sectoriais. O certame, organizado desde 1984 pola Asociación Cultural Xiria, é un dos poucos festivais de teatro europeos cuxo principal selo de identidade é a comedia, unha marca consolidada e referente da produción escénica deste xénero en calquera das súas vertentes: negra, branca, xestual, contemporánea, circense, dramática, musical e, dende hai máis dunha década, tamén na danza.
Foto de la tercera plana (musica-clasica.jpg) A praza Conde de Fontao de Foz será o enclave elixido para a actuación extraordinaria do festival o 31 de xullo con La Carroza Del Real, mentres que o destacado pianista Denis Kozhukhin abrirá oficialmente o ciclo de concertos o 12 de agosto na Fortaleza de Alfoz. O 13 de agosto a Real Filharmonía de Galicia e o Coro da Comunidade de Madrid realizarán o primeiro concerto sinfónico-coral no que interpretarán o Réquiem de Mozart na Catedral de Mondoñedo. A clausura do XII Festival Bal y Gay será co barítono galego Borja Quiza, o 21 de agosto, no Teatro Pastor Díaz de Viveiro, cita na que tamén participarán o pianista Javier Carmena e a mezzosoprano Andrea Rey, nunha proposta que mesturará as raíces galegas e españolas.

Notas

Afondar no papel que a evidencia científica pode e debe xogar nas decisións políticas e na implantacións de políticas públicas foi o obxectivo central da conferencia impartida pola presidenta do Consejo Superior de Investigaciones Científicas, Eloísa del Pino, na UVigo. Sustentar as actuacións públicas na ciencia, defendeu Del Pino, posibilita en primeiro termo 'ser eficiente cos recursos, porque sabes que é máis probable que unha política funcione, aínda que non é unha garantía de éxito'.
A Sociedade Europea de Biomateriais recoñeceu cun dos seus premios europeos de doutoramento Julia Polak 2025 a Ana Iglesias Mejuto e Miguel Pereira Silva, que realizaron a súa tese de doutoramento en iMATUS da USC. O galardón distingue persoal investigador novo que completou un doutoramento de excelencia no ámbito dos biomateriais e a enxeñería de tecidos, valorando tanto a calidade da súa investigación como a súa formación internacional.
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES