
Alfonso Villares fixo fincapé nestes asuntos durante a reunión mantida esta tarde co responsable da Comisión de Pesca da Eurocámara e celebrada en Vigo coincidindo coa xuntanza informal de ministros de Pesca da UE para debater sobre a descarbonización dos buques. A este encontro tamén asistiu o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, e o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana.
En relación con normativas como a prohibición da pesca de fondo, o conselleiro lamentou a falta de avaliacións rigorosas sobre o seu impacto e transmitiu a Pierre Karleskind que a Xunta seguirá defendendo os intereses da frota a todos os niveis para garantir o futuro da actividade pesqueira. Mostra disto é o recurso presentado pola Organización de Produtores Pesqueiros de Burela contra o veto á pesca de fondo no que a Xunta de Galicia foi admitida recentemente como parte coadxuvante polo Tribunal Xeral da UE.
A Administración galega tamén seguirá traballando para frear as pretensións de Bruxelas en relación coas restricións á pesca de arrastre que recolle o Plan de Acción sobre os fondos mariños. Nesta liña, Galicia pide á Comisión Europea que escoite ao sector e aos Estados membro para tomar decisións que atendan ao equilibrio entre os aspectos medioambientais e socioeconómicos.
Isto mesmo, engadiu Alfonso Villares, é necesario noutras cuestións como a Lei de restauración da natureza que está en tramitación e que na súa forma actual conducirá a unha menor produción de alimentos en Europa, elevando aínda máis os seus prezos. Neste ámbito a comunidade galega agarda que as distintas autoridades españolas e europeas realicen as xestións oportunas para que se reformule a proposta e se garanta a seguridade alimentaria e o futuro do sector primario.
Descarbonización
En canto á descarbonización da frota -o tema central do Consello de Ministros de Pesca organizado polo Goberno central na cidade olívica- Alfonso Villares expuxo a Pierre Karleskind o compromiso de Galicia a prol deste obxectivo, pero sempre que sexa de xeito equilibrado, xusto e asumible para o sector marítimo-pesqueiro. Para iso, sinalou o conselleiro, é fundamental que se teña en conta a baixa pegada de carbono da pesca, o marisqueo e a acuicultura e que a transición enerxética se realice cando haxa alternativas viables aos combustibles fósiles, que na actualidade non existen.
Neste encontro, o titular de Mar tamén lamentou a ausencia de representación de Galicia nas visitas e xuntanzas informais realizadas no marco do cumio de ministros de Pesca da UE e a escasa participación e presenza outorgada á Administración autonómica, malia que Galicia é a principal comunidade pesqueira de España e a máis importante da UE.
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, liderou esta na capital comunitaria a delegación da Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas (CRPM) que mantivo unha reunión de traballo na sede da Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca (DG MARE) con representantes deste departamento da Comisión Europea. No encontro participaron mandatarios e representantes de territorios costeiros de concas como o Atlántico, o Mediterráneo ou o mar do Norte para abordar a futura estratexia Visión 2040 e a necesaria actualización da Política Pesqueira Común (PPC).
Un total de cinco candidaturas galegas optan como finalistas aos XIX Premios Nacionais de Artesanía, convocados polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. Galicia convértese así na comunidade con máis finalistas, con candidaturas en catro das cinco categorías. En concreto, os ceramistas Barreiros Artesanía e a deseñadora e redeira Amalia Puga optan ao Premio Produto, mentres que Sandra Vilas é candidata por segundo ano consecutivo ao Premio Emprendemento.